Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
SOL VÁZQUEZ ABEAL // Directora xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia

20

CADA 25 DE XULLO TEMOS MOTIVOS PARA ENCHERNOS DE ORGULLO, para valorar a este pobo que camiña unido e que conta con mulleres e homes que loitan, que se esforzan e que traballan para ofrecer o mellor do seu talento na tarefa de construír o futuro da nosa terra.

Como cada ano, este día de Galicia énchese de nomes propios, pero hoxe eu quero lembrar os de todos aqueles galegos e galegas que traballan no sector do comercio, e especialmente no comercio de proximidade.

Situados ao noso lado, nas tendas ao carón das nosas casas, ou nos nosos mercados e prazas de abastos, xogaron un papel clave nos últimos tempos para garantir o servizo e o abastecemento, ofrecendo un sorriso e a súa empatía para as nosas diferentes situacións. Souberon adaptarse ás circunstancias, ofrecer seguridade e acadar a confianza dos clientes sen perder ese trato directo, amable, de persoa a persoa, que os caracteriza.

De feito, cada vez son máis os comercios adheridos ao programa Comercio Seguro impulsado pola Xunta de Galicia, co obxecto de amosar un especial coidado na maneira de facer as cousas e un compromiso coa seguridade e o benestar dos clientes no momento da realización das compras.

Temos un gran comercio, un comercio de persoas, que evoluciona e non se conforma porque quere ofrecer o mellor de si aos seus clientes. E por iso, este comercio galego, liderado maioritariamente por mulleres autónomas, emprendedoras e loitadoras, ten iniciado o camiño da dixitalización, na súa teima por chegar ao cliente a través de todas as canles de comunicación posibles, ofrecendo máis e mellores servizos sen perder a súa esencia local, o seu carácter físico e a súa proximidade.

Así, nos últimos tempos foron moitas as iniciativas de venda en liña postas en marcha, así como os servizos de envío a domicilio creados ou de atención personalizada tanto vía teléfono como redes sociais ou outras aplicacións.

Porque o noso comercio mantén unha fonda vinculación co territorio, mira cara diante e quere amosar, como o resto dos galegos e galegas, a súa mellor imaxe no vindeiro 2021, Ano Xacobeo. Así, a través da Rede de Comercios e Mercados no Camiño impulsada desde a Xunta de Galicia, o comercio quere estar presente nun dos retos nos que Galicia será novamente referente.

E nese camiño, temos que acompañalo todas e todos. En primeiro lugar as Administracións, que xogan un papel fundamental para apoiar o esforzo e impulsar a competitividade e a capacidade de adaptación das nosas empresas de cara o futuro, pero tamén debe existir un compromiso por parte das persoas consumidoras, que en cada decisión de compra poden facer unha aposta pola súa terra, pola súa vila ou cidade, polos seus mercados, por unha economía moito máis sostible e de futuro, pero sobre todo, por uns proxectos comerciais, situados ao seu carón, que souberon dar resposta cando se lles precisou.

Neste 25 de xullo lembramos a importancia deste novo comercio, o valor da súa proximidade e a súa capacidade para dinamizar a vida das nosas vilas e cidades. Bo día de Galicia.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito