Fernando Mayo: “Fomos os primeiros en prometer transporte a demanda no rural”

En relación á xestión da auga proposta por CA, o candidato de Vox asegura que "apoiaremos todas aquelas solucións acertadas que defendan os intereses da cidadanía"

Fernando Mayo / VOX

Fernando Mayo / VOX

A. T.

“A situación dunha cidade estancada e en decadencia” foi a principal motivación do médico Fernando Mayo para presentar con Vox a súa candidatura á Alcaldía de Compostela. “Santiago está a quedar atrás do eixe de cohesión demográfica e do económico en Galicia”, asegura Mayo. “O medio rural, a parte norte sobre todo, vive un abandono total, sen servizos básicos nin transporte”. Neste sentido Fernando Mayo apunta que “fomos os primeiros en comprometernos a levar o transporte ao rural, e logo veu o alcalde a prometer o mesmo, transporte a demanda, Sánchez Bugallo vén a rebufo de nós”.

En referencia ao rural, eixo central do programa de Vox para resolver o seu abandono, “dunha axeitada rede saneamento e abastecemento, as estradas están en malas condicións”. Cuestións todas que levan ao candidato de Vox a afirmar que “hai un déficit de condicións humanísticas mínimas no noso rural”. A este respecto critica que “hai uns anos houbo unha partida económica importante procedente de Europa para a recollida da auga residual no medio rural, non se fixo nada”.

En relación á xestión da auga e preguntado pola proposta que sostén Compostela Aberta (CA), o candidato de Vox explica, “apoiaremos todas aquelas solucións acertadas que defendan os intereses da cidadanía, non vimos a encorsetarnos senón a defender os interese dos composteláns, a negociar con algúns e a colaborar con quen teña o noso mesmo obxectivo. CA e Vox estamos en puntos opostos pero é posible chegar a puntos de encontro con sentido común, sen que iso supoña pactar con ninguén”.

A política social de Vox tamén se centra na contorna rural porque “é necesario facilitar nestas zonas un momento de respiro para as familias, crear ludotecas, favorecer a actividade laboral dos pais, porque agora xa non conviven pais, nenos e avós coma antes”. Fernando Mayo apunta aos centros socioculturais para darlle este novo uso.

Arredor do posible resultado o 28-M, Mayo di que a espectativa é boa, “penso que imos sacar moi bos resultados, e atrévome a vaticinar que non haberá grandes votados”. Mayo tamén se queixa de que “as enquisas non nos citan e os medios invisibilízannos pero iso négao a nosa sensación na rúa”. A pesar de que tamén denuncia ser vítima de insultos e ameazas por xente afín á esquerda.