Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ISABEL GONZÁLEZ FERNÁNDEZ / Catedrática Filoloxía Italiana da USC

20

NA XERARQUÍA SOCIAL DA CIVILIZACIÓN OCCIDENTAL DA IDADE MEDIA, a muller ocupaba un lugar moi inferior ao do home; carecía de autonomía e quedábanlle unicamente dúas opcións: o matrimonio ou o convento.

Deixando á parte a gabanza de Beatriz -que foi, nada menos, un dos obxectivos de Dante para escribir a súa obra mestra-, na Divina Comedia, a presenza feminina é moi importante, como imos ver a continuación.

No Inferno, o cantar primeiro da Divina Commedia Dante, como é natural, endexamais se apiada dos condenados. En efecto, ao longo da súa viaxe imaxinaria o poeta italiano vaise atopando cunha serie de personaxes que cometeron pecados tan graves, que non merecen outra cousa que non sexa sufrir eternamente e que, tampouco merecen que ninguén se compadeza deles, como se le na soleira da porta de entrada: “per me si va nella città dolente,/ per me si va nell’eterno dolore,/ per me si va tra la perduta gente,/ .../ Lasciate ogni speranza, voi che entrate”. Para eles acabouse toda esperanza porque xamais sairán dese terrible lugar.

Hai varias excepcións, todas referidas a mulleres, nas que Dante si sente compaixón; a primeira delas, cando se atopa con Francesca da Rimini e Paolo Malatesta, unha parella de amantes, mellor dito, os amantes por antonomasia, cuxo avatar deu lugar a unha verdadeira e longa tradición literaria. Son os únicos que van en parella, o que xa indica dalgunha maneira a particularidade do seu amor. O poeta, desde o primeiro momento en que os ve, quere deterse a falar con eles, e pídelle permiso á súa guía, o poeta Virxilio. Dante non se dirixe a Paolo, elixe a Francesca -, que se converte na primeira muller que dialoga co poeta florentino-, para que lle conte a triste historia de amor que a levou a ela e ao seu namorado a sufrir as penas máis horripilantes e para sempre (bátelles un vento furioso que non para nunca arrastrándoos por todo o recinto). Francesca posúe unha delicadeza extraordinaria, unha enorme humanidade, que sente un amor tan intenso que fai emocionar a Dante.

Poñámonos na situación do escritor florentino: por un lado sabe moi ben o que é o amor -o seu por Beatriz- pero, polo outro, non lle queda máis remedio que condenar os dous namorados porque os dous buscaron a satisfaccións dos seus instintos dunha maneira desmedida “smoderatemente” sen ter en conta as regras. Dante, cando termina de escoitar a Francesca condóese ao ver a intensidade do seu amor e por un momento dubida, aínda que sexa só por un momento, porque sabe que non pode pasar por alto o adulterio. A conmoción do poeta é tan grande que cae desmaiado: “E caddi come corpo morto cade”.

Hai outras dúas mulleres coas que o escritor florentino dialoga: Pia de’ Tolomei e Piccarda Donati, mulleres que abren os outros dous cantares, Purgatorio e Paraíso respectivamente.

Se o canto V do Inferno é o canto de Francesca, o canto V do Purgatorio é o canto de Pia de’ Tolomei. Neste lugar atópanse os condenados por violencia que esperaron ata o último momento para arrepentirse dos seus pecados “peccatori infino a l’ultima ora”. De entre todos eles, Dante elixe unha muller para que lle conte a súa triste historia. Trátase de Pia de’ Tolomei, un dos personaxes máis inesquecibles do poema pola súa tenrura dentro de seu dramatismo. O diálogo con esta muller dura só cinco versos pero son suficientes para que o poeta nos informe da terrible e perversa situación: matouna o seu home pola súa infidelidade: “salsi colui che ‘nnanellata pria / disposando m’avea con la sua gemma”. O que importa agora é contar esta triste historia para que deixe pegada nos lectores e no na esquezan endexamais. Por segunda vez Dante dialoga cunha muller e dános a coñecer a violencia machista.

O canto III do Paradiso é o canto de Piccarda Donati, figura contemporánea e relacionada coas outras dúas mulleres. Neste canto, atópanse os espíritos que faltaron aos votos pero en contra da súa vontade. Dentro da fila de ánimas que aparecen, o poeta florentino elixe de novo unha muller que dun modo diverso dialoga con el, converténdoa na verdadeira protagonista do canto. Picarda narra a súa desgraciada historia: era monxa no convento das clarisas preto de Florencia, pero tivo que abandonar os seus votos obrigada polo seu irmá que quería dala en matrimonio a un compañeiro de partido.

Poderiamos seguir mencionando moitas outras mulleres coas que Dante dialoga, sobre todo no Paraíso -o cantar máis nobre e de contido elevado-, algunhas moi importantes como por exemplo, Costanza d’Altavila, casada con Enrico VI e de cuxo matrimonio nace Federico II, rei de Sicilia..

Nos tres exemplos mencionados, Dante dialoga cunha muller sobre o tema do amor. Nos tres casos desde o punto de vista feminino. Estamos a falar de tres mulleres -por razóns de espazo centrámonos nestas tres – que dun modo distinto, pero por ser mulleres, recórdannos un mundo de paixóns e violencia inseridas dramaticamente nos costumes da época.

Podemos concluír, xa que logo, que hai máis de setecentos anos Dante quixo, dalgunha maneira, que foran tres mulleres as que falaran dun tema tan actual, como é o da violencia machista.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito