Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ABRIL 2001

Os 'Correos' nomean á actriz Paula Vázquez 'Gallega do mes' de abril

As redaccións de EL CORREO GALLEGO e 'O Correo Galego' elixiron por unanimidade a popular presentadora de televisión Paula Vázquez, como 'Gallega del mes' de abril pola súa dilatada traxectoria profesional. Unha ampla carreira que, a pesar da súa xuventude, levou a esta ferrolá a traballar como conductora de numerosos programas e a participar como actriz en diversas series, entre elas Pratos Combinados, da TVG. Vázquez é amplamente coñecida polo seu labor como presentadora do concurso da cadea Tele 5 El Euromillón.

A ferrolá Paula Vázquez aseguraba nunha entrevista concedida recentemente a este periódico que "estou agradecida porque empecei a modiño, non saltei ningún chanzo''. Neste sentido, e tras unha década ligada ó mundo da televisión, recordaba que "empecei aplaudindo, pasei por tódalas etapas da televisión e non creo nos encadramentos. Tocoume aprender sobre a marcha, e de compañeiros como Chicho Ibáñez Serrador ou Jesús Hermida, o que é unha vantaxe que non ten todo o mundo''.

Paula Vázquez, que participou recentemente nun capítulo da serie Pratos Combinados, producida por esta casa para a TVG, amosábase encantada coa experiencia, e aseguraba que "cando llo dixen a meu pai, quedou entusiasmado porque el é' un gran fan desta serie de televisión''.

De feito, parece sentirse moi ben no seu papel de actriz, faceta na que ademais colleitou un grande éxito co seu papel protagonista na curtametraxe Huele bien, de Rosa Peña, con quen espera traballar tamén proximamente na longametraxe baseada na novela da propia directora El clan de los peter panes. A presentadora ferrolá espera ilusionada a rodaxe deste filme para demostra-los seus dotes interpretativos nun papel secundario.

Por outra parte, e no que se refire ó seu traballo no mundo da televisión e á popularidade que este medio lles outorga ós que nel aparecen case decote, como é o caso da presentadora ferrolá, Paula Vázquez destaca que "o famoseo é algo que non me interesa, non entrei no xogo en anos e non o vou facer. Non podo entende-la falta de respecto dalgúns medios''.

De aí que, logo de ver como en ocasións aparecían informacións sobre a súa vida privada, decidise encabeza-la campaña para a aprobación dunha lei antilibelo que se encargue de salvagarda-la honra das persoas públicas.

Unha iniciativa á que se viu empurrada porque, como ela mesma recoñece, "chega un momento no que pása-lo día pedíndolle desculpas á xente do teu redor porque a sacaron nun medio no que eles non queren saír''. Neste sentido, argumenta que "os presentadores de televisión, como colectivo, non existimos, e o que estamos facendo es ver desde cándo e de qué maneira funciona esta lei noutros países''.

Ademais, a presentadora considera que "estamos asistindo a unha serie de sensacionalismo que lles está creando unha moi mala fama a todos'', e que é un xénero que, desde o seu punto de vista, "é algo que non nos beneficia a ningún''. En canto ós cambios que sufriu o mundo da televisión desde que tomou contacto con este medio por primeira vez, Paula Vázquez non esquece destacar que "agora máis que nunca, a modiño e sen facer moito ruído, as mulleres estamos tomando as rendas de case tódolos programas que hai en televisión''.

De feito, a presentadora ferrolá recorda que "cando empecei como azafata do programa 1,2,3, o posto que asumía a muller nos programas de espectáculo limitábase ó de ser azafata ou partener do presentador, e iso está cambiando na actualidade''.

Participou en programas de tódalas cadeas no eido estatal

Nada na localidade coruñesa de Ferrol, Paula Vázquez trasladouse a vivir a Barcelona cando tiña trece anos, o que lle permitiu poder dominar tanto o galego como o catalán.

As pasarelas e a televisión marcan os seus inicios profesionais ós catorce anos, período no que participa en anuncios publicitarios e en desfiles.

É ós 17 anos cando se estrea como presentadora de televisión nun programa xuvenil en Antena 3, pasando a TVE en 1993 como azafata de 1,2,3, baixo a dirección de Chicho Ibáñez Serrador, e presentando nesta mesma cadea en directo La vuelta a la fama.

En 1994 regresou a Antena 3 para conducir xunto a Alex Casanova o programa No te olvides el cepillo de dientes.

Ese mesmo ano, e na mesma cadea de televisión, inicia a súa andaina como actriz en Canguros, serie na que participa en 65 capítulos.

Como presentadora traballei en El rastrillo e en La noche de los magníficos.

Xunto ó Gran Wyoming e Bertín Osborne participei en La Gran Gala de los Premios TP.

No período natalicio do ano 1995 encarguse da presentación do programa Que no decaiga, que serviu para despedi-lo ano.

Con José Luis Coll presentou Sonrisas de España en 1996.

Na TVG participou en Luar, no especial Galicia, Terra Única, no Xacobeo de 1999, e nas galas de Entrega de Premios Gastronómicos e La Gala de la moda.

É anfitriona de convencións e de eventos, entre os que destaca a súa elección como Raíña do Cava 98/99, Dama do Albariño 1998 e musa da Pasarela GQ. Na actualidade, traballa na cadea privada Tele 5, onde acaba de cumpri-lo seu terceiro aniversario como conductora do programa El Euromillón, un concurso que se sitúa entre os dez espacios españois máis vistos polo público cada semana.

Ademais, e nesta mesma cadea, presentou o programa Inocente, Inocente, líder dos sábados durante o tempo que permaneceu en pantalla, así como as galas anuais organizadas e celebradas por todo o alto polaFundación Inocente.

Tamén transmitiu as badaladas de Fin de Ano en 1998 e 1999, e a Gala de entrega de Premios TP, onde resultou finalista como mellor presentadora nestes galardóns que cada ano elixe o telespectador mediante o sistema de voto por correo nunha votación popular.

07 dic 2020 / 23:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito