Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MARÍA GÓMEZ-FRANQUEIRA OTERO // Vicepresidenta do Grupo Coren

20

COMO CADA ANO, neste 25 de xullo, Galicia vístese de ledicia. Hoxe, Día da Patria Galega e Festividade do Apóstolo Santiago, é momento de festexar a nosa cultura, as nosas tradicións e a nosa fala. Día de celebrar a nosa identidade e reivindicar o amor por una terra de natureza loitadora e hospitalaria que ten na súa esencia un carácter tolerante e xeneroso. Galicia e Compostela resoan hoxe con forza nos corazóns dos galegos, pero tamén fora das nosas fronteiras. O Camiño de Santiago -tan galego e internacional á vez- deulle proxección mundial á nosa terra, representando valores como o respecto, a tolerancia, a convivencia ou a solidariedade.

Nunha data tan especial, na que debemos ter máis presentes que nunca os valores que nos definen, é necesario tamén apelar ó afán de superación e espírito de loita. Quizais este ano aínda con máis forza, para que as dificultades dos últimos meses e as incertezas que nos asaltan ao mirar cara o futuro non nos leven ao desánimo e nos permitan seguir avanzando cara unha Galicia máis sólida e moderna. Hoxe máis que nunca, temos que seguir traballando por facer país. Somos moitos os que cremos que Galicia nos ofrece un enorme potencial, que aquí hai futuro, pero temos aínda moito camiño por andar.

Como parte dunha cooperativa agroalimentaria que ten ADN 100% galego e que leva o nome de Galicia polo mundo adiante, non me canso de defender o sector primario como un deses camiños polos que debe transitar o futuro da nosa terra. Galicia é unha terra privilexiada para a produción de alimentos da máxima calidade, axudada polo seu clima, a riqueza das súas augas e os verdes pastos. Non podemos desaproveitar esa excelencia e a oportunidade que nos brinda de impulsarnos como punteiros no ámbito agroalimentario, poñendo en valor os nosos recursos sempre desde un modelo sostible e co máximo respecto ao benestar animal e ao medio ambiente. Estamos a falar, ademais, dun sector de gran repercusión para o desenvolvemento do rural, polo que Galicia ten moito que aportar. En Coren somos un exemplo diso, revitalizando o campo galego mediante a posta en valor de terreos abandonados para o cultivo de cereais, a cría de gando en extensivo ou a crianza con saída libre a campo das nosas producións campeiras e ecolóxicas.

Nestas páxinas de homenaxe a Galicia é de xustiza recoñecer o papel feminino no campo galego. Dende sempre, as mulleres galegas contribuíron co seu incansable traballo (non sempre valorado como se merece) ao desenvolvemento do noso rural. E desde fai xa uns anos, a súa contribución non se limita so a unha tarefa produtiva e esténdese tamén as áreas de xestión e postos de liderado, encabezando proxectos tremendamente interesantes cos que, ademais de manter vivo o campo galego, afianzan a súa innovación e modernización.

Este ano, moi diferente ós demais por estar a vivir as consecuencias dunha pandemia a nivel sanitario e económico, quero aproveitar estas liñas para reivindicar de novo o papel esencial da agroalimentación, moitas veces esquecida. Un sector que traballa cada día (incluso nas adversas condicións dun estado de alarma como o que vivimos hai uns meses) para garantir o abastecemento do mercado e manter o pulso da economía. É absolutamente necesario contar cun sector agroalimentario nacional potente e xustamente recoñecido, por iso seguimos a lamentar que non se lle estea dando o valor adecuado aos nosos produtos e que a loita por acadar uns prezos dignos permaneza vixente.

Grazas a El Correo Gallego por darme novamente a oportunidade de sumarme a estas páxinas e compartir opinións, inquedanzas e reflexións con outros colaboradores que, cada un dende o seu ámbito, están aportando o seu gran de area ao desenvolvemento desta nosa terra. O futuro é para quen aposta por el. Apostemos por Galicia. ¡Feliz día da nosa terra!

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito