Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ELOÍNA NÚÑEZ MASID // Xerente da Area Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza

A pandemia do Covid e a loita en feminino

HOXE É O DÍA GRANDE DUNHA GALICIA GRANDE. Data para felicitarnos uns e outros, e para manifestar o noso sentimento de orgullo por pertencer a esta terra xenerosa. Parabéns ás galegas e galegos na súa festa, e grazas ao xornal El Correo Gallego pola iniciativa á que ano tras ano, no Día do Apóstolo Santiago, me convida a participar. As miñas felicitacións tamén por teren superado, hai poucas semanas, os 50.000 exemplares.

Sanidade e información, compañeiros, máis que nunca, nesta dura pandemia que nos situou nun sendeiro descoñecido, que fomos quen de camiñar con paso firme e que non diminuiremos mentres non chegue a vacina contra o SARS COV 2. Neste treito, os profesionais que traballan na sanidade (médicos, enfermeiras, celadores, persoal do servizo de limpeza e de seguridade, administrativos, informáticos, técnicos, persoal de cociña, camareiros...) demostraron a súa capacidade de traballo, entrega, sensibilidade e profesionalidade, formando un excelente equipo do que temos que sentirnos orgullosos e agradecidos. Eu así o sinto.

E a ese esforzo diario engadimos o labor de estar á disposición da cidadanía para transmitir información, sosego, alerta, consellos.... cando os medios o demandades, sendo coñecedores do voso papel fundamental para manter unha sociedade informada pois é a maneira de teren unha sociedade segura.

Durante estes meses o Covid ocupou un importante número de páxinas de todos os xornais nacionais e internacionais, (aínda o fai, pero en menor medida, bo sinal). Novas sobre o estado de alarma, as diferentes fases que sorteabamos, datos de contaxios, de persoas curadas, información sanitaria sobre os efectos e consecuencias do virus, aplausos, lamentos, falecementos, reencontros a distancia... Nestas publicacións cotiás tamén leemos a maior vulnerabilidade feminina na época da pandemia: as mulleres son maioría nos sistemas sanitarios polo que están más expostas; sofren en maior medida o impacto económico e son vítimas da violencia doméstica.

Nos equipos sanitarios as mulleres representan máis do 70% (na nosa área sanitaria, en concreto o 74%). A este dato podemos engadir que a maior parte das profesións esenciais que cobren as nosas necesidades básicas están conformadas por mulleres.

Por iso, os esforzos profesionais e persoais para deter, conter, controlar e reducir a epidemia, requiren unha atención especial por seren as máis expostas. Existen máis probabilidades de infectarse polo virus, polo papel predominante como coidadoras xa que as mulleres realizan o triplo do traballo de coidados non remunerados en comparación cos homes.

Un bo exemplo deuse cando chegou o momento de pechar os colexios. Daquela aumentou a carga de coidados domésticos que normalmente recaen sobre as mulleres, ao que se suman as restricións da maioría das industrias do sector servizos, comerciais e de man de obra con maioría de mulleres traballadoras o que acrecenta a debilidade económica feminina.

Non quero rematar sen reflexionar sobre o problema da violencia doméstica. O confinamento provocou un aumento das chamadas ao teléfono da muller en máis dun cento por cento, con respecto ao mesmo período do ano pasado.

Soño co día no que nada disto que hoxe nos preocupa sexa noticia. Soño cun mundo sen medos.

Hoxe é o día de Galicia, Galicia Nai, como canta o poema de Manuel María.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito