Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CONSUELO FERREIRO REGUEIRO // Profesora titular de Dereito do Traballo da USC

20

SI, TEÑO QUE CONFESAR QUE O TÍTULO NON É MEU, o que asemella un mal comezo, e teño que confesalo porque pertence ao relato da experiencia vital de Jean-Christophe Ruffin, “Immortelle randonnée: Compostelle malgré moi” (2013), ao percorrer o Camiño Primitivo. Con independencia das consideracións persoais, políticas e de estilo, o relato é unha evidencia, tal vez innecesaria (hainas en demasía) máis sempre reveladora, dos “latexos” galos do Camiño. Amósase como unha achega do pasado, un feito do presente, unha herdanza para o futuro, ou sexa,

inmortal.

Non obstante, cumpre recoñecer que engadir unha nova sobre El -o Camiño- resulta nestas alturas, e pola miña banda, pretencioso. Ninguén ignora algunha das súas miles de variacións, permutacións e combinacións; menos se ignora coma El remove os sentimentos sempre propios e intransferibles. Todo nos dirixe ata o inasible.

Máis tentando de coller un anaco da súa esencia desexo simplemente evocar o traxecto que indefectiblemente uniu e une as universidades de partida é de meta, desexo percorrer nun intre o Camiño Universitario, que tamén é inmortal entre París e Santiago de Compostela.

Alí, en París, repousan as esencias da que foi célebre Universidade da Sorbona transformada, no momento hodierno, nun grupo de universidades que fan unha galana defensa desa marca. O Camiño, non por ser unha casualidade da Historia, arranca da Rue Saint Jacques, sede do edificio “Les Écoles”, onde atópanse unha meirande parte das aulas, tamén dos soberbios anfiteatros e, na súa faciana oeste, da capela que preside a alborozada e ata hai pouco -ata que comezaron a desaparecer as librerías- culta Praza da Sorbona. Esta observa o Boulevard Saint Michel, responsable de minguar o protagonismo da Rue Saint Jacques, en cuanto arteria que foi do Barrio Latino.

En efecto, dende o seu extremo norte a Rue apunta á Torre Saint Jacques, resto do Convento de Saint Jacques de la Boucherie, onde se reunían os peregrinos que collían a Ruta Turonensis (pasaba por Tours); dende o horizonte, cara o sur, a Rue intenta avistar a meta: a Universidade de Santiago de Compostela.

Máis non é tan doado xa que todos os relatos teñen as súas trampas e este non quere prescindir de tan fermosa costume. Así e de continuar a nosa andaina pola Rue Saint Jacques, verase outra igrexa, Saint-Jacques-du-Haut-Pas, a escasos cinco centos metros da Sorbona, e a ledicia virá onde nós pois descubrimos outro vínculo coa nosa Terra. Pero non, non é un símbolo, nin tampouco unha pegada do Camiño. Está consagrada a Santiago o Menor, xustamente para que non “cobizara” a Santiago o Maior, señor da Rue Saint Jacques onde aquela igrexa se empraza.

Deixando as costas a Rue Saint Jacques, sempre de fronte, xurde uns moitos centos de kilómetros máis adiante o perfil de Santiago de Compostela, do seu “sky line” medieval composto polas súas torres (e as súas competitivas chemineas) percibidas dende a Rúa San Pedro. A solemnidade de Casas Reais e a contención da Azabachería son os prolegómenos da Praza do Obradoiro. E nela, entre os seus catro edificios, presididos pola magna Catedral, está a nosa meta: a Universidade. Representada pola seu Reitorado (Colexio de San Xerome), a súa pequena envergadura e a súa traza sobria e sucinta non pode reflectir mellor a esencia da Institución: a transmisión do coñecemento. E para iso, é preciso despoxarse do aparente e ir cara un mesmo.

Esta experiencia é compartida por Tristan Talberg, protagonista da novela “L’homme qui fuyait le Nobel” (2015) de Patrick Tudoret, con todos os seus lectores. Tristan afronta o Camiño Francés para afastarse do impacto persoal que lle supón a concesión do Nobel de literatura e, nunhas páxinas memorables, reflexiona nun café, cuxa descrición coincide con noso Derby, sobre unha cidade de partida (París), a súa formación na Sorbona, e unha cidade de meta (Santiago de Compostela), e a conformación dunha terra a través da súa Universidade e dun Camiño... universitario e inmortal.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito