Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os premios “Gallegos del Año”, son un referente social en Compostela

Neste 2020, un ano difícil, os premios “Gallegos del Año” acadan a súa trixésimo primeira edición. Tiven a sorte de asistir e incluso intervir en distintas galas, e compartir risas e bos momentos con moitas das persoas distinguidas como “Gallegos del Año”, ou “Gallegos del mes”. Xunto coa Carreira Pedestre, forman parte, dun xeito entrañable, deste outono compostelá, e tamén da propia historia da cidade.

No caso da Carreira Pedestre, é unha mágoa que non se poida celebrar polas medidas sanitarias decretadas a causa da pandemia de COVID19; sobre todo tendo en conta que se trata dunha aposta polo deporte que transcende o ámbito individual, para converterse nunha ilusión colectiva na que se implica toda a cidade.

E no caso da entrega dos premios as restricións, desgraciadamente, tamén condicionan a asistencia e as propias características do acto. Pero, é moi importante que esta gala de “Gallegos del Año” se celebre, aínda que sexa adaptada as actuais circunstancias e ao cumprimento da normativa sanitaria e de seguridade. É un xeito de que a sociedade se recoñeza a si mesma a través daquelas persoas que son referencias fundamentais en múltiples ámbitos: desde o mundo do deporte, a literatura, a cultural en xeral, a industria, a investigación, a sanidade, etc. É a forma en que Galicia recoñece aos mellores, e ao mesmo tempo se recoñece a si mesma e reforza a súa propia autoconfianza.

Os premios “Gallegos del Año” significan afianzar a Cidade de Santiago como referencia para toda Galicia, proxectala ao exterior, non só desde o punto de vista local, tamén desde unha ollada aberta, sen prexuízos previos. Esta gala permite que toda a comunidade autónoma a se mire a si mesma e se mire en Compostela.

Os recordos que teño das primeiras edicións están vinculados á singular personalidade de D. Feliciano Barrera, a súa presenza, a súa bohomía, a súa afabilidade e sinxeleza. O capítulo de anécdotas vinculado a esa etapa é inabarcable, igual que o seu coñecemento dos galardoados. Un coñecemento patente nos seus discursos, que en moitos casos transcendía o profesional e se centraba en aspectos persoais o que humanizaba, se cabe, aínda máis ás persoas premiadas.

A partir do pasamento de D. Feliciano Barrera, un 9 de febreiro do ano 2012, os premios evolucionaron. Cambiaron. O traslado ao Palacio de Congresos, que por unha parte permitiu ampliar o aforo e a asistencia, tamén trouxeron consigo unha maior profesionalización, que en certa medida, compensaron o carisma que aportaba unha persoa como Feliciano Barrera. O bo facer de José Manuel Rey ao longo destes anos, unido ao seu esforzo por darlle continuidade tanto á Carreira Pedestre como aos premios “Gallegos del Año” é absolutamente encomiábel e admirable.

Este ano a gala de “Gallegos del Año” tamén vai sufrir cambios. Pero a esencia coa que naceu hai máis de tres décadas, como un referente na vida social galega, un recoñecemento a historias exemplares, e unha distinción a competencias e capacidades, continúa. Nin a pandemia, nin as restriccións puideron apagar estes galardóns cos que o Grupo Correo Gallego premia a traxectoria profesional e persoal dos galegos e galegas máis destacados deste ano 2020. Parabéns por eses 31 anos de vida, e grazas por formar e seguir formando parte da historia de Santiago de Compostela.

JOSÉ SÁNCHEZ BUGALLO

04 ene 2021 / 13:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito