Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
GORETTI SANMARTÍN REI // Portavoz do BNG no Concello de Santiago

20

ESTE 25 DE XULLO CÚMPRENSE exactamente 100 anos da primeira celebración do Día da Patria Galega, instaurada polas Irmandades da Fala xustamente despois da Asemblea que tivo lugar en 1919 en Santiago de Compostela. Toca conmemorar, pois, unha data histórica arredor da que se produciron moitos debates -como se esta era a data máis acaída pola súa coincidencia cunha celebración relixiosa- e avatares, desde prohibicións e intentos de expulsión da zona histórica á decisión de non desenvolver acto nin manifestación previa en 2013, tras o tráxico accidente de Angrois.

O fío condutor do 25 de xullo parte do desexo expresado no seu nacemento polas Irmandades “que non haxa un fogar galego que non deixe de exteriorizar o seu patriotismo”, de sentir orgullo por pertencer a esta Galiza tan amada e de reivindicar os seus dereitos nacionais, culturais e lingüísticos.

Cen anos despois, o nacionalismo galego vai estar novamente na Quintana nun ano extraordinario. A situación sanitaria creada tras a crise da Covid-19 vai impedir que sexan milleiros as persoas que ateiguen as rúas de Compostela e enchan a emblemática praza. Porén, igual que o Bloque Nacionalista Galego de Santiago acaba de facer no mitin do pasado 7 de xullo, na Quintana haberá unha nutrida representación do nacionalismo galego –a que permitan as normas sanitarias gardando todos os protocolos de seguranza– encabezada pola muller que hoxe simboliza as arelas de liberdade e transformación que precisa a nosa Terra, Ana Pontón.

Este non será, pois, máis un día de celebración habitual.

E non o será porque haberá milleiros de persoas que non poderán estar na Quintana e que terán que desenvolver a súa reivindicación desde diferentes puntos do país. Será máis un dano colateral desa distancia física que non social, porque faremos todos os esforzos necesarios para que continuemos vendo e sentindo como ano a ano se incrementa a participación nos actos do Día da Patria e como as ansias de dereitos e dignidade invaden Galiza nese día.

Non o será porque este 25 de xullo vai desenvolverse despois dun resultado histórico nas urnas do nacionalismo galego. O apoio de máis de 310.000 galegas e galegos que elixiron a papeleta do BNG conseguiu que esta forza obtivese 19 actas e que sexa a que vaia liderar a alternativa ao PP. Comeza un novo ciclo de reforzo do nacionalismo galego, con implicación das persoas que queiran unirse ao proxecto para continuar a sumar e abrir unha etapa de esperanza.

Non o será porque este 25 de xullo farase máis evidente a consolidación dun potente liderado feminino, o dunha Ana Pontón que simboliza a solidez, a coherencia, a modernidade, a clareza de ideas e a empatía. Ana trae a primeira liña das prioridades políticas as necesidades das mulleres deste país, das precarizadas, aquelas que estiveron ao pé dos traballos esenciais durante o confinamento, das traballadoras que sofren a fenda salarial, das que queren desenvolver unha carreira profesional e teñen dificultades pola falta de políticas sociais e de conciliación, das coidadoras e das coidadoras das coidadoras, das que tiveron que emigrar, das maiores con dereito a unha vellez digna, das que padecen a violencia de xénero, acoso sexual ou transfobia, das mozas rebeldes que piden paso e xa están aí. Hai moita emoción nestes momentos na política galega, porque é moita a capacidade de Ana Pontón de xerar ilusión.

Non o será porque esta Matria que nos une recolle o legado das poderosas -e moito tempo invisibilizadas- mulleres das Irmandades (entre as que houbo tantas mestras vangardistas e pioneiras a nivel educativo) para construír hoxe unha Galiza soberana e feminista. Nese camiño estamos. E convidámoste, convidámosvos, a percorrelo connosco.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito