Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
JULIO 2001

O escultor ourensán Acisclo Manzano, elixido polo Correo "Galego de xullo"

Escultor de formación autodidacta, nome senlleiro da plástica galega de vangarda desde os 60, Acisclo Manzano (Ourense, 1940) foi elixido 'Gallego de julio' por unanimidade das redaccións de 'O Correo Galego' e EL CORREO GALLEGO.

Renovador das liñas tradicionais partindo das máis diversas materias, a escultura de Acisclo Manzano entronca co novo século logo de corenta anos de travesía estética.

"Máis ca ó grupo de Ourense, podería dicirse que pertence, co resto dos seus compañeiros, ó impulso de Ourense''. Así iniciaba Eduardo Blanco Amor unha glosa sobre a transcendencia, no seo da súa xeración, do escultor Acisclo Manzano.

Nado no propio Ourense no ano 1940, cidade onde pasou a infancia e parte da adolescencia, ós 18 anos trasládase a Santiago para cursar estudios na Escola de Artes e Oficios. A conexión coa tradición dos canteiros e a aprendizaxe da talla sérvenlle a Acisclo Manzano para, de volta a Ourense, verter na madeira as primeiras mostras da súa arte: obras de carácter relixioso, cristos, que toman forma a partir de madeira vella e que malia a súa feitura figurativa apuntan as formas innovadoras que Acisclo Manzano xa leva no seu interior.

Volter

É na Cidade das Burgas onde Manzano se integra no colectivo do Volter, formado polo propio Acisclo e polos pintores Xaime Quessada e Xosé Luis de Dios. "O grupo, —en palabras de José Gómez Alén—, procuraba a concreción dun programa con postulados teóricos rupturistas, co obxectivo de romper coas formas estéticas que caracterizaran a plástica galega desde a guerra civil e equiparala ás pautas que predominaban no concerto artístico internacional'', desenvolvendo, en plena dictadura franquista, as formas estéticas máis vangardistas.

Foi só o inicio dunha longa carreira artística que conectou a súa obra coa dos seus coetáneos europeos e que baixo un cúmulo de influencias (a escultura helenística, a luz do Mediterráneo, a obra de impresionistas e postimpresionistas, os dictados de Moore, Brancusi ou Giacometti) soubo manter a individualidade do seu estilo, recoñecible hoxe en toda a súa expresión plástica.

A medio camiño entre a abstracción e a figuración, botando man de materiais asociados xa ó seu alento creativo, como a madeira, o bronce ou a terracota, Acisclo Manzano ten perfilado coa súa escultura unha das propostas plásticas máis singulares do espacio creativo galego das últimas décadas, nunha travesía estética que dura xa corenta anos. Mozas, ninfas, damas e torsos que levaron a súa obra ós principais museos e galerías de Europa e de América.

Acisclo Manzano, ou a elipse de Gog

A cisclo comezou a súa andaina artística case do mesmo xeito que o tallador en fume de Papini: unha non materia. Si hai unhas cantas testemuñas de ónde apareceu por vez primeira a súa obra. Xuraría que foi por algúns dos moitos recantos de índole gastronómico - tertuliana da cidade de Ourense. Quero decir, que deberon ser as pezas que había no Carroleiro, por exemplo, ou no Volter, con Tucho exercendo de mestre de cerimonias, as que o deron a coñecer. E foi a Galería Toisón, de Madrid, nunha conxunta con Quessada —eses dous nomes son, xa, indisociables—, a que o catapultou cara ó estranxeiro coa forza dun estouro. Logo xa sería México, e de aí cara o resto do mundo. Foi logo o atopar un lugar propio en Eibiza, e ir, dende o paraíso dos beatniks, e que tamén foi hippy, inventando pouco a pouco o que a xente chamou Escultura Mediterránea. Non cabe dúbida de que era recupera-lo mellor desa cultura. Porque Acisclo fixo que o estilo de gregos, etruscos, exipcios e macedonios conflúa nunha persoa: el mesmo.

07 dic 2020 / 23:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito