Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
GALARDÓN DO GRUPO CORREO GALLEGO

Helena Villar e Xesús Rábade foron elixidos Gallegos de Julio

Poetas, narradores, educadores e activistas da cultura, os dous escritores ven recoñecida unha carreira literaria presidida sempre polo compromiso coa lingua galega e cos sinais de identidade deste país

Individualmente pero tamén como sociedade, Helena Villar Janeiro (Becerreá, Lugo, 1940) e Xesús Rábade Paredes (Seixas, Cospeito, Lugo, 1949) veñen achegándolles ás letras galegas das últimas décadas un inestimábel legado de verbas e pensamentos, que ergue o seu testemuño sobre as principais pólas da creación literaria: a poesía, a narrativa, o ensaio, a tradución e o xornalismo.

A súa fructífera carreira literaria -sempre presidida polo compromiso coa lingua galega e cos sinais de identidade deste país-, así como o labor dinamizador da vida cultural exercido por ambos ao fío do seu labor pedagóxico son as razóns polas que Helena Villar e Xesús Rábade acaban de ser nomeados Galegos de Xullo do Grupo Correo Gallego, unha distinción que provén da decisión unánime das redacións de EL ­CORREO GALLEGO, Galicia Hoxe, Correo TV, Radio Obradoiro e Tierras de Santiago.

A defensa do idioma e da cultura galega vénse plasmando, xa desde os anos setenta, na obra de Helena e Xesús. Catedrático de Lingua e Literatura no I.E.S. Rosalía de Castro de Santiago, Xesús Rábade ten asinado unha importante obra individual na que destacan títulos como Matria de sombra (1987); Poldros de Música (Premio Esquío de Poesía, 1993); ou Os dedos dos loureiros (Accésit do Premio González Garcés, 2000). No eido narrativo A terra prometida (1975), Branca de Loboso (1991, Premio Álvaro Cunqueiro) ou Mentres a herba medra (2008, Premio Blanco Amor). Como ensaísta, Rábade ten analizado a literatura galega do século XX, con especial dedicación ás figuras de Neira Vilas, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Ramón Cabanillas ou Eduardo Blanco Amor. Como tradutor conta cunha versión inédita d'O estrano de Albert Camus, Los oscuros sueños de Clío, de Carlos Casares, na editorial Alfaguara; ou a Mazurca para dous mortos, de Camilo José Cela, nunha edición da Xunta de Galicia. Canda Helena Villar é autor das traducións da poética de Rosalía de Castro, en escolma, e de títulos fundamentais da autora como Follas Novas. De 1980, e coa sinatura conxunta do matrimonio lugués, hai dous títulos destinados a integrar o canon literario galego do século XX. O libro de versos O sangue na paisaxe e a novela Morrer en Vilaquinte. Outra volta xuntos, os dous autores teñen cifrado os seus esforzos creativos na literatura para nenos, na que sobrancean títulos como Símbolos de Galicia (1979), unha achega pioneira; Contos de nós e da xente (1983), O libro de María (1984), e Dona e Don (2004).

De entre os traballos individuais de Helena Villar cómpre lembrar, en poesía, Rosalía no espello (1985); Festas do Corpo (1994); Nas hedras de Clepsidra (1999); Álbum de fotos (1999) e Pálpebra azul (2003). Na narrativa é autora de O enterro da galiña de Domitila Rois (1991) e A tarde das maletas (1992).

É autora Helena Villar, profesora xubilada do IES Arcebispo Xelmírez, dunha importante produción literaria no eido das letras infantís, con títulos como Viaxe a Illa Redonda (1986), Patapau (1989); O avó de Pipa (1991); Contos do paxaro azul (1994); Na praia dos lagartos (2004); Rosalía (2006); e O souto do anano (2007), entre outras. Como ensaísta hai que lembrar Delas (1999), Paseos literarios (2000) e Feminino Plural, publicado por Editorial Compostela en 2003.

PEDAGOGOS

Pioneiros na normalización do idioma

Colaboradores habituais nas páxinas de EL CORREO GALLEGO, Helena Villar e Xesús Rábade son uns grandes divulgadores do idioma e da cultura de Galicia. Autores de numerosos libros de texto e unidades didácticas para o ensino da lingua, colaboraron coa administración en tarefas conducentes á normalización lingüística e cultural da lingua galega: formación do profesorado, reforma educativa, elaboración de material escolar... Helena Villar introduciu no seu colexio o galego como materia obrigada xa no curso 1979-80, nun exemplo pioneiro de impulso e normalización do idioma .

AS CLAVES

A presidenta da Fundación Rosalía

Helena Villar e Xesús Rábade son membros fundadores do PEN Clube galego e doutras asociacións. En concreto Helena promoveu o Premio Rosalía de Castro para Experiencias Pedagóxicas do Padroado Rosalía de Castro. Ela mesma é, desde 2005, presidenta da Fundación Rosalía de Castro.

Premios, xurados e coleccións literarias

Xesús Rábade e Helena Villar, creadores da Apadel (Asociación de Pais en Defensa da Lingua) constituíron xurados literarios de narrativa e poesía para numerosas institucións. Helena Villar é a directora, ademais, das coleccións de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón e Poetas con Rosalía.

Nomeado este ano Chairego de 2008

En 2005 Xesús Rábade foi o protagonista dos XV Encontros na Terra Chá, promovidos pola Asociación Xermolos de Guitiriz e a Fundación Manuel María. En 2008 foi nomeado Chairego do Ano, publicando a Fundación Manuel María o libro Labras do oficio. Xesús Rábade Paredes ante 33 miradas.

Unha filla e un fillo, na poesía e na música

Promotores da música infantil en lingua galega, con iniciativas como o Festival Cantareliña, que se iniciou no ano 1983, Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes teñen dous fillos: a poeta María do Cebreiro (Santiago, 1976) e o músico e compositor de jazz Abe Rábade (Santiago, 1977) .

07 dic 2020 / 17:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito