El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Elecciones  |   RSS - Elecciones RSS

Candidata de En Común Unidas Podemos

Yolanda Díaz: "O PSOE quere nomear a Albert Rivera vicepresidente"

Yolanda Díaz, fotografiada o Luns de Chamorro no entorno do teatro Jofre co Arsenal de Ferrol como telón de fondo - FOTO: Kiko Delgado
Yolanda Díaz, fotografiada o Luns de Chamorro no entorno do teatro Jofre co Arsenal de Ferrol como telón de fondo - FOTO: Kiko Delgado

PATRICIA HERMIDA FERROL   | 24.04.2019 
A- A+

{ Fene, 1971 } Nos últimos tres anos, Yolanda Díaz convertiuse nunha das figuras máis mediáticas da esquerda española. Co sorriso sempre por diante, esta avogada feminista resposta ás críticas sobre o 'hara-kiri' das xa antigas Mareas. E insiste na mensaxe electoral de En Común Unidas Podemos: o PSOE quere pactar con Ciudadanos.

A pregunta que máis lle fan en campaña é por que se presenta por Pontevedra cando vostede é de Ferrol. Trátase dunha estratexia para que En Común Unidas Podemos logre polo menos dous escaños?

Pero eu non son a candidata de Pontevedra, son a candidata de Galicia. Para min é unha honra. E na pasada lexislatura amosei que son a deputada máis activa: traballei en todos os problemas, desde Ferrol e Viveiro ata Mondariz ou O Barco.

Cre nas enquisas?

O dato máis relevante é que a metade dos galegos que votarán nas xerais aínda non saben a quen facelo. Todo está aberto e o último tramo de campaña será o máis determinante na historia recente da democracia. As enquisas non dan maioría á dereita, hai un desfonde forte dun PP secuestrado por Vox. Creo que haberá maioría de esquerdas, pero plural porque nunca regresará o bipartidismo.

Valeu a pena a ruptura con Luís Villares se padecen o 28-A unha baixada tan importante de escanos como din os sondeos?

Luís Villares debe explicar á cidadanía por que quixo romper con nós e non dá explicacións. El é o pasado.

Só el tivo a culpa?

A sociedade galega sabe que nós ofrecimos un pacto e el non quixo pactar. Nós insistimos en chegar a un acordo ata o 14 de marzo. E aquí o deixo.

Apostan agora por deixar as polémicas internas?

Porque é pasado. Eu non fixen acusacións senón chamamentos á unidade. El non quixo e se acabou. Temos a responsabilidade de gobernar este país, e traballamos con ese obxectivo desde o ano 2012.

Hai votantes de esquerdas desilusionados que botaron de menos ao BNG no Congreso.

Nunca Galicia estivo tan presente como nos últimos tres anos. Os xornalistas parlamentarios recoñeceron o traballo dos deputados galegos, somos os máis coñecidos. O naval, Ence, Reganosa, a Muralla de Lugo, todo estivo no Congreso grazas a nós.

Damos por feito un pacto entre PSOE e Unidas Podemos?

Iso non é certo. O asesor económico de Pedro Sánchez ve compatibilidade absoluta entre o seu programa económico e o de Ciudadanos. A opción preferida do PSOE é coller os votos da esquerda para colocar pola dereita a Albert Rivera de vicepresidente. Por iso chamo ao voto dos indecisos. Pedro Sánchez só presume dos logros de Podemos, como un salario mínimo histórico. Pero a pista de saída está posta para gobernar con Ciudadanos. É evidente que En Común Unidas Podemos debe ter forza para evitar esa economía de dereitas. Porque a preferencia dos mandatarios do PSOE é gobernar con Rivera.

Na campaña descubriu unha Galicia descoñecida que non se amosa nos medios?

Existe unha Galicia totalmente desatendida e desvertebrada, que continúa no século XIX. O PP esnaquizou o noso país e gobernou contra a xente. Fixo bandeira dunha Galicia que se está empequenecendo. Os novos marchan porque non hai futuro, boa parte do territorio está despoboado e con niveis de pobreza abrumadores. Falamos dunha Galicia invisible.

Galicia ten medo á política?

Hai moitísimo medo. Nótase o control social do PP no noso país. Nas pasadas eleccións xerais xa interpuxemos accións contra a carretaxe de votos. Non hai liberdade. As fortes redes caciquís están potenciadas pola Xunta.

Vigo é a gran cidade galega e tamén a gran esquecida?

Trátase da potencia de Galicia, pero as élites políticas e económicas toman decisións desde A Coruña. Se tivese máis apoio do Goberno central e a Xunta, Vigo sería un motor económico enorme pese a que a provincia ten u­nha precariedade brutal. Amósase no naval e na automoción, na deslocalización que tamén afecta á ría de Ferrol. Na industria galega asistimos á lei da selva, con políticas públicas inexistentes. Ferrolterra leva en crise desde os 70 co desmantelamento do naval. A comarca necesita carga de traballo inmediata, nos esperan dous anos malos ata as fragatas.

En pleno 2019, o corpo da muller aínda é obxecto de debates (desde o aborto á xestación s­ubrogada).

Paréceme deplorable. Chamo á derrota democrática da barbarie. Están a matarnos e a degradarnos, pero as mulleres non daremos un paso atrás. Xa non estamos nos anos 30 e encheremos as urnas de votos feministas. Non queremos unha España de dous rombos. Aínda hai temor ás mulleres con ambicións profesionais?

A sociedade é machista e desigual, con fendas de pensions do 39 % e salariais do 24 %. Pero o futuro será feminista e combativo, pese a que seguimos cosificadas. Un exemplo: no debate con mulleres comentouse a roupa, no de homes non.

"En Galicia hai moito medo á política. Nótase o control social do PP, as fortes redes caciquís que potencia a Xunta" // "Nunca Galicia estivo tan presente no Congreso como nos últimos tres anos" (preguntada sobre os votantes de esquerdas que aseguran botar de menos ao BNG)