Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ROSA MARY CARDESO TRILLO // Secretaria xeral en funcións da Cámara de Comercio de Santiago

20

GALICIA É TERRA DE MARIÑEIROS, de gandeiros e labregos; de carballeiras infinitas, de fervenzas, de castros celtas e de meigas. De atardeceres nos que o ceo acende en chamas e de mares que roxen con bravura sobre os cantís e envolven o aire cunha imperceptible escuma de salitre. Galicia é terra de xente hospitalaria, festeira, con retranca... de xentes e lugares enxebres. É terra de emigrantes e de acollida. E por suposto, Galicia é terra de Peregrinación, no que días como o de hoxe, 25 de xullo, todos os galegos e galegas nos xuntamos para celebrar con orgullo o Noso Día, o día da Nosa Patria. Non é de estrañar que o Apostólo Santiago escollera a Galicia para o seu descanso eterno nin que o mundo decidira terminar en Fisterra.

Pero, Galicia, tamén é terra de mulleres emprendedoras, de mulleres valentes e loitadoras que buscan oportunidades para mellorar, para poñer en valor as súas ideas e convertir en realidade os seus proxectos empresariais. O carácter emprendedor forma parte da nosa propia identidade como galegos e galegas, do noso ADN, e agora as galegas temos dado un paso cara adiante e lideramos sen complexos a taxa emprendedora en Galicia. Así o reflicte o último informe GEM, o cal destaca a tendencia á alza, desde o ano 2016, da actividade emprendedora feminina, superando á media española e colocando no mapa a Galicia como a terceira Comunidade Autónoma con maior porcentaxe de iniciativas emprendedoras incipientes lideradas por mulleres. Se a iso unimos o dato dunha menor taxa de abandono por parte das mulleres que emprenden, pódese afirmar con certeza que as mulleres emprendedoras galegas tense convertido na nosa terra nun colectivo estable con vocación de futuro. Un futuro, que debemos seguir traballando no presente se non queremos voltar a tempos pasados nos que o emprendemento feminino era practicamente anecdótico.

E é neste sentido, no que cómpre non perder de vista diversos factores que se revelan como fundamentais para crear o caldo de cultivo preciso no que poidan agromar novas iniciativas empresariais.

Un dos aspectos estratéxicos de maior importancia en calquera política económica é o fomento da capacidade emprendedora. Está sobradamente demostrada a existencia dunha interrelación causa-efecto entre o nivel de actividade emprendedora dun país ou rexión e ou seu crecemento económico.

Desde esta óptica, o fomento do espírito emprendedor revélase como un instrumento imprescindible de cohesión social, ao facilitar a participación no mercado de traballo de persoas desempregadas e de colectivos con especiais dificultades de inserción. Por iso, resulta fundamental incorporar ao sistema educativo –e non só como materia, senón como unha metodoloxía de ensino e desde unha óptica transversal- conceptos vinculados ao mundo empresarial como son a creatividade, a innovación, a autonomía e a iniciativa persoal.

Non menos importante é a existencia dunha contorna económica e social que

favoreza a xeración e a posta en marcha de novos proxectos e sexa capaz de atraer investimento, tanto nacional como estranxeiro. Neste sentido, a colaboración institucional entre as distintas Administracións públicas e o resto de axentes sociais e económicos amósase imprescindible. O emprendemento do século XXI non entende de egos e reclama con fervor unha verdadeira colaboración público-privada e a aposta decidida por políticas activas que sitúen á empresa no seu epicentro e favorezan a xeración dun ecosistema no que podan asentarse novos proxectos empresariais.

Cómpre salientar tamén a necesidade de articular os mecanismos precisos para

fomentar o emprendemento feminino fóra dos sectores tradicionalmente vencellados ás iniciativas lideradas por mulleres e impulsar a súa presenza nos campos da ciencia e a tecnoloxía. Neste obxectivo, novamente, a colaboración institucional revélase fundamental. Galicia, coa USC e o seu Campus de Excelencia Internacional á cabeza, é referente mundial no campo da investigación en sectores craves como a biotecnoloxía e as ciencias da saúde, polo que todo ese coñecemento xerado polas redes de tranferencia e os avances científicos, debe ser aproveitado para dar pronta resposta ás demandas de innovación dos axentes socioeconómicos e da sociedade en xeral.

Podemos decir con orgullo que o entramado formado polo Polo de Innovación

en Biotecnoloxía, o Hub de Innovación Dixital DATALIFE, o Proxecto Spin&Up

e a Incubadora de Alta Tecnoloxía Bioincubatech, son exemplos do que debe

ser esa colaboración público-privada.

Na nosa Comunidade estamos a dar pasos firmes no bo sentido e debemos

seguir traballando nesa necesaria coordinación-colaboración institucional.

Galicia merece a unión e compromiso de todos. Favorecer a xeración de novos proxectos empresariais debe ser o noso reto, conseguir a súa consolidación, o noso obxectivo.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito