Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
GALLEGO DEL AÑO 2003

Julio Fernández Gayoso, 'Galego do 2003' do Grupo Correo Gallego

Julio Fernández Gayoso, director xeral de Caixanova, resultou elixido como 'Galego do Ano 2003', premio instituído polo Grupo Correo Gallego en 1990 para recoñecer a aquelas persoas ou institucións que máis se significan na promoción de Galicia.

Ó distinguilo, por unanimidade, como 'Galego do Ano', o xurado valorou na persoa de Julio Fernández Gayoso "a súa contribución, con actividades e iniciativas sempre innovadoras, ó desenvolvemento e modernización dun sistema financeiro netamente galego, concibido como unha panca de progreso económico e benestar social''.

Destaca tamén o xurado no galardoado a súa traxectoria profesional e o seu compromiso con Galicia, que se evidencia "na conducción do exemplar proceso de fusión e constitución de Caixanova a partir das Caixas de Aforros das provincias de Ourense e Pontevedra, conseguindo, deste modo, a formación dunha entidade cun crecemento e proxección, tanto nacional como internacional, que contribúe a facer de Galicia unha comunidade cada vez máis capaz de competir a escala global''.

Creación da Escola de Negocios Caixavigo

Paralelamente, "soubo apostar, con visión de futuro e apoiado nunha insubornable fe no seu país, polos campos da educación e da promoción da cultura'' que teñen como exemplos máis relevantes a creación do Colexio Universitario vigués ou a Escola de Negocios, que se erixiu como o máis importante viveiro de novos dirixentes empresariais.

Por último, destaca o xurado en Gayoso o seu interese pola cultura e, máis concretamente, polas artes plásticas; o labor de mecenado e a súa aposta polas obras sociais que "constitúen un orgullo para todos'' e que acaba de ser referendada coa presencia dos Reis na inauguración do Centro Social de Caixanova.

O editor do Grupo Correo Gallego, Feliciano Barrera, presidiu o xurado que integraron o conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela; o rector da Universidade de Santiago, Senén Barro; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro; o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Agustín Sixto Seco, e o director de EL CORREO GALLEGO, Xosé Manuel Rey Nóvoa.

Unha vida dedicada á banca

Nado en Vigo o 8 de decembro de 1931, ós dezaseis anos comezou a traballar na entón Caixa de Aforros de Vigo, compaxinando o seu emprego cos estudios ata obter o título de profesor mercantil. Á temperá idade de 32 anos é nomeado director xeral, cargo no que leva xa máis de 38 anos. Presidente de Lico-Corporación, vicepresidente do Grupo R e do Banco Gallego e socio fundador da Fundación Pro-Vigo, entre outros cargos e representacións, Fernández Gayoso, que manifesta como un dos seus peculiares sinais de identidade o ser autodidacta, asegura que non existe batalla gañada que non sexa por convencemento e é entusiasta defensor do traballo en equipo. Medalla Individual ó Mérito no Aforro (Ministerio de Facenda), Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, Comendador da orde do Mérito Civil, Medalla de Ouro da cidade de Vigo e da Cámara de Comercio, Industria e Navegación, o cinco de marzo do 2002 foi investido como doutor honoris causa pola Universidade de Vigo.

07 dic 2020 / 23:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito