Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENERO 2005

A investigadora Mar Capeáns, galega do mes

O Laboratorio Europeo de Física de Partículas, o CERN, en Xenebra (Suíza), é un dos máis reputados centros de investigación do mundo. Científicos de todo o planeta traballan nesta entidade, que pretende concluír no 2007 a construción do maior acelerador de partículas do mundo, o gran colididor de hadrons (LHC). Entre estes investigadores atópase Mar Capeáns, física compostelá de 38 anos, que forma parte de Atlas, proxecto que pretende explotar o enorme potencial do LHC e que, entre as súas misións, ten a de encontrar o bosón de Higgs, unha peza non descuberta do modelo estándar que axudaría a resolver, parcialmente, o misterio de por que as partículas teñen masas.

Polo seu labor profesional as redaccións do Grupo Correo Gallego -GALICIA HOXE, EL CORREO GALLEGO e Radio Obradoiro- escolleron a Mar Capeáns Galega do Mes de xaneiro. A moza estudou Física na universidade de Santiago, onde colaborou co departamento de Física de Partículas.

"O CERN ten un programa para mozos investigadores ó que enviei o meu curto currículo. Iniciar a miña andaina profesional traballando nun centro de elite, cos Alpes como pano de fondo, pareceume realmente atractiva", explica Mar Capeáns. "Contratáronme en 1992 e tiven a sorte de me incorporar ó grupo fundado por Georges Charpack, premio Nobel de Física, ese mesmo ano", lembra. Segundo Capeáns, "o CERN posúe os aceleradores de partículas que recrean os primeiros momentos do universo, e en varios puntos dos aceleradores instálanse enormes detectores que permiten observar que é o que sucede cando se aceleran as partículas a moi altas enerxías e coliden unhas contra outras". "O grupo de Charpack dedícase a desenvolver os detectores de gas que se utilizan nos aceleradores", relata. Esta tarefa explica que a súa idea orixinal de pasar uns meses aprendendo en Xenebra se convertera en seis anos que, recoñece, "marcaron a miña traxectoria profesional para sempre".

Neste tempo, Mar Capeáns investigou o tipo de detectores que se poderían utilizar en colididor de hadrons, onde se crearán partículas pesadas imposibles de formar nos aceleradores actuais e que nos remontará á orixe do universo.

En 1998, Capeáns comezou a traballar na Deutsches Elektronen-Synchroton (DESY), en Hamburgo (Alemaña) no único experimento construído ata agora que, a escala menor, "foi unha boa escola", asegura. Pero no 2000 volveu a Xenebra e uniuse ó experimento Atlas, o maior dos catro grandes proxectos que rexistrarán as colisións do grande acelerador de partículas.

Membro do grupo pola igualdade

Mar Capeáns entrégase á ciencia, como proban os seus 55 artigos científicos publicados en revistas internacionais, pero na súa carreira tampouco esquece as responsabilidades sociais. Un exemplo é a súa condición de membro do grupo do CERN para a política de igualdade de oportunidades, e a colaboración en tarefas de divulgación da física de partículas a través de actividades do propio centro e a súa exposición Microcosm.

Fai case trece anos que iniciou a súa relación co prestixioso centro suízo e a principios de ano pasou a formar parte do cadro permanente, unha posición excepcional desde a que ten liberdade para colaborar con calquera dos proxectos en marcha.

"É un orgullo traballar coa elite europea da física nun centro que probablemente sexa máis importante para a nosa vidas do que poidamos pensar", reflexiona. Éo polo seu propósito de desvelar o misterio da materia e a antimateria na orixe do universo, pero tamén polo modelo de cooperación científica que estableceu tras a Segunda Guerra Mundial. "O CERN constitúe o primeiro exemplo de colaboración europea a grande escala, estableceu o modelo para crear organizacións multinacionais dedicadas á ciencia e outras disciplinas e constitúe a referencia mundial máis importante na investigación básica, do desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, da educación e formación académica e da cooperación internacional. Nestas vertentes, consagrouse como un formidable centro de excelencia e o seu espírito transcendeu máis alá dos seus obxectivos estrictamente científicos", conclúe Capeáns.

07 dic 2020 / 22:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito