Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ABRIL 2005

Jaime Barreiro, elixido Galego do Mes de Abril polo Grupo Correo Gallego

O decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago (USC) foi elixido polas empresas do Grupo Correo Gallego EL CORREO GALLEGO, GALICIA HOXE e Radio Obradoiro, Galego do Mes de Abril en recoñecemento á súa traxectoria académica e política, marcada polo seu compromiso co desenvolvemento de Santiago e Galicia e a súa proxección en Europa.

Aínda que agora se centra na faceta académica, Barreiro Gil, nado en Freixeiro (Santa Comba, A Coruña), en 1953, tivo un importante episodio da súa vida na esfera política. O profesor de Historia da Economía formou parte, como militante socialista, da dirección executiva do PSG ó final da ditadura franquista e no principio da transición.

Despois das primeiras eleccións xerais da democracia, e ante o proceso de ratificación popular da Constitución, incorporouse ó Partido Socialista Obrero Español. Co PSOE, Barreiro Gil accedeu á acta de senador pola Coruña, á que representou no Senado de 1982 a 1996. Durante as dúas lexislaturas foi presidente e portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, despois de ter sido responsable de diversas áreas de acción parlamentaria. Formando parte das delegacións españolas, foi membro das asembleas parlamentarias do Consello de Europa, a Organización de Cooperación e o Desenvolvemento Económico, a OTAN e a Unión Parlamentaria Internacional.

Dentro destes organismos participou en diversos comités para a transición democrática en países de Europa central e do leste. Desa fase, asegura, aprendeu moito, pero non repetiría. "Se tivese trinta anos de novo, si, pero agora non creo que tivese forzas. A verdade é que foi unha etapa moi emocionante, pero tamén tivo custos persoais e profesionais porque estiven demasiado tempo fóra da facultade", lembra.

Na actualidade é decano de Económicas da USC e colaborador habitual de EL CORREO GALLEGO.

No seu tempo libre confesa que non se centra especialmente en ningunha afección que non sexa a paixón polos seus amigos e unha boa conversa. "Gústame moito estar cos amigos e meterme con eles", bromea.

Jaime Barreiro "A Galicia de hoxe ten a súa fin no cabo Norte"

Nestes momentos está centrado na súa súa faceta académica, ¿cales son os principais retos do seu centro?

O básico é modernizar as pautas educativas para entrar con garantías no sistema universitario europeo, onde vamos ter que competir con moitas universidades. Os cambios máis importantes en Económicas son os mesmos que en calquera facultade: mudar a mentalidade, empezar a xogar nun campo máis grande, con metas moito máis amplas. Se non nos convencemos de que haberá que funcionar a ese nivel, imos xa non quedar atrás, senón retroceder.

¿Cre que o proceso de traballo pola converxencia europea pode contaxiarse dos campus ao resto de Galicia?

A Galicia de hoxe non acaba en Pedrafita, ten a súa fin no cabo Norte (Noruega). Debemos operar en todo o territorio europeo coma propio, porque senón serán outros os que traballen o de Galicia. Son europeísta convencido por iso, pero tamén porque Europa é hoxe a maior plataforma democrática do mundo.

Tivo o privilexio de traballar nesa construción da que fala como membro das asembleas parlamentarias do Consello de Europa, ¿como lembra aquela experiencia?

Esas asembleas tiñan un marcado carácter simbólico para un demócrata, porque naceron tras a experiencia das guerras. Foi moi interesante porque supuña traballar no proceso de construción de Europa. Dende entón as cousas teñen mudado moitísimo. Daquela ninguén tivera aínda un soño respecto de que Europa acabaría dotándose dunha Constitución propia...

¿Considera un privilexio para a súa xeración poder ter vivido tantos cambios?

Si, tivemos unha grande sorte. A verdade é que especialmente en Galicia vivimos o tránsito á modernización. Cando explico historia económica sempre teño a idea na cabeza de que nacimos en aldeas dunha sociedade dos séculos XVII ou XVIII. E pasamos ao XX de golpe, a unha sociedade que se movía constantemente. Moitas veces o problema é que non somos conscientes da nosa historia e pensamos que só é un relato pasado, cando tamén é navegar no presente. Eu espero que os meus alumnos vivan a súa dende o principio e, se pode ser, que a escriban eles.

07 dic 2020 / 22:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito