Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MARÍA DEL CARMEN LENCE FERREIRO // Presidenta do Grupo Leite Río

20

A PRIMAVERA DE 2020 SERÁ LEMBRADA, para sempre, como a época que nos obrigou a confinármonos nas nosas casas mentres uns poucos combatían o avance do coronavirus ao pé do canón. Entre eles, por certo, os membros do sector primario cuxo traballo foi declarado esencial e grazas aos cales non nos faltaron alimentos durante a pandemia.

Sen dúbida, a Covid-19 puxo a proba á nosa sociedade e fíxoo dende múltiples puntos de vista. Puxo a proba, por exemplo, a xestión e a eficacia dos nosos sistemas sanitarios ou a nosa capacidade de innovación e evidenciou, tamén, que o investimento en ciencia segue sendo unha das nosas materias pendentes.

Pero, ademais, esta crise cuestionou os diversos modelos de liderado existentes, tanto a nivel empresarial coma gobernamental. Neste sentido, os primeiros datos indican que os países con mulleres á fronte -que representan menos do 7% do total do planeta- xestionaron mellor a crise sanitaria.

Algúns expertos atribúen estes mellores datos ao feito de que elas, durante as súas carreiras políticas, tiveron que sortear con frecuencia máis obstáculos que os homes, o que as obrigou a pensar máis en opcións diversas, a desenvolver alternativas e a flexibilizar o seu estilo. Todas estas cualidades que representaron valores diferenciais á hora de afrontar a propagación do virus. De feito, cualidades que representan valores diferenciais á hora de afrontar calquera situación de incerteza e crisis.

LIDERADO

EMPRESARIAL

Se o liderado político feminino demostrou a súa eficacia nestes terribles momentos, o liderado feminino empresarial leva anos amosando a súa capacidade para transformar as organizacións e facelas máis humanas e, tamén, máis rendibles. Diversos estudos evidenciaron que as compañías cun 30% máis de executivas nas súas ringleiras obteñen maiores beneficios (ás veces, ata un 15% máis).

Se hai un nicho empresarial no que as mulleres teñen cada vez unha maior cabida, ese é, sen dúbida, o ámbito das empresas familiares. Un 8,9% deste tipo de compañías están dirixidas por mulleres, segundo datos da Cátedra de Empresa Familiar MareNostrum.

A cifra é pequena, si. Pero supón un punto de partida esperanzador para a progresiva incorporación feminina ao mundo directivo nas firmas familiares. En Galicia existen xa casos moi recoñecibles de mulleres que sucederon aos seus proxenitores para xestionar con éxito compañías e organizacións da talla da Fundación Paideia ou Adolfo Domínguez.

Logo de finar meu pai en 2019, situeime á fronte de Grupo Leite Río -a única empresa láctea galega entre as 10 máis grandes do sector en España. E fixeno co obxectivo irrenunciable de avanzar na profesionalización da compañía sen renunciar á súa esencia familiar.

EMPRESAS

MÁIS EFICIENTES

Isto é así porque son unha firme defensora das singularidades das empresas familiares. Nelas, a toma de decisións adoita ser moito máis rápida, case inmediata moitas veces. E isto fainas máis flexibles e, en liñas xerais, vólveas máis eficientes.

Son tamén empresas máis solidarias, como puidemos, precisamente, constatar durante a pandemia con casos como o de Estrella Galicia ou Inditex (cuxo orixe é, non nos esquezamos, tamén familiar). Empresas que estiveron á altura das circunstancias con doazóns de diverso tipo e que, malia as perdas que sufriron, non realizaron ERTEs.

As empresas familiares teñen no seu ADN o facer unha diferenza positiva na sociedade onde fican. Empresas que miran o longo prazo, onde o obxectivo é mellorar a empresa e pasala a seguinte xeración mellor de como a recibiu a xeración á fronte.

Esto e característico da empresa familiar no mondo enteiro. Segundo un artigo publicado en Harvard Business Review (“What you can learn from family business.” Nicolas Kachaner , George Stalk, Jr. e Alain Bloch), as empresas familiares amosan unha maior resistencia nas épocas de crise e conseguen mellores resultados no medio prazo, precisamente por este arraigo a sociedade onde fican e o enfoque no longo prazo.

COMBINACIÓN

PERFECTA

Se ás bonanzas do liderado feminino, lle sumamos as cualidades que diferencian as empresas familiares, coido que temos a combinación perfecta para avanzar na transformación de obsoletos modelos de xestión e adaptalos aos novos tempos.

Xunto a isto, as mulleres á fronte das empresas temos unha gran responsabilidade, sobre todo de cara ás mozas e ás nenas. Moitas de nós medramos sen referentes femininos no eido empresarial e iso provocou e provoca que sintamos, ás veces, certa vertixe.

Cantas máis sexamos, cantas máis esteamos na primeira liña, máis doado llo poremos as xeracións vindeiras: esa é a nosa contribución cara a crear unha sociedade máis xusta que ofra unha vera igualdade de oportunidades a homes e mulleres.

Feliz Día de Galicia a tod@s!

  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito