Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
FEBRERO 2004

Teresa Táboas, 'Gallega del mes' de febreiro

As redaccións de EL CORREO GALLEGO, GALICIA HOXE e Radio Obradoiro decidiron concederlle por unanimidade a distinción de Gallega del Mes de febreiro á arquitecta Teresa Táboas Veleiro, polo seu destacado labor á fronte do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, sendo ademais a primeira muller que ocupa este cargo en dita institución.

Decana presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia desde o 30 de maio do 2003, un mes despois, o 12 de xuño, era nomeada conselleira do Consello Superior dos Arquitectos Españois, Cscae, converténdose desta forma na segunda muller que ostenta dito posto desde a creación do organismo en 1931.

Teresa Táboas tamén é representante do Consello Superior de Arquitectos de España no Consello de Arquitectos Europeos, CAE, con sede en Bruxelas, nas comisións Taksforce for Urban Issues e Taskforce for Enviorment and Sustenaible Architecture de apoio ó Parlamento Europeo.

Por outra parte, e tamén entre os numerosos postos directivos que ocupou, cabe destacar o de presidenta da Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos, cargo que ostentou entre 1999 e 2003.

Con respecto ós galardóns que recibiu ó longo da súa traxectoria profesional, obtivo as primeiras distincións en diferentes concursos, o último dos cales se atopa neste momento en plena fase de construcción. Trátase dun grupo de 27 vivendas de protección oficial na localidade ourensá de Pereiro de Aguiar, municipio para o que tamén obtivo o primeiro premio no concurso de realización dun centro comercial.

Teresa Táboas atópase agora mesmo inmersa na elaboración dun proxecto para a Cidade das Artes Interpretativas de Limerick, Irlanda.

Tamén no referente á súa actividade profesional hai que destacar que é autora de A cor en arquitectura, libro editado por Edicións do Castro no ano 1991 e que se converteu en auténtico referente no eido mundial para especialistas da arquitectura.

Así mesmo, escribiu Emigración e arquitectura, publicado pola Deputación Provincial de Pontevedra en 1999, e colabora habitualmente con importantes revistas especializadas.

Filla de pais ourensáns e profundamente comprometida coa súa comunidade de orixe, mostrouse especialmente emocionada ante os seus proxenitores ó coñecer que ía ser distinguida como Gallega del Mes.

Neste sentido, hai que sinalar que, viviu dacabalo desde nena entre México e Galicia, pois o seu pai, Manuel Táboas, foi durante moitos anos directivo do Centro Galego de México, ademais de impulsor da creación do novo polideportivo para a colonia galega en dito país.

Sobre a actividade profesional que desenvolve nestes momentos, recoñece que o seu cargo á fronte do Colexio de Arquitectos de Galicia lle deixa menos tempo do que desexaría para o traballo no seu estudio. Un traballo para cuxo desenvolvemento conta cun equipo de seis persoas nas que asegura que confía plenamente, e gracias ás cales pode afrontar con garantías os postos de responsabilidade que ocupa no ámbito da arquitectura, converténdose así nunha muller pioneira neste aspecto.

De Barragán e Portela

Arquitecta pola Universidade Nacional Autónoma de México, durante a súa estancia nese país, onde naceu en 1961, establece unha grande amizade co mexicano Luis Barragán —Premio Pritzker—, a instancias de quen decide realizar a súa tese de doutoramento sobre a cor en arquitectura.

Teresa Táboas é doutora pola Escola Superior de Arquitectura da Coruña, obtivo un sobresaliente Cum Laude coa tese A cor en arquitectura, dirixida por César Portela, con quen mantería unha colaboración durante seis anos.

No 90 funda o Teresa Táboas Estudio de Arquitectura, S.L., á fronte do que realizou importantes proxectos de Edificación e Urbanismo.

Por outra parte, e no que se refire ó seu labor investigador e formativo, impartiu relatorios en diferentes institucións e universidades, xeralmente relacionadas co tema da cor na arquitectura, eixe principal do seu traballo investigador.

Interveu cunha conferencia sobre A cor en arquitectura no Instituto Tecnolóxico de Galicia, e participou no VI Congreso Mundial da Cor (1989) con The colour in architecture, reunión organizada pola Sociedade Mundial da Cor, da que forman parte científicos e expertos dedicados ó estudio da cor. Neste momento, e tamén relacionado co seu marcado interese polo tema da cor na arquitectura, atópase traballando en dous estudios cromáticos.

07 dic 2020 / 22:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito