Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 19 octubre 2020
12:05
h
MILAGROS FERNÁNDEZ PÉREZ // Catedrática de Lingüística na USC

Raizames prendidos na memoria

NUNHA SENTIDA E INTIMISTA CANCIÓN, My hometown (1985), Bruce Springsteen debuxa a lazada coa terra que pasa de avós a pais e a netos: «mira, sinte, este é o teu pobo». Somos xente de raizame. Non só porque prendemos nun sitio, senón máis que nada porque neses raiceiros medran as lembranzas que nos fan.

Meus pais tiñan unha tenda daquelas que chamaban de ultramarinos. Con medidor de émbolo para o aceite en botellos e xerras de vidro, e con báscula romana para vender a granel azucre, arroz, macarróns, garbanzos e galletas, todo en cartuchos de papel de estraza. Sen plástico nen empaquetados de peso obrigado, mercábase o preciso para consumir. O que hoxe sen dúbida moitos botamos en falta. A venda de arroz e de pasta era contada, só se disparaba cando aínda non servían as patacas novas. Predominaba, sen lemas publicitarios de ningunha clase, o consumo de produtos de cercanía.

Aquela tenda era fonte inagotable de aprendizaxe. Sen caixa rexistradora, había que sumar, multiplicar e restar, e sobre todo dividir. Facer proporcións para que os cartos chegaran ata o imprescindible. Había unha libreta para anotar o fiado, sempre con data de pago previsto. O que na actualidade serían estratexias colaborativas e de fidelización entre tendeiro e comprador. Desenvolver tácticas de trato resultaba case que natural, abondaba con observar un pouco. Xa de nena, había que afacerse a clientes repunantes cos que cultivar a paciencia e a conversación calma; a outros algo lingoreteiros e lerchos que pedían sermos prudentes coas retrancas e as indirectas. Aprender naquela tenda quen era quen, e quen non era tanto. A importancia da naturalidade como ensino activo para recoñecer xeitos de ser máis achegados e moi afastados.

A tenda de meus pais foi tamén lugar de amizade e experiencias vitais naqueles veráns abafantes de lecturas compartidas e bicicletas aparcadas. Coa excusa de vir mercar peras limoeiras e plátanos xa chegados, reuníamonos alí un grupo de xente nova con intercambio de libros, música, e gromos sentimentais. Amigas aínda hoxe como a Jacinta, a Mari Carmen de Elgóibar, a Maribel de Vilaza, e amigos tamén vixentes como o Tanis, o meu primo Luís Ángel, o Pelís da farmacia, o Paco do guardia. Daquel entón son as lembranzas vívidas da poesía de P. Valery, as cancións de Juan Pardo, Mary Trini e os Beatles, e novelas como Madame Bovary e Papillon. Sempre con faladoiros por pracer compartido, o común entre nós era comunicármonos en galego e á marxe da lingua de uso frecuente en cada caso. Xa se sabía que no noso comercio falábase galego de maneira espontánea.

A tenda de meus pais estaba á beira da N-525 Villacastín-Vigo, naquela estrada con marcas de pisadas na pez derretida. Camións cheirentos a queimado a toda velocidade entre a sombra agradecida da ringleira de árbores. Postes de madeira para o tendido da electricidade que cruzaban o camiño diante das portas. Perigos avisados dende ben nenas e que, por sorte, hoxe desapareceron. Mágoa que ao tempo se perderan as riolas de árbores ao longo da vía. Foise unha parte importante na identificación do pobo: a avenida tan coidada que o atravesaba.

O tempo vai pasando por nós que quizais imos sendo distintos en cada etapa. Con todo, queda o pouso de sabedoría das esencias, de apreciar pequenos aconteceres que nos fixeron no que somos. O vínculo coa terra e coas cousas nas que prendemos por seren fonte de aprendizaxe. Na superficie, no parecer físico, todo mudou, a tenda xa non está, tampouco as árbores da N-525, estrada agora sen pez fundida, nen os postes da luz. Mais no que somos figuran os raiceiros sentimentais de ter prendido alí. Non é de extrañar que todos procuremos que os fillos e os netos boten raizames e noten que as teñen.

24 jul 2020 / 20:54
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito