El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Elecciones  |   RSS - Elecciones RSS

Senra defende medidas na UE para salvagardar faenas artesanais no mar

Critica os problemas que van parellos ó ordenamento para as grandes frotas

Villares xunto con Lidia Senra - FOTO: EM
Villares xunto con Lidia Senra - FOTO: EM

16.05.2019 
A- A+

Santiago. A campaña electoral de En Marea, visitou no día de onte o mercado da Praza de Lugo, na Coruña. Ata alí desprazáronse o todavía líder da marca rupturista, Luís Villares, e a súa candidata ao Parlamento Europeo, a polémica Lidia Senra que concorre na alianza Compromiso por Europa. A ex líder sindical reclamou políticas europeas que protexan a pesca artesanal e de pequena escala, un sector que considera fundamental para Galicia.

"Están a facerse normativas para as grandes frotas, que son negativas para esta pesca", expuxo Senra, quen reivindicou unha política pesqueira europea que protexa a pesca artesanal e ademais apelou tamén á necesideade fundamental de promover e potenciar o consumo das capturas procedentes deste modelo de explotación a pequena escala no país. "As administracións deben asumir a responsabilidade de abastecer os comercios públicos coas capturas deste modelo de pesca, e mercar nos mercados locais", indica Senra.

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, referiuse ao papel que estas actividades teñen nunha cidade como A Coruña. "É máis que un sector produtivo, é unha forma de relacionarse a cidade co mar", expuxo.

Ademais, na visita remarcou o labor realizado por Lida Senra como eurodeputada. "A loita por un corredor atlántico ferroviario que fixese viable o porto exterior foi consecuencia do traballo de Lida Senra. Foi o grupo de En Marea no Parlamento Europeo quen reivindicou esa necesidade", indicou.

Villares tamén lembrou a tarefa pendente no que se refire á situación do porto da Coruña e a apertura da fachada marítima á cidade. "Aínda quedan por escoitar as explicacións do PSOE sobre a razón pola que non se condonou a débeda do porto da Coruña. Unha situación que está impedindo a construción do modelo de cidade aberto ao mar que reivindica a Marea Atlántica", destacou o voceiro de En Marea. Que insta ao goberno central socialista de Pedro Sánchez a ter en conta as necesidades e a vontade da cidadanía da Coruña e a proceder á condonación da débeda da Autoridade Portuaria, igual que se fixo coa débeda que tiña que ser asumida polo mesmo organismo da cidade de Valencia.