Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
FEBRERO 2003

O actor Luís Tosar elixido 'Gallego de febrero' polo Grupo Correo Gallego

Ultima, logo de seis meses en Madrid, a súa participación na rodaxe de Te doy mis ojos, o novo filme de Iciar Bollain, directora coa que xa traballara en Flores de otro mundo (1999), unha longametraxe na que lle deu vida a Damián, un home silandeiro e traballador, situado no epicentro daquel relato sobre a inmigración, a soidade e as relacións humanas e interculturais.

"Estamos na recta final de Te doy mis ojos'', sinala Luís Tosar, o actor lugués que foi elixido, por unanimidade das redaccións de El Correo e O Correo, Gallego de febrero, unha distinción que lle chega nun momento doce da súa carreira, con proxectos aínda por estrear e como rostro xa habitual de varias das produccións máis importantes do panorama cinematográfico galego e español.

"É unha película moi dura, na que fago o papel dun maltratador'', lembra Tosar, quen retoma o rol xa interpretado nunha anterior curtametraxe de Bollain, Amores que matan (2000). Acompañado agora polas actrices Laia Marull, Candela Peña, Rosa María Sardá e Kiti Manver, Tosar, —premio Goya 2002 ó mellor actor de repartimento por Os luns ó sol de Fernando León de Aranoa—, expresa a súa aposta polo chamado 'cine de compromiso', un cine no que acha "referencias próximas'', no que se sente a gusto e que lle permite ademais afondar nos problemas sociais.

É se cadra nesta identificación co real onde radica a crecente popularidade dun intérprete que xa coñecera como xuíz da serie de Mareas Vivas da Televisión de Galicia o seguimento masivo do público. Superada aquela etapa, que lembra con agarimo, e arredada a pantasma do estancamento no personaxe, Tosar céntrase agora na pantalla grande e é alí onde se lle pode ver hoxe na galardoada Os luns ó sol e Trece badaladas, o thriller de resonancias fantásticas do galego Xavier Villaverde. Pendentes de estrea están O lapis do carpinteiro, de Antón Reixa, El regalo de Silvia, de Dionisio Pérez, e La flaqueza del bolchevique, de Manuel Martín.

Noutra listaxe paralela figuran os proxectos futuros, a rodaxe de El año de la garrapata de Jorge Coira, para este verán, e tamén en Galicia, a última película de Gutiérrez Aragón, La vida que te espera.

Os Goya

Luís Tosar foi, na edición pasada dos premios da Academia de Cine, o primeiro galego que recibe un Goya como mellor actor de repartimento, polo seu papel na película Os luns ó sol.

É canto á hora de definir o seu papel de José en Os luns ó sol, —un traballador en paro, tamén silandeiro, insomne, desacougado—, como 'un antes e un despois' na súa carreira. Con todo non dubida en lembrar a película como "moi especial'' e a cerimonia de entrega dos Goya como "emocionante''.

Nesa gala, —onde Os luns ó sol arrasou nas categorías principais—, Tosar pronunciouse contra a guerra e berrou Nunca Máis; trala polémica, segue sen ver problema ningún naquelas declaracións. "Cando as cousas saen espontaneamente non hai que apoiar nin que reprochar nada, é algo que sae dun'', di, convencido de que "os actores facemos un labor de espello do que pasa, non somos adaís, estamos en contacto coa xente e hoxe a xente ten ganas de protestar''. Ese labor reeditouno Tosar na marcha de Nunca Máis en Madrid, onde leu, con Juan Diego Botto, un dos manifestos que pechou a protesta galega. Perante unha ateigada Porta do Sol, con Miña terra galega, "un himno xa'', vibrando na megafonía, confesa o orgullo e a emoción que sentiu nesa marcha.

É consciente do apoio da xente e, anque se sente "un pouco raro'' no medio dos recoñecementos, só ten agradecemento para os moitos que ven nel unha sorte de embaixador galego.

07 dic 2020 / 23:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito