Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 09 agosto 2020
21:18
h
CARMEN POMAR TOJO // Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións

Reinventando Compostela

UN ANO MÁIS, ante o convite do Grupo Correo nesta tradicional cita do día de Santiago, asomo as miñas reflexións a esta ventá da comunicación para tentar transcender as simples palabras e expresar os meus sentimentos como compostelá de nacemento e de corazón.

Este ano preséntase agridoce, sendo antesala do vindeiro Ano Santo 21, pero vivindo unhas circunstancias, desafortunadamente, complexas e difíciles que nos distancian na proximidade, que nos afastan na xuntanza. Cal sorte de paradoxo, temos que renunciar á nosa condición de seres sociais para coidar e sermos coidados, sendo a solidariedade a que non comparte, a xenerosidade a que non cede, a afectividade a que non abraza. Unha sucesión de emocións, incluso contraditorias, está a suceder nos nosos interiores tan individuais, nos nosos exteriores tan colectivos.

Lugares comúns, como Compostela, de súpeto quedaron sen a maxia dos encontros, sen as bágoas das despedidas, sen os sorrisos das novas amizades, sen os aplausos de ledicia, sen as melodías improvisadas. Reinventámonos nun espazo alongado, nun tempo incerto, nunha inquedanza agochada detrás dun día a día forzado a unha nova realidade que tratamos de vivir coma se fose unha sorte de película cuxo final descoñecemos. As persoas relativizamos a secuencia de feitos que nos acosa o subconsciente, tratando de vivir o presente coma se non houbese alternativa e de non planificar un futuro que non responde ás nosas expectativas. Pero somos quen de resistir con serenidade, máis ou menos finxida, apoiando aos que nos son achegados nesa órbita de seguridade que alenta as nosas esperanzas.

Este ano, máis ca nunca, precisamos celebrar todo o que poidamos, con máis ou menos aparencia pero con máis ganas de seguir vivos e compartilo. Por iso, Santiago debe brillar canto poida sobre o reflexo das súas pedras, ceo aberto, son de campás que rachan as barreiras físicas para conectarnos, brisa de noite esmorecida no soño dun horizonte ateigado de apertas e bicos.

Este ano Santiago engalánase de nós, dos que a queremos, dos que a admiramos, dos que a imaxinamos, dos que a necesitamos, aí sólida, esperando, aí referente, acollendo, aí serena, calmando. Festexamos que estamos e que estivemos, que somos e que fomos, desexamos seguir estando e sendo, e mentres nos protexemos e os protexemos, aos pequenos, aos mozos, aos maiores, a todos e cada un dos que, con esforzo, con traballo, con agarimo, facemos desta terra, Galicia, a mellor para crecer e facemos deste mar, Galicia, o mellor para navegar. Orgullosos do que temos e do que estamos a construír, a pesar das dificultades, como os antepasados que cruzaron rumbo ao descoñecido en viaxes que procuraban o benestar das familias e o mellor pan para os fillos. Sen pausa e coa permanencia da imaxe que nos conduce ao camiño de partida, para non esquecer, nunca, de onde vimos e ter presente, sempre, o que nos trouxo ata aquí.

No camiño das pegadas dos que voaron ás estrelas, do que amaban a Compostela e sentíanse xacobeos de razón e de corazón, brilla este ano a luz do meu pai, vaia para el este conxunto de parágrafos acompasados que resoan desde o profundo da miña alma.

Feliz día, Santiago. Feliz día, Galicia

24 jul 2020 / 19:07
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito