Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Plataforma excepcional y necesaria

Nunha sociedade lastrada pola lenda negra impulsada desde o exterior desde hai preto de cinco séculos, iniciativas como os Premios Gallegos del Año constitúen unha plataforma tan excepcional como necesaria para afianzar o noso orgullo colectivo.

Malia que con frecuencia nos esquezamos diso, galegos e españois temos razóns de sobra para renegar de todo aquilo que, consciente ou inconscientemente, nos convida a menosprezar o propio e enxalzar o alleo. Basta xa de abatemento.

Sexa no ámbito das ciencias, da empresa, das artes, das letras, da política e de tantos outros, esta vella Gallaecia conta con exemplos e persoeiros sobranceiros con idénticos ou máis méritos que os seus pares doutras latitudes.

Velaquí o verdadeiro valor dos Premios Gallegos del Año que acadan a súa trixésima edición. Ano tras ano, desde 1990, os Gallegos del Año, e tamén os Gallegos del Mes, encárganse de recordar as traxectorias exemplares de centos de persoas que brillan con luz propia no universo galego, no español, no europeo e, incluso, moitas veces, no universal.

Coas súas luces e as súas sombras, propias de toda obra humana, en Galicia aniñaron e desenvolvéronse iniciativas de enorme envergadura. Foi así no pasado, pero acontece tamén nos nosos días. A principal multinacional téxtil ten aquí a súa sede, somos unha potencia pesqueira e forestal, o noso agro atesoura un indiscutible potencial de crecemento, os creadores galegos asombran polo seu talento e contamos entre nós con científicos de enorme prestixio internacional. Uns e outros tiveron e teñen cabida nos Gallegos, do ano ou do mes.

Como observador interesado en canto acontece ao meu redor, sigo con atención o discorrer desta iniciativa, xa desde a súa primeira edición, a de 1990, que distinguiu a Camilo José Cela, flamante Premio Nobel de Literatura un ano antes; sempre galego, sempre universal, e hoxe inxustamente esquecido.

Desde entón, paso a paso, o prestixio e a aceptación social destes galardóns pioneiros, impulsados polo editor de El Correo Gallego, o recordado don Feliciano Barrera, sempre da man experta do director, José Manuel Rey, foi medrando paseniñamente ata convertese en referencia obrigada na axenda anual de Compostela e de Galicia.

Tanto é así que o escenario escollido para o acto de entrega da primeira edición, o maxestoso Hostal dos Reis Católicos, axiña resultou escaso para dar cabida á crecente afluencia que en posteriores edicións —ata a irrupción da covid-19 que todo o alterou— abarrotaba o Pazo de Congresos e Exposicións da capital de Galicia.

Aínda que a pandemia mudou radicalmente o mundo neste 2020 e obrigou a modificar hábitos e actividades de todo signo, a covid-19 puxo tamén de manifesto a importancia capital do persoal sanitario, unha transcendencia que, se cadra, quedara desdebuxada nos últimos anos.

Por iso, a decisión de outorgar o Gallegos del Año 2020 aos sanitarios galegos constitúe un acerto e, ao tempo, a mellor maneira de celebrar o 30 aniversario destes premios e reivindicar a plena vixencia dos valores que representan.

Longa vida aos Gallegos del Año e a cantos, co seu esforzo, os fan posible.

MIGUEL ÁNGEL SANTALICES VEIRA

Presidente del Parlamento de Galicia

  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito