Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
JUNIO 2005

Fernán-Vello e Pillado, Galegos do Mes de xuño

Miguel Anxo Fernán-Vello e Francisco Pillado Mayor comparten dende hoxe algo máis que unha amizade e unhas inquietudes literarias ó ser elixidos polas empresas do Grupo Correo Gallego -EL CORREO GALLEGO, Galicia Hoxe e Radio Obradoiro- Galegos do mes de Xuño en recoñecemento á súa contribución á literatura galega, rescatando dous xéneros menores como a poesía e o teatro dende as editoriais que dirixen, Espiral Maior e Laiovento.

Coñecéronse cando Pillado traballaba como director dos Cadernos da Escola Dramática Galega e Fernán-Vello gañou un dos seus galardóns. Unha amizade que perdura e que segue a unilos en diferentes proxectos literarios con outro bo amigo seu, o político e escritor Xosé Manuel Beiras, co que xa publicaron dous libros arredor da súa figura, A nación incesante e A estrela na palabra.

O lucense Miguel Anxo Fernán-Vello, poeta, músico e dramaturgo, preside na actualidade a Asociación Galega de Editores (AGE) tras doce anos exercendo como secretario da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e é membro da xunta directiva do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO). Articulista de prensa e colaborador de revistas literarias, publica un artigo diario no xornal Galicia Hoxe. No ano 1991 funda a empresa editora Edicións Espiral Maior, selo que leva xa publicados máis de 220 títulos de poesía. Nos anos 1985 e 1997 foi finalista do Premio Nacional de Literatura cos libros de poemas, respectivamente, Seivas de amor e tránsito e As certezas do clima.

Sempre ligado ó mundo da escena, en plena ditadura franquista, Francisco Pillado Mayor leva a cabo un acto clandestino. Xunto a Manuel Lourenzo monta un espectáculo con textos adaptados de Rosalía e Luís Pimentel, era a presentación do grupo de teatro O Facho (1965). Logo virían Escola Dramática Galega (1978), Luis Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990). Exerceu como profesor, crítico, tradutor e articulista colaborando con A Nosa Terra e O Correo Galego. Durante varios anos ocupou a presidencia da Escola Dramática Galega e coa axuda de Manuel Lourenzo creou o primeiro dicionario do Teatro Galego 1671-1985. O seu labor á fronte da editorial Laiovento xa lle ocupa quince anos.

“Neste país aínda hai moito por recuperar”

Xa van vinte anos dende que se coñecen a través dos Cadernos da Escola Dramática Galega, que Francisco Pillado dirixía e que para el constitúe unha das facetas das que “máis orgulloso me sinto. Chegamos a publicar 105 números”. “Foi realmente importante, aínda se fala hoxe deses cadernos, nos que publicaron dramaturgos como Inma Souto, Henrique Rabuñal, Xesús Pisón, Luísa Villalta e Fernán-Vello”, lembra o editor, quen subliña como rescataron textos como A casamenteira (1812), primeira obra do teatro galego, ou Maricastaña.

Grazas á lección dada por Leandro Carré, Pillado e Manuel Lourenzo comenzan unha busca incansable por descubrir o pasado teatral galego que os levaría a publicar en 1979 unha listaxe da produción galega. Esta obra xunto a outra que publicou hai catorce anos sobre as creacións teatrais de Manuel Lugrís Freire, que será homenaxeado no Día das Letras Galegas o próximo ano, amosan que “neste país aínda hai moito por recuperar”, afirma Pillado, quen considera como revolucionario “popularizar a Cunqueiro, Rosalía ou Mozart”.

Xa van vinte anos de unión persoal e literaria. Fernán-Vello é para o editor de Laiovento “unha desas persoas que lle dan sentido á vida” e o que fai que “non renegue de moitas cousas”. Para Fernán-Vello, a poesía é “o xénero histórico da literatura galega por excelencia e o que tivo maior repercusión histórica, cos cancioneiros medievais, con Rosalía...”; por iso cre que a publicación dende Espiral Maior de máis de 200 títulos conforma “o patrimonio da edición poética galega”. Das súas tres obras con Pillado, destaca a de Carballo Calero, que “marcou un punto de inflexión, ó ser unha biografía conversada percorrendo a súa vida”.

07 dic 2020 / 22:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito