Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ TWITTER ON THE ROCKS CON TRES GOTAS DE RON }

Tempestade sobre Washington: tempestade sobre Monte Pío

ENTRE HENRY FONDA E CHARLES LAUGHTON. Para os politólogos, Tempestade sobre Washington é toda unha clase mestra sobre as estratexias (e puñaladas) do Senado máis apaixonante do mundo. Por un lado, Fonda candidato a Secretario de Estado con pasado comunista. Por outro, Laughton avispado senador de Carolina do Sur. E polo medio, vinganzas e unha cabeza de turco. Pero a política galega tamén engancha. Aquí vemos a @G_Caballero_M con Valentín G. Formoso.

EN BUSCA DUNHA PELI CON SODERBERGH. O noso candidato máis nudista @AntonGomezReino continúa de chapuzón en chapuzón. Nun dos seus últimos vídeos, pégase por terceira vez un baño con Riazor e a Torre de Hércules de fondo. Pero como decidiu chimparse ao Atlántico pola noite, o filme sae demasiado escuro e amateur para publicar aquí un fotograma. En plan O Proxecto da Bruxa de Blair. Na galería que acompaña a esta noticia, aparece nun cartel máis resultón e con Evo Morales como entrevistado. Ao máis puro estilo Steven Soderbergh (toma piropo).

FALA O COMISARIO PANCHO CASAL. Continuando co formato Hollywood, ante os micrófonos plastificados aparece @panchocasal como comisario de Canción Triste de Hill Street. O noso Bogart parece estar a punto de dar parte da última redada nos barrios baixos de LA.

Aproveitamos o inciso de hoxe para falar do copyright. As fotografías que acompañan esta peza son pescadas dos perfís en Twitter dos candidatos ou das súas formacións políticas. Por exemplo, Pancho Casal non é moi asiduo a chiar así que temos que mergullarnos na Marea Galeguista. En cambio, o candidato de Galicia en Común (Gómez-Reino) anda con máis frecuencia polas redes sociais. Mesmo no último momento chapuzón, gravouse el en plan selfie (menuda redundancia). Non sabemos como acabarán tanto o teléfono como o seu propietario. Desde aquí volvemos a recomendar un bañador hawaiano e paracetamol.

cine indie. Os Pontoniers, que son moitos, estarán dacordo en que a candidata do BNG sería o raio de luz en calquera película indie. E por independente entendemos desde a Éric Rohmer ata esas rodaxes californianas no interior dun Diner: coa mesa ben surtida de xarras de café, platos de ovos con touciño... Fóra piropos e larpadas, @anaponton andivo este mércores por Ferrol: en concreto polo barrio municipal de Recimil para falar de vivenda. Ao seu carón vemos a Mon Fernández e Iván Rivas, que nos seus tempos mozos sabemos que podían entrar nunha de Linklater. Damos fe.

‘FEIJÓOLIBERS’. E dos Pontoniers aos Feijóolibers, que tamén son moitos. Na imaxe en Poio, o candidato do PPdeG anunciaba un Novo Plan de Apoio ás Familias. Os asistentes ao mitin ou acto destes tempos da Nova Normalidade ou Nova Frialdade gardaban as consabidas distancias de seguridade. Tomada así en picado, a fotografía semella a típica oposición de Silleda cos aspirantes separados para que non se copien. No seu perfil de Twitter, @FeijooGalicia opta só (ou máis ben opta o seu equipo de prensa) por colgar vídeos. Ante a escasez de fotos, entramos en @ppdegalicia coa súa profusión de mascarillas azuis e incursións no Camiño de Santiago. En Galicia non hai Capitolio, pero todos soñan co interior de Monte Pío. Será como Falcon Crest?

01 jul 2020 / 22:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.