Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
AGOSTO 2004

David Cal e Lavandeira Jr., elixidos 'Galegos de Agosto' polo Grupo Correo Gallego

Unha imaxe vale máis que mil palabras e boa conta diso pode dar Emilio Lavandeira Jr. A alegría, a decepción, a rabia ou a emoción. Todo este cúmulo de sentimentos móstranse nas mellores instantáneas que o fotógrafo compostelán captou nos Xogos Olímpicos que se acaban de celebrar en Atenas. Unha experiencia sen precedentes que significou para este fotógrafo compostelán "o mellor'' da súa traxectoria profesional.

Desde moi pequeno levou nas veas esa inquedanza por inmortalizar as imaxes máis significativas tanto da vida cotiá como dos momentos máis especiais. En principio, Lavandeira Jr. tomaba a fotografía "como unha afección''. Tras iniciar os seus estudos na carreira de Dereito —que abandonou pouco despois—, deuse conta de que a súa verdadeira vocación era esta profesión e recoñece que tivo "a sorte de poder facer'' o que lle gustaba.

Ós seus trinta e seis anos, este compostelán pode presumir de ter presenciado os mellores momentos do Mundial de Xapón e dos Xogos Iberoamericanos celebrados o ano pasado. Ademais de tratar cos gurús do deporte internacional Emilio Lavandeira foi enviado a Atenas por Efe, a axencia de noticias na que traballa actualmente.

Realizando unha valoración dos momentos máis emotivos da cita máis importante co deporte, este fotógrafo asegura que "a inauguración dos Xogos foi preciosa'', aínda que tamén destacou como un dos momentos máis emotivos "a entrega de medallas ós españois''. De feito, foi el un dos privilexiados en inmortalizar o momento histórico en que A súa Maxestade o Rei se abrazou con Íker Martínez, tras ter conseguido o ouro en vela, na clase 49er. Pero non só se dedicou a este tipo de competicións, senón que tamén captou os esforzos do ximnasta Víctor Cano mentres realizaba o exercicio no poldro, entre outros deportes.

A gran variedade de especialidades non lle permite definir o máis ou menos destacado porque, como aseverou, "non hai nada mellor nin peor''. "Ata dos deportes que non teñen tirón se poden sacar moi boas fotos''.

No eido físico, o ritmo ó que traballou "foi moi duro'' —con xornadas de entre doce e dezaoito horas—. "Había cambios de proxectos constantemente —asegura o fotógrafo compostelán— e pasabamos moito tempo no transporte''. Segundo as súas propias palabras, fixo "máis fotos en quince días que en todo un ano de traballo'', porque cada xornada supuña tomar unhas mil instantáneas.

A pesar do axetreo que tivo que aturar, Lavandeira Jr. desfrutou moitísimo durante a súa estanza en Atenas e afirma que se lle deixasen se quedaría "ós Xogos Paraolímpicos''. Pero o máis importante é que está "contento'' coas fotos que fixo.

07 dic 2020 / 23:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito