Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Feijóo reforzaríase e lograría a súa cuarta maioría absoluta

Subida do PSdeG, despegue do Bloque e esborralle dos grupos rupturistas

O Partido Popular renovará a súa maioría absoluta dun xeito moi solvente. O PSdeG mellora os resultados das eleccións do 2016 pero con cifras incertas. O BNG rexistrará un importante incremento de escanos. O grupo de partidos rupturistas denominado Galicia en Común- ANOVA Mareas (GeC-AM) sufrirá un gran descalabro. Ciudadanos, Vox e as Mareas Galeguistas quedan fóra do Parlamento. Isto é o que din, en esencia, as enquisas publicadas de cara ás eleccións de Galicia do 12-X. As cifras extrapoladas do conxunto dos informes elaborados polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), o Instituto Sondaxe para La Voz, Infortécnica para El Progreso, e Gesop para Faro de Vigo debuxan unha Cámara con 41 escanos populares, 17 socialistas, 13 do BNG e 4 de GeC-AM.

Os datos proporcionados prevén que o PPdeG se mova nunha pinza que vai de 39 a 43 deputados, superando os 38 que marcan a maioría absoluta e aínda con posibilidades de aumentar o xa elevadísimo número que xa tiña na anterior lexislatura (41). Isto manifestaría unha saúde plena do proxecto popular logo de doce anos de goberno e a reafirmación do liderado de Alberto Núñez Feijóo, que afrontaría un cuarto mandato cun goberno estable. Significaría que non hai desgaste malia os enormes obstáculos que veñen supoñendo as crises económica e sanitaria.

As previsións para o PSdeG son bastante máis difusas, xa que as cifras van dos 14 escanos aos 21. A máis pesimista supoñería parálise, xa que igualaría a situación actual, e a máis optimista significaría un éxito para Gonzalo Caballero pola suba notable dun 50% e pola consolidación do socialista como partido que lideraría unha alternativa de goberno en caso de que o PP non acadase a mayoría absoluta. Tamén porque ampliaría a marxe co BNG, deixando de lado a ameaza de sorpasso dos nacionalistas. Caballero, que busca confianza e resultados aproveitando o efecto Sánchez, ten porén que manexar unha situación preelectoral difícil pola caída industrial que afecta ás factorías de aluminio de Alcoa, ás térmicas das Pontes e Meirama ou a celulosa Ence, marcadas pola xestión do Goberno socialista.

Todas as enquisas anuncian o despegue do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que na actualidade conta con 6 actas. Os estudos das firmas de sondaxes outórganlle un territorio que se agranda e que vai das 9 ás 16, cuns resultados que poderían verse máis que duplicados. A súa candidata á Xunta, Ana Pontón, presenta un BNG que busca superar aos socialistas e que quere encabezar un posible goberno que agruparía as forzas de esquerda, con ela como presidenta. En calquera caso, as sondaxes indican a continuidade da recuperación do BNG e o seo afortalamento.

O grupo de partidos rupturistas, Galicia en Común- ANOVA Mareas (GeC-AM), que veñen da fractura de En Marea, caen con estrépito en intención de voto. O custe dos enfrontamentos e as división parecen ser moi altos. Logo de seren a segunda forza máis votada en 2016, detrás do PPdeG e por diante do PSdeG, e despois de xestionar nada menos que 14 actas con En Marea, descenden a cifras que poderían ser case testemuñais. O tramo que lle dan as enquisas é de 2 a 6 escanos, e mesmo poderían ‘desaparecer’ das provincias de Lugo e Ourense.

Con todo, as enquisas reflicten dúbidas en relación aos resultados electorais do día 12 deste mes de xullo. A máis destacada é a posta de manifesto que hai máis dun 30 por cento de persoas indecisas. Este grupo é unha das grandes preocupacións dos partidos, que traballan para evitar a desmobilización do electorado nun momento, ademáis, definido polas difíciles circunstancias sanitarias e polo temor dunha boa parte da poboación a acudir a calquera lugar no que se prevé que poida haber aglomeracións, como é o caso dos colexios electorais.

A dispersión do voto, por outra parte, propicia estratexias e movementos dos grupos aspirantes ao parlamento galego, especialmente os que se ven con opcións de gobernar. O Partido Popular de Galicia teme a viaxe de sufraxios aos partidos minoritarios do bloque da dereita, Ciudadanos e Vox, que segundo as enquisas quedarían fóra da Cámara, pero que van a influír na configuración final do Parlamento. Pasa outro tanto no bloque da esquerda, no que unha posible coalición PSdeG, BNG, CeG-AM pode non chegar a ser efectiva pola ‘fuga’ de votos a outras formacións que, en definitiva, non teñen posibilidades de chegar a O Hórreo.

O líder do PP, o máis valorado

Puntuación. As enquisas recollen a valoración que dos candidatos fan os electores. Neste aspecto tamén Núñez Feijóo é gañador. A nota que lle dan é a máis alta, 5,97 puntos, e incluso hai unha enquisa que marca un 6,1.

A figura da candidata nacionalista, Ana Pontón, portavoz do BNG, tamén supera o aprobado e é a segunda en valoración por parte dos galegos, que a cualifican cun 5,24. A máxima puntuación dálla o informe de Faro de Vigo, un 5,6.

En terceiro lugar, pero con suspenso, aparece o candidato socialista, Gonzalo Caballero, que, con todo, achégase ao cinco ao marcar 4,77.

Dentro do grupo rupturista, Antón Gómez-Reino, que lidera Galicia en Común - Anova Mareas, obtén un 4,09.

Otros candidatos, como os de Ciudadanos, Mareas Galeguistas ou Vox, xa están moi afastados, tanto en valoración como en grao de coñecemento.

É interesante comentar un dato ofrecido pola enquisa do CIS sobre preferencias dos electores. Á pregunta de “quen preferiría que fose o/a presidente/a da Xunta de Galicia nestes momentos? (xuño de 2020), o 44,5% contestou a favor de Núñez Feijóo, do PP.

Un 15,9 por cento recoñeceu a súa preferencia por Ana Pontón, portavoz do Bloque nacionalista Galego, e un 15,2 mostrou predilección polo candidato socialista, Gonzalo Caballero. Os dous poderían chegar a competir polo liderado dun hipotético bloque de esquerdas se o PP perdera a maioría absoluta.

05 jul 2020 / 22:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.