Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
NOVIEMBRE 2000

O Correo elixe o 'Chef Rivera' de Padrón 'Gallego de noviembre'

O restaurador padronés José Antonio Rivera, 'Chef Rivera', foi elixido por unanimidade 'Gallego del mes de noviembre' polas redaccións de EL CORREO, O Correo e Radio Obradoiro en recoñecemento á súa "constante vocación co mundo da cociña'', a súa "defensa dos productos tradicionais da nosa terra'' e a constante innovación, partindo da calidade, que ofrece en cada un dos pratos do seu restaurante. José Antonio Rivera "inviste boa parte dos seus beneficios na adquisición de obras de arte que adornan os seus comedores para beneficio dos seus clientes''.

Coa elección de José Antonio Rivera, Chef Rivera, as redaccións de EL CORREO, O Correo e Radio Obradoiro queren premia-lo "afán constante de superación'' dun home que, tras sufri-los rigores da emigración, soubo "coloca-lo seu restaurante como centro de referencia culinaria en Galicia''. Ademais valorouse a súa "dedicación diaria nos distintos quefaceres do industrial da restauración: a compra persoal nos mercados, a presencia diaria na cociña e o seu interese en que cada cliente se encontre na súa propia casa''.

Á hora de elixir como Gallego del mes de noviembre ó restaurador José Antonio Rivera tamén se tivo especial interese en destaca-la sensibilidade artística deste profesional que "inviste boa parte dos seus beneficios na adquisición de obras de arte que adornan as paredes dos seus comedores para beneficio dos seus clientes''.

Cadros dos mellores pintores galegos entre os que figuran nomes tan destacados como o de Laxeiro, Jorge Castillo, Quintana Martelo, Sucasas, Sevillano, Manuel Torres, Arturo Souto, Nelson Zumel, Bóveda, Moldes ou Lorenzo Macias adornan o restaurante Chef Rivera, que se converteu en punto de encontro de numerosos artistas da nosa comunidade.

Cualidades

Outra das cualidades que foron recoñecidas refírense ás orixes do Chef Rivera. Un home feito a si mesmo que sufriu a dureza da emigración en países como Inglaterra ou Francia onde, pese á dificultade do idioma, "soubo adquiri-los coñecementos necesarios para, de volta á súa terra, realizar unha cociña de alta escola onde priman os productos de primeira calidade, un servicio excelente e un ambiente moi agradable''. Prémiase deste xeito a un dos moitos emigrantes que, tras engrandece-la súa terra na diáspora, tiñan como horizonte a volta ás súas orixes para crear postos de traballo e riqueza no seu contorno.

Actualmente José Antonio Rivera, xunto á súa muller e estreita colaboradora, Pierrete Armero, está acometendo unha nova ampliación do seu restaurante na vila de Padrón.

Medalla de Galicia

José Antonio Rivera Casal naceu en Padrón o 24 de abril de 1948. Estudiou bacharelato no Colexio dos Padres Salesianos na Coruña e estudios de cociña no antigo centro de PPO (Formación Profesional) en Santiago. Tempo despois emigrou a Inglaterra para traballar como pinche de cociña no Basil Street Hotel, onde percorreu tódalas categorías profesionais ata ser nomeado xefe dunha das catro cociñas. Posteriormente exerceu esa función no Wellington Club e no Bellfree Club. O seu interese pola cociña francesa levouno ós fogóns do Chef Noelle, Coq Au Vin, Petit Savoyard e do Pied de Cochon, do que os seus propietarios o trasladaron ó restaurante do mesmo nome na capital francesa.

De volta a España abriu o seu restaurante na vila de Padrón polo que pasaron destacadas personalidades como os Reis de España, a infanta Elena, varios ministros ou o premio Nobel, Camilo José Cela, un dos seus clientes máis entusiastas. O agora recoñecido como 'Gallego del mes de noviembre' recibiu a Medalla de Galicia, imposta por don Juan Carlos I, en xullo do ano 1993, "como recoñecemento ó seu labor en prol da promoción da cociña galega e polo innegable exemplo do emigrante retornado que crea unha industria e loita por mellorar. É nomeado Cavaleiro de Honra pola Cofradía do Vinho do Porto e elixido Empresario del año pola Asociación de Empresarios da Barbanza.

José Antonio Rivera ten dous libros de cociña publicados e o seu nome figura no libro Guinnes do Records ó conseguir cociña-la tortilla de patacas máis grande do mundo.

07 dic 2020 / 23:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito