Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
OCTUBRE 2000

A redacción de O Correo elixe a Paco Vázquez 'Gallego de Octubre'

As redaccións de EL CORREO GALLEGO e 'O Correo Galego' elixiron por unanimidade a Francisco Vázquez como 'Gallego de Octubre' por ser capaz de abrir novos escenarios nas relacións entre España, e concretamente Galicia, e o Reino Unido. Para esta elección valorouse o labor desenvolvido por Vázquez para impulsar estas relacións bilaterais, e non os cargos políticos -alcalde da Coruña e senador- que ocupa. Onte a raíña Isabel II nomeou a Vázquez cabaleiro do Imperio Británico nun acto presidido polo embaixador Peter Torry.

Por primeira vez as redaccións de EL CORREO e O Correo romperon a norma de non elixir un político como Gallego de Octubre. Esta ruptura excepcional vén provocada pola importancia da condecoración que lle outorgou a raíña Isabel II a Francisco Vázquez, ó que nomeou cabaleiro do Imperio Británico. A cerimonia solemne de entrega desta Medalla tivo lugar onte na Coruña, presidida polo embaixador británico, Peter Torry.

Trátase dunha das máis altas distincións que outorga a casa real británica en tempos de paz, que foi concedida a poucas persoas nacidas fóra do Reino Unido.

Difusión dos valores

Neste caso, a raíña Isabel II quixo premia-lo labor desenvolvido por Vázquez na "difusión dos valores británicos e españois'' mediante a exaltación de figuras como a do xeneral inglés John Moore, falecido en 1809 nunha casa do Cantón Grande tras ser mortalmente ferido na batalla de Elviña, polas tropas napoleónicas do mariscal Soult, e enterrado na Coruña.

Con esta orde tamén se lle recoñece ó rexedor coruñés a organización de celebracións que serviron para fomenta-la divulgación da cultura e historia británica, así como "o impulso das relacións bilaterais entre Gran Bretaña e España no campo do comercio e da industria''.

En 1999, o duque de Gloucester, primo da Raíña Isabel II, visitou A Coruña coincidindo cos actos do 190 aniversario da batalla de Elviña e mostrou o seu agradecemento pola recuperación da figura de Moore.

Ademais Francisco Vázquez forma parte dun selecto faladoiro de notables de Gran Bretaña e España, que se reúne anualmente nunha cidade de cada país. Este ano precisamente este foro estase celebrando estes días en Santiago de Compostela, coa presencia de destacadas personalidades. A Orde de Cabaleiro do Imperio Británico foi creada en 1917 polo rei Xurxo V. Con ela, distínguese os servicios ás artes e as ciencias, os servicios públicos de gran valor e os traballos das organizacións benéficas e de asistencia social de todo tipo, nunha nómina na que figuran inscritos 100.000 persoas de todo o mundo reunidas baixo o mesmo lema: "Para Deus e o Imperio''.

Coñecidas personalidades

Esta condecoración foilles concedida a coñecidas personalidades da política, a cultura, a empresa e as ciencias, e entre elas figuran os populares actores Laurence Olivier e Sean Connery e os integrantes do grupo musical The Beatles.

Francisco Vázquez naceu na Coruña en 1946. Despois de realiza-los estudios de bacharelato nos Maristas da Coruña, cursou a carreira de Dereito no Colexio Universitario San Pablo de Madrid e na Universidade de Santiago. En 1974 ingresou, por oposición, no Corpo Nacional de Inspección de traballo, ocupando o seu primeiro destino na Coruña.

Militante do Partido Socialista desde o ano 1975, foi elixido deputado pola Coruña en 1977 e reelixido nos seguintes comicios, ata o 2000, en que se presentou como candidato ó Senado, logrando un escano na Cámara Alta.

En 1983 foi elixido alcalde da Coruña e reelixido en 1987, 1991, 1995 e 1999. Tamén é membro significado da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), da que foi presidente entre 1994 e 1998. O rexedor coruñés tamén foi secretario xeral do Partido Socialista de Galicia en varias etapas desta agrupación política.

07 dic 2020 / 23:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito