Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ANA BELÉN PONTÓN MONDELO // Portavoz nacional do BNG

Unha nova Galiza en marcha

ESTE 25 DE XULLO, celébrase nunhas circunstancias excepcionais, a Covid-19, púxonos ante unha situación límite. Mais neste contexto de dificultade podemos celebrar que Galiza é un pobo que sabe plantarlle cara á adversidade e que sabe facelo desde a solidariedade, celebrar que non damos media volta ante os problemas senón que sumamos esforzos para buscar solucións, e volvemos demostralo de nestes meses de confinamento.

Quero aproveitar este espazo para, unha vez máis e nunca serán suficientes, trasladar o meu recoñecemento a todas as persoas que estiveron loitando en primeira liña contra a pandemia; enviar unhas palabras de afecto a quen perdeu algún ser querido en condicións tan difíciles e unha mensaxe de confianza ás persoas que están loitando por superar o virus. A mellor homenaxe que lles podemos facer a todos e todas elas é a defensa a ultranza dos servizos públicos, unha sanidade fortalecida e libre de recortes e un sistema de coidados das persoas maiores onde se garanta o dereito a unha vellez digna.

O Día da Patria é a oportunidade de reivindicarnos como nación, como pobo orgulloso da nosa historia, un pobo con capacidade para construír unha Galiza con futuro desde a confianza no que somos, no potencial do país, no talento e na capacidade de traballo dos galegos e das galegas. En definitiva, construír unha nova Galiza confiando nas nosas propias forzas.

E unha mostra desa confianza é a que está detrás do histórico resultado do BNG, a que está detrás do enorme apoio social a unha forza política que ten como sinal de identidade a defensa de Galiza e da súa xente, que ten un proxecto serio, solvente, con ideas novas, con solucións aos nosos problemas, unha forza política que ten pasado, claro que si, que bebe da tradición galeguista e nacionalista, que se inspira nos homes e nas mulleres, moitos e moitas delas anónimas, que nos precederon na defensa dunha Galiza soberana, libre para decidir o seu futuro, libre para gobernarnos desde nós.

Para o BNG é unha honra ser continuidade do legado daquel puñado de ilustres que fai cen anos celebraron por vez primeira o Día da Patria, unha honra e unha responsabilidade ser ese fío condutor que nos leva desde as Irmandades da Fala á mocidade da Galiza do 2020, mozos e mozas que o pasado 12 de xullo expresaron co seu voto que o BNG é a forza política na que confían para facer realidade as súas expectativas, o seu proxecto de vida, a forza para a que miraron con esperanza. A miña palabra de que imos dar o mellor para que teñan neste país un lugar no que vivir e traballar, un país no que os seus soños se cumpran.

Porque o BNG ten pasado pero, sobre todo, ten un proxecto de futuro para a sociedade galega do século XXI, unha sociedade en marcha que aspira a todo e á que queremos representar para, man a man, entrar na modernidade e ser todo aquelo que podemos ser: un país con oportunidades, con sectores produtivos avanzados, que aposta pola ciencia e a investigación, cun rural vivo e un territorio preservado; porque a aposta gañadora pasa por unha economía verde, sustentable, na que collamos do territorio o que precisamos pero desde o respecto e a mesura no aproveitamento dos recursos naturais.

O Día da Patria é tamén un momento para reivindicar unha Galiza de mulleres libres e iguais, de mulleres empoderadas que queremos ocupar o noso lugar no mundo e que imos seguir loitando para acabar cos chans pegañentos e cos teitos de cristal. As mulleres temos dereito a ser o que queiramos ser.

E quero rematar felicitando o 25 de xullo a todos os lectores e lectoras de El Correo Gallego, pensen como pensen, pero que sintan a este País no corazón, porque é desde o amor polo país, desde o orgullo do noso que poderemos construír unha Galiza mellor.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito