Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Os expertos critican o formato elixido polo ente público que trabou o debate //
A presenza de formacións sen representación na comunidade influiu en gran medida no devir da confrontación de ideas e programa TEXTO Mateo Garrido

Un pseudodebate a sete no que non se puido (quixo) debatir

Como ben saben os lectores, os debates electorais non son un exercizo de branco ou negro, onde unha interpretación obxetiva permite albiscar un gañador e un perdedor. Non, un debate electoral non funciona deste xeito.

Esta liturxia do cerimonial político, caracterízase polos grises, polas posibilidades de xerar interpretacións completamente distintas dun espectador ao seguinte e polas múltiples esferas nas que compiten os candidatos, cuxa mensaxe non se reduce unicamente á palabra, xa que tanto a súa imaxe como a súa xestualidade, son aspectos igual de importantes.Neste tipo de actos, os candidatos son coñecedores de quecontará cunha relevancia moi similar o que diga, como de que forma o diga. Ademais, o formato no que se desenvolve a contenda dialéctica marca e determina o seu decorrer.

A FÓRMULA DO DEBATE. Isto foi o que aconteceu co debate no que participaron onte os principais candidatos á Presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, Gonzalo Caballero, Ana Pontón, Antón Gómez-Reino e Pancho Casal que compartiron plató con formacións como Ciudadanos e Vox, que non contan con representación en Galicia, pero foron invitados ao seren considerados pola CRTVG como formacións significativas.

Este feito marcou o debate como sinala o profesor de Ciencias Políticas da USC, Antón Losada, nun dos seus coñecidos ‘pildorazos’ de un minuto que publica no seu perfil das redes sociais. O mariñano destacou que “Feijóo quería que non houbera debate, para iso abarrotou o seu plató con sete candidatos para que o debate acabe convertido nunha reunión da comunidade de veciños”.

Losada fai referencia neste senso ao control político que –considera– posúe o todavía presidente da Xunta sobre a CRTVG, e a constatación na noite do luns dun debate que estaba deseñado como un anel ao dedo do de Os Peares. Para o tamén profesor de Ciencias Políticas na USC, Miguel Anxo Bastos Boubeta, a fórmula de debate a sete trabou a dialéctica do encontro reducindo, polo tanto, o seu atractivo para os electores.

A ANÁLISE POLÍTICA. Bastos Boubeta, veu ao candidato do PPdeG “algo nervioso”, unha idea que na noite de onte se repitiu de forma continuada nos foros das redes sociais, e que sorprende polas innegables dotes comunicativas do líder popular, e que algúns televidentes achacaban a un hipotético esgotamento. O sempre polémico profesor considera que o presidente da Xunta saiu a empatar, “a Feijóo non lle interesa entrar no corpo a corpo e eu entendoo”, explicaba en referencia ao perfil baixo asumido polo candidato popular.

Destaca, por outra banda o papel da candidata nacionalista que no seu combate con Gonzalo Caballero por conseguir dar o sorpasso ao PSdeG, saiu vitoriosa. “A mellor foi Pontón que se erixiu como líder da oposición”, explica un feito que Bastos percibe dende dous enfoques.

Por unha banda a nacionalista interpelou de forma directa a Núñez Feijóo, interpelacións das que Bastos destaca “na que lle dixo que cando fóra presidenta de Galiza o primeiro que faría sería chamar a Feijóo, por ser o líder da oposición”. Unha boa forma de visibilizar a súa alternativa. Por outro lado, Bastos destaca o cambio de ton de Ana Pontón en comparación ao debate de hai catro anos. “Daquela loitaba por manter o partido, cun discurso para os seus, non obstante agora percibo unha ampliación do espectro, fala para máis xente. Neste senso, fixo ben en non entrar no debate que lle propuña a candidata de Cs en relación con Catalunya nin nas interpelacións que lle fixo Gómez-Reino sobre o posible pacto de goberno a tres”.

A pesares do seu inclinamento pola candidata nacionalista, Bastos considera que tanto de Caballero como de Gómez-Reino non se pode dicir que fixeran un mal debate pero acudiron a confrontar atados en certa medida ás accións do Goberno estatal. “Caballero, por momentos, centrouse unicamente en defender ao Goberno de España, non tocaba” e Gómez-Reino errou “ao mencionar unha posible marcha de Feijóo a Madrid, cando el aínda é deputado no Congreso”, destaca ademais das intervencións do candidato rupturista a súa enumeración dos casos de corrupción nos que se viu inmerso o PPdeG ao longo dos 11 anos de Goberno de Núñez Feijóo, “tal vez non era o momento tal e como están as cousas en Madrid”.

A análise de Antón Losada centrouse no papel exercido por Ciudadanos e Vox no debate, que ao seu modo de ver, fixo que non só se visibilizara onte a alianza entre PSdeG, BNG e GeC, senón tamén outra no espectro dereito do taboleiro. “O que se destapou o debate e non sabíamos é que hai outra alianza. A alianza da dereita coa ultradereita para protexer a Feijóo, porque a candidata de Ciudadanos e o candidato de Vox foron facer algo máis que estorbar. Foron facer de gardaespaldas de Feijóo, facer o traballo sucio de Feijóo, que non tivo que baixarse á lama, porque para iso xa estaban alí Beatriz Pino, obsesionada con Catalunya e Ricardo Morado, obsesionado con converter a Galicia nun territorio cheo de violentos. E así todo o debate!”, sentenciou Antón Losada no seu vídeo.

máis debates. Preguntado pola celebración tan só dun debate e as peticións das formacións da oposición de máis espazos para confrontar ideas con Núñez Feijóo. Miguel Anxo Bastos Boubeta considera que non os vai a haber “porque a Feijóo non lle interesa, non está nun escenario no que precise nin teña que arriscar. Ten que gardar a posición coa que xa conta actualmente, polo tanto é completamente comprensible”, explica o profesor.

30 jun 2020 / 23:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito