Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 19 octubre 2020
16:52
h
ROSARIO ÁLVAREZ BLANCO // Presidenta do Consello da Cultura Galega

O (normal) día de Galicia

CHEGAMOS A UN NOVO 25 DE XULLO. O do ano en que a Covid-19 nos puxo a proba como sociedade, tamén como cultura, como país. Un Día de Galicia ben diferente, afastados das grandes concentracións, das romarías festivas e das agardadas xuntanzas anuais con familiares e amigos, mais non por iso será un día menos sinalado no calendario anual da expresión da nosa identidade. Celebralo sen congregación e sen o contacto físico que intercambia afectos supón tamén facelo sen un dos nosos sinais culturais; mais celebralo, así a todo, con todos os honores, consonte os tempos, partillando as diversas formas virtuais de diálogo e experiencia coas novas formas de relación física –afastando levemente a proximidade, salvando creativamente os espazos de distanciamento real–, é a demostración da nosa resiliencia como comunidade, como pobo. Estes meses foron tempos de repensarmos, de buscarmos novos formatos, de facermos camiño polo que antonte eran vereas apenas enxergadas, de cambiarmos os modos e modelos de comunicación. De grandes mudanzas sen que a esencia da tradición cambie.

No Consello da Cultura Galega levamos máis de dúas décadas a cultivar o eido dixital, con iniciativas que nos destacan no mapa dos bits desta aldea global. Con perseverancia, ano a ano, as conferencias e seminarios presenciais son gravados, transmitidos en directo e ofrecidos en liña; cada libro que sae do prelo ten a súa edición dixital en acceso libre; os fondos que imos preservando (sonoros, audiovisuais, hemerográficos, documentais...) van sendo ofrecidos en formato web, etc. Exploramos, ora con timidez ora con afouteza, o universo dixital e fomos gardando a anada que, no confinamento, nos permitiu gozar dun nutrido e poliédrico acervo nas nosas tullas. O noso fondo cobrou nova dimensión durante o estado de alarma, pois axiña puidemos ofrecer en liña contidos culturais, diversos e de calidade, para que a cidadanía tivese recursos con que repensar desde a casa, gozar do coñecemento novo ou anovado, e entender as claves culturais desta sociedade. O adestramento dixital permitiu tamén ofrecer axiña a nova creatividade do sistema en pílulas de autoestima que nos reencontran cos nós mesmos, que nos reforzan como comunidade.

A Covid-19 volveu poñer de manifesto un valor engadido do que poucos ecosistemas culturais poden presumir en igual medida: a creatividade, o compromiso, a solidariedade. Un fervedoiro de iniciativas, aquí e acolá, deste diversos eidos artísticos, rompedoras de vellos moldes e das fronteiras físicas do confinamento, ofrecidas xenerosamente. Claro que a Covid-19 tamén puxo en evidencia a precariedade do sector cultural galego en termos de subsistencia económica e laboral. Todos os indicadores apuntan no sentido de que, se nuns ámbitos da cultura o impacto está a ser similar ao do conxunto da economía, noutros está sendo moito máis grave e demoledor, e todo isto nun sector produtivo que xa se viña caracterizando polo atraso na recuperación tras a recente crise económica. Un sector mal pago e moi golpeado que rexurdiu, a trancas e barrancas, da crise de 2008 a base de moitas doses de entusiasmo, impulso creativo, fortaleza intelectual, compromiso cívico, confianza no proxecto colectivo, axudas familiares... e, en definitiva, sacrificio. A sociedade galega debería recoñecerlle co seu apoio o seu exemplo de responsabilidade cívica: programen actividades, asistan aos eventos, compren e regalen cultura. E os que teñen a gobernanza teñen o deber de apoialo, cada quen na medida das súas posibilidades, máis alá das palabras de conforto e esperanza (así a todo benvidas e necesarias).

A dimensión asesora, mandato fundacional do Consello da Cultura Galega, evidenciouse máis necesaria ca nunca, pois cumpría e cómpre información fiable para comprender e avaliar a magnitude da crise, e tras o diagnóstico elaborar as mellores propostas para o rexurdimento; tamén para reclamar o necesario investimento público e privado, apostando pola cultura. Un labor mancomunado, que xunte aos datos cuantitativos a percepción de organizacións ou persoas significativas sobre os retos e estratexias de futuro para todo o ecosistema cultural galego, e que conte para esa radiografía coa voz dos sectores máis vulnerables. Un traballo polifónico que fixe e alume o camiño, mesmo se volven outros días grises. Xuntemos creatividade, coñecemento, experiencia e compromiso, e celebremos un novo Día de Galicia orgullosos de nós mesmos.

24 jul 2020 / 19:16
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito