Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MARÍA ELENA LÓPEZ LAGO // Decana da Facultade de Física da USC

Agradecemento a unha comunidade comprometida e discreta

(...) Quizais este problema da limitación de prazas teña data de caducidade e que desapareza coa chamada universidade dixital que presume de garantir accesibilidade universal aos estudios pero que, conta con todas as papeletas para dificultar a adquisición das habilidades instrumentais e sociais resultado da presencialidade esixida hoxe en día. Outro reto.

ASÍ REMATABA a miña contribución ao Monográfico do 25 de xullo de 2019. Ninguén sospeitaba que, case oito meses despois, a universidade se vería obrigada a renunciar durante medio semestre á docencia presencial, e a facer fronte a un reto imprevisto causado por un inimigo invisible que paralizou gran parte da actividade mundial e causou tanto sufrimento físico e mental. Ninguén sospeitaba que, durante un intenso e longo fin de semana de mediados de marzo, a USC se reinventaría a si mesma movida pola responsabilidade do seu persoal de intentar que os seus estudantes de grao, mestrado e doutoramento non perderan o semestre. Persoal que asumindo o papel que lle correspondía no organigrama da USC, deu todo un exemplo de colaboración, unidade e de compromiso institucional; que ao marxe de afinidades, foi quen de compartir ideas e estratexias para superar xuntos o gran reto que tiñamos por diante. É por elo que este persoal, dende o seu máximo representante ata o último, merece este recoñecemento profesional.

En especial, quero manifestar o meu agradecemento a esa parte da Universidade de Santiago de Compostela, que creo coñecer moi ben e coa que convivo diariamente, que é a Facultade de Física, da que non poido estar máis orgullosa como decana. Agradecemento ao persoal de administración e servizos pola súa dispoñibilidade total sen entender de horarios ou quendas durante o tempo que traballamos dende os nosos fogares. Agradecemento ao profesorado que, cunha actitude moi proactiva, non escatimou en recursos nin en horas de descanso para mudar o seu xeito de facer, co fin de garantir a continuidade do proceso de ensinanza-aprendizaxe nunhas circunstancias tan especiais; obxectivo logrado satisfactoriamente, tendo en conta esas circunstancias especiais e, sendo conscientes dos aspectos susceptibles de mellora que temos que abordar canto antes, ante o risco de volver a pasar por unha experiencia semellante nun futuro próximo. Pero non confundamos este éxito, relativizado ás condicións nas que se produce, coa viabilidade dun cambio precipitado de modelo de universidade. É compartido polos sectores implicados no proceso de ensinanza-aprendizaxe que esta modalidade de docencia non presencial, que sen dúbida ten elementos que complementan e enriquecen a docencia tradicional, carece, por exemplo, dos beneficios da docencia práctica e dos resultantes da interacción alumno-docente e alumno-alumno adquiridos dentro e fora das aulas; beneficios relacionados coas anteriormente mencionadas habilidades sociais e instrumentais.

Non me podo esquecer do alumnado que foi quen de seguir no carro, pese as dificultades, dando sentido a todo o esforzo realizado. Esta experiencia, que influirá na maduración da súa personalidade, axudaralle a apreciar capacidades como empatía e responsabilidade social, así como a importancia de valores que xeran confianza como a honestidade e a ética profesional. Entre este alumnado, quero lembrar con cariño á promoción do Grao en Física e ás primeiras promocións dos dobres graos de Física e Química e Matemáticas e Física que rematan estudos este ano: alzando a miña cunca branca que exhibe un SÍ marcado en grosos trazos negros, aproveito estas liñas para felicitarvos polo voso logro, no meu nome, como decana e como madriña, no do voso padriño e no nome de todo o profesorado que contribuíu a vosa formación científica e humana durante estes anos. Queremos desexarvos grandes éxitos nunha recta e honesta traxectoria profesional e persoal, esperando reencontrarnos nese acto de graduación adiado, unha vez superada a loita contra este inimigo invisible. Mentres, aquí estamos para o que precisedes. Feliz 25 de xullo.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito