Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MARISA CASTRO CERCEDA // Profesora da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo

20

ESTE ANO 2020 vai quedar na memoria como o «ano no que as palabras coronavirus (como se só houbera un e aparecera agora) e pandemia» entraron a formar parte do vocabulario xeral. E grazas a «san google» e a «san whatsapp» o país ten neste momento un elevado número de «epidemiólogos».

É verdade que o descoñecemento trouxo falta de axilidade na prevención, críticas

non sempre xustificadas, sufrimento, morte e desolación, pero debemos prepararnos para o que falta por vir e «que a vida non nos traiga todo aquelo que somos capaces de aguantar».

Non obstante, nin todo foi malo, tamén chegou a hora de recordar valores esquecidos como a solidaridade, o espíritu de loita, o ver a importancia esencial que teñen os seres queridos na nosa vida, o botar de menos a liberdade conseguida nos últimos 40 anos...

Outra vez fronteiras activas!

É o primeiro punto de inflexión no século XXI, que deixa cinzas e brasas. Medo a enfermar, medo a morrer, medo a perder o emprego, medo a... un medo irracional a todo o que nos rodea. Sen dúbida, un dos peores enemigos do ser humano, que permite manipular, dirixir e organizar vidas cara a onde os «gobernantes e aspirantes a iso» queren. Para libertarnos só nos queda a información en fontes adecuadas, porque como

«de medicina, todo o mundo opina» chega demasiada, que só confunde e engana.

Debemos ser prudentes, non expoñernos innecesariamente, polo menos ata que algunha multinacional nos «ofreza» unha vacina eficaz. Hai anos doenzas como a gripe, a peste, a viruela... eran así. As enfermidades contaxiosas existiron sempre e hoxe, aínda que esta nos colleu desprevenidos, na maioría dos casos hai maneira de superalas.

Hai outra cousa desta pandemia que a min como profesora me preocupa tremendamente, é o que se está a plantexar sobre a formación-educación. Nin na época das novas tecnoloxías se pode obviar a falta de comunicación diaria e directa, «ollos nos ollos», dos docentes e dos discentes. Pódense transmitir coñecementos, máis ou menos, a través de vídeo-conferencias, pódense facer preguntas e probas para avaliar, con máis ou menos xustiza, pero comunicar valores, ensinar a traballar en equipo, a colaborar e a compartir?

Foi curioso ver como «colegas universitarios», que defendían o ensino non presencial decían que para conciliar a vida familiar, acaban de darse conta de que, se eres profisional e responsable, ocupa máis horas o ensino virtual que o presencial. Xa non se pode chegar a aula, explicar un tema, marcharse e que os alumnos estudien. Hai que preparar materiais didácticos de forma diferente, comprobar que os alumnos entenderon

e interiorizaron o explicado, que o profesor é capaz de resolver puntualmente, en tempo e forma, as dúbidas que plantexan... E, como realizar prácticas virtuais en certas carreiras como bioloxía, medicina, física, química, enxeñerías...? Algún de nós operaríase con un ciruxán que só realizou incisións virtuais?

Ademais, nas escolas o ensino obrigatorio virtual leva a que pais, ou máis frecuentemente nais, renuncien ao seu traballo, á súa liberdade persoal, para axudar a fillos e fillas a comprender o que lles explican desde a pantalla de forma sincronizada e a que consigan interiorizalo para resolver as preguntas de avaliación. E isto se os pais teñen suficiente formación e se nas casas hai os medios electrónicos adecuados.

Informar non é exactamente o mesmo que educar. Por iso, hai que ser prudentes ao tomar decisións, e cuidadosos cos contaxios, sen histrionismos, sen perder o norte e, intentando continuar a formar persoas completas, sólidas, con valores e con profesionalidade, xa desde a escola. Ser responsables e non crear persoas con medo, «analfabetos funcionais» e inseguros, porque iso só nos levará a un mundo con persoas de segundo grao, facilmente manipulables, sen liberdade.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito