Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 04 agosto 2020
22:18
h
PILAR BERMEJO BARRERA // Académica da RAGC

Galicia despois da Covid 19

NO COMPLEXO MOMENTO QUE NOS TOCOU VIVIR ESTE ANO, non quero deixar pasar a ocasión para facer algunhas reflexións sobre o futuro de Galicia logo da pandemia da Covid-19.

A nivel global estamos a vivir unha etapa de gran transcendencia histórica que, sen dúbida, terá importantes consecuencias políticas, económicas e sociais. Daquela, debemos estar preparados para actuar nas áreas máis estratéxicas que nos permitan non só sobrevivir a esta crise, senón tamén saírmos máis reforzados dela.

Desde o punto de vista social, a escala mundial, estímase que o nivel de pobreza extrema pode alcanzar os 50 millóns de persoas. Pode parecer que non nos afecta a nós, mais o informe de Cáritas do pasado mes de setembro (antes da crise) xa se falaba de que en Galicia “o 12,3% das persoas que traballan atópanse en exclusión social e o 3,6% en situación de pobreza severa”. A maiores, agora debemos ter en conta o aumento previsible do paro, que se calcula pode chegar ao 20%.

Para encarar este gravísimo problema non queda outro camiño que realizar importantes cambios no modelo do sector produtivo, que se ten que adaptar aos requirimentos actuais para loitar contra o cambio climático e para seguir os criterios relacionados coa sustentabilidade e coa economía circular. Estamos vendo xa a desaparición –anunciada hai moitos anos– das centrais térmicas, os problemas das industrias do sector primario que precisan grandes cantidades de enerxía, as dificultades do sector automobilístico, as do sector téxtil, etcétera. Debemos avanzar cara a procesos de fabricación sustentables e cómpre subliñar que hoxe en día temos os medios para facelo.

Tamén é importante diminuír o noso consumo, compulsivo ás veces. Algúns dirán que non se pode facer isto porque se resentiría a economía. Non, non é certo. O que cómpre é facer un consumo responsable de produtos que teñan a calidade suficiente para que sexan máis duradeiros, de xeito que consumamos menos recursos e xeremos menos residuos.

Ao problema dos residuos temos que lle dedicar moitos máis esforzos, principalmente na liña da reciclaxe e a recuperación. En Galicia temos bos exemplos de recuperación de residuos de diferentes sectores, como o agroforestal ou o alimentario, pero, por exemplo, poderiamos dar pasos substanciais na recuperación dos residuos tecnolóxicos, que son unha fonte importante dos chamados “elementos críticos tecnolóxicos”.

Por outra banda, non esquezamos a nosa riqueza natural e traballemos para mellorar a explotación racional e sustentable do noso mundo rural, tan abandonado en moitas zonas. Estou segura de que, se se fai ben, se inducirá unha importante revalorización.

O outro ámbito en que temos que mellorar é o da dotación de máis recursos materiais e humanos á nosa sanidade pública, peza chave do noso estado do benestar, que debe estar sempre preparada para atender situacións como a actual. Os microbiólogos levan anos dicindo que “o próximo problema son os virus”, mais, como sucede coas cuestións ambientais, non os escoitamos. En realidade, non queriamos crelos.

Necesitamos fortalecer o noso sistema de ciencia e tecnoloxía, igualmente no referente aos medios materiais e humanos. Malia as actuais limitacións, varios grupos de investigación galegos están a traballar activamente sobre o problema da covid-19, desenvolvendo posibles vacinas, medicamentos ou sistemas de detección, nunha mostra de que temos capacidade para facelo e de que urxe o pulo institucional e financeiro para avanzar.

Por último, a responsabilidade social tamén é importante. Precisamos darlle á cidadanía formación rigorosa en cuestións básicas relacionadas coa saúde pública, así como sobre a importancia da responsabilidade individual, como ben estamos percibindo para enfrontar a pandemia.

Os tempos son difíciles, mais non nos faltan ferramentas para superar a crise. Por iso, nun día coma este 25 de xullo gustaríame facer un chamamento á responsabilidade e á solidariedade para, entre todos xuntos, saírmos reforzados desta inédita e inesperada situación provocada pola covid-19.

24 jul 2020 / 20:14
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito