Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pontón pide a Pontevedra o mesmo apoio dado a Lores para trasladar os logros desta cidade ao conxunto do país

A líder dos nacionalistas galegos tamén pediu o apoio para darlle á urbe “un goberno aliado” e “confianza” no programa de goberno do Bloque, que conforme sinalou, aposta polo potencial do país

PONTEVEDRA, EP. A candidata do BNG á Presidencia da Xunta polo BNG, Ana Pontón, pediu este mércores aos veciños de Pontevedra que lle outorguen o vindeiro domingo o mesmo apoio que hai máis de dúas décadas brindaron ao seu alcalde, o tamén nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, para trasladar os logros desa cidade ao conxunto do país.

Acompañada polo rexedor e os candidatos pola provincia Luís Bará e Manuel Lourenzo, a líder dos nacionalistas galegos estivo este mércores na Boa Vila, na que tamén pediu o apoio para darlle á cidade "un goberno aliado" que camiñe da man para desenvolver os proxectos desta urbe.

Pontón referiuse no seu discurso á "axenda urbana galega" coa que espera "trasladar o modelo de Pontevedra ao resto das cidades e vilas de Galicia" un "novo proxecto de país" que estará, dixo, "inspirado no bo facer" da cidade do Lérez.

"Estamos nun momento decisivo" no que as medidas que agora se adopten van definir a Galicia do próximos vinte anos "e temos que situarnos na modernidade e na vangarda", sinalou.

Neste sentido, pediu "confianza" no programa de goberno do Bloque que, conforme sinalou, aposta polo potencial do país, pola ciencia e pola innovación, por un novo modelo urbano, que afronta o desafío da emerxencia climática e que vai levantar a Galicia.

"Este domingo temos a oportunidade de facer historia cunha muller presidenta liderando un goberno do BNG que confía e que ama a este país", proclamou.

Unha vez máis, Ana Pontón apelou ao electorado para que protagonice unha "gran mobilización nas urnas" e para "concentrar no BNG todo o voto do cambio galego". A todos eles prometeu que "estaremos á altura".

Pola súa banda o exconcelleiro pontevedrés e cabeza de lista do BNG, Luís Bará, destacou o "cambio transformador liderado por Ana Pontón", que comparou co "liderado integrador" de Miguel Anxo Fernández Lores.

Finalmente, Bará asegurou que "Galicia está nunha encrucillada histórica" e o domingo 12 de xullo "a xente nacionalista e a non nacionalista" ten a "oportunidade" de facer que Ana Pontón sexa a primeira muller presidenta da Xunta e que poña en marcha políticas "transformadoras" que permitan "dar un paso de xigante" nunha Comunidade que "se merece ter un futuro certo".

08 jul 2020 / 19:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.