Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MARÍA JESÚS LAMAS // Directora de la Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (AEMPS)

20

HAI EXPERIENCIAS QUE CONFIGURAN O CARACTER E MARCAN A VIDA, algunhas che transforman, danche unha mirada nova que che impide ser o que fuches aínda que o estrañes. Unha desas situacións vivina pouco despois de ser nomeada xefa de servizo de Farmacia do Hospital Clínico Universitario de Santiago, co desgraciado accidente do Alvia en Angrois. Como experiencia profesional foi dura, pero agora, sinto que aquilo me preparou dalgunha maneira para facer fronte os retos que trouxo a pandemia; boto a vista atrás e podo identificar aquilo que aprendín.

Nestas dúas ocasións souben que somos tan fortes e eficaces como é o noso equipo, que fronte a desafíos que nos levan ao limite da nosa resistencia e capacidade, só hai unha opción, contar cos mellores e unilos cara a un obxectivo común. A principios de marzo deste ano, cando a emerxencia sanitaria aínda comezaba, nos reunímos todo o Comite de dirección da AEMPS e, lembrando as sensacións tras o accidente de Angrois, díxenlles: “Tocan momentos duros. Teremos que loitar contra a frustración sen perder a enerxía para seguir traballando; de forma discreta, facendo posible o imposible. Non seremos noticia se facemos ben as cousas e cumprimos coas necesidades dos hospitais, os profesionais e os enfermos. Sentiremos a soidade cando descansemos o final do día, a vertixe cando escoitemos as chamadas de axuda, a pena polas vítimas. E é posible que ninguén entenda polo que estamos a pasar, nin os nosos; non vos sintades decepcionados, imos buscar uns aos outros porque necesitaremos saber que facemos o correcto, e do apoio do equipo tomaremos as forzas para seguir e resistir a presión”.

De ambas situacións podo dicir –orgullosa- que saímos cun equipo fortalecido do que o seu esforzo e talento quedou amplamente probado. Ás veces, hai traballos discretos que non parecen determinantes, pero sen eles non funcionaria a primeira liña, onde se baten os protagonistas. Nestes casos, é preciso atopar o obxectivo que lle dea sentido á entrega. Sendo unha axencia reguladora, atrevémonos a fixar unha meta irrenunciable, ningún enfermo sen o seu tratamento.

Isto conseguiámolo tomando decisións valentes: un control da produción de medicamentos críticos, chegar a acordos con fabricantes de principios activos españois e doutros países para incrementar a súa capacidade de produccion; cunha fabricacion en continuo, foi preciso tomar o control diario da distribución ás comunidades autonomas segundo a ocupación das UCIs, e asi cubrir as necesidades incrementadas ata sete veces; monitorizar a diario a dispoñibilidade nacional de cada medicamento, as entregas a cada hospital; procurar a implicación de produtores de vidro, tapóns e etiquetaxe para o envasado dos medicamentos; avaliar ensaios clínicos de medicamentos ou ventiladores noite e día... pero movidos pola mesma e importante motivación. E así estaba escrito ben grande nun póster na sala de traballo entre cadros de mandos e protocolos onde cada día encerrabámonos: “salvamos vidas”.

Atopamos a mesma actitude en grupos innovadores que puxeron toda a súa creatividade e vontade en atopar solucións a problemas perentorios, como iniciativas cidadás de impresión 3D para crear EPIs (equipos de proteccion individual) e respiradores cando máis falta facían. E tamén puidemos colaborar e incentivar a fabricacion en sectores máis establecidos pero igual de comprometidos, como é o téxtil, destilerias alcolicas ou o cosmético, e guiarlles e autorizalos para facer máscaras, batas, xeles hidroalcolicos... A colaboración do sector farmacéutico, industria, distribución, profesionais ... foi imprescindible e memorable.

Non podo máis que recoñecer o valor das persoas da Axencia, o valor dun equipo altamente profesionalizado e comprometido cunha mision moral: coidar da saúde e as vidas dos demais. Sen baixar a garda, enfrontamos a nova etapa, a da conseguir unha vacina segura e eficaz, coa mesma entrega e ilusión, porque desto depende a saúde e tamén a economía deste país.

Ao percorrer as rúas da miña cidade, puiden escoitar con preocupacion as cuitas dos comerciantes, as empresarias... sentín o seu medo ao que poida vir, “a sentirse privados dun porvir”, coma dixera Albert Camus. Vaian as ultimas palabras deste escrito en homenaxe a todos os que constrúen o futuro con esperanza: profesionais sanitarios, docentes, científicos, empresarios e en particular aos emprendedores, que, en tempos de tribulación, arriscan unha vida de traballo pero cada mañá levantan a persiana para atender as nosas necesidades. Confiade, volveremos comer e beber fóra, comprar cousas que embelecen a vida e a gozar dun futuro saudable e afortunado, coma o pasado que añoramos.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito