Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 03 julio 2022
02:23
h
galardón do Grupo Correo Gallego

Xurxo Lobato, Galego de Xuño

As redaccións do Grupo Correo Gallego premian o fotógrafo coruñés, recoñecendo unha prolífica carreira que asenta na forza icónica das súas imaxes e na cifra identitaria do seu traballo como creador ·· Desde 1977 colabora coas principais publicacións galegas, españolas e internacionais

A forza icónica das súas imaxes, o lente lúcido da súa cámara, fan de Xurxo Lobato un dos máis recoñecidos e valorados fotógrafos da escena actual. Distinguindo ese labor que supón cifrar a identidade de Galicia nos seus retratos, paisaxes urbanas e crónicas gráficas, as redaccións que integran o Grupo Correo Gallego -EL CORREO GALLEGO, Galicia Hoxe, Radio Obradoiro, Tierras de Santiago e Correo Televisión- veñen de nomear Galego do Mes de Xuño, por unanimidade, o fotoxornalista coruñés.

Nado en abril de 1956, Xurxo Lobato é Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago na especialidade de Historia Contemporánea. Membro da Real Academia de Belas Artes Nuestra Señora del Rosario, Lobato é un dos nomes máis senlleiros do fotoxornalismo galego nas últimas décadas.

No seu extenso currículo figuran colaboracións coas principais publicacións galegas, españolas e internacionais. Desde Teima, Man Común e A Nosa Terra, nos primeiros pasos da democracia, a pasar pola corresponsalía gráfica para o xornal El País, ou os seus traballos para a Axencia Cover, El Mundo, La Vanguardia, El Periódico, El Semanal, ou as revistas Vogue, Elle, Telva, Geo, National Geographic ou Spain Gourmetour.

En 1980 comezou a traballar en La Voz de Galicia. En 1986 foi nomeado xefe de fotografía no xornal, coordinando ademais a axencia Voz Noticias. Despois de acadar a responsabilidade de redactor xefe de Fotografia e Arquivo Gráfico de La Voz, deixou o rotativo coruñés en 2004.

A obra de Xurxo Lobato ten unha importante presenza fóra das publicacións periódicas, tanto de xeito individual como colectivo. A máis recente destas mostras, a titulada Os rostros da memoria -patrocinada pola Consellería de Cultura e Deporte- recolle en fotografías en branco e negro de gran formato os rostros de homes e mulleres vítimas da barbarie que seguiu ao golpe militar de 1936.

Presenza inescusábel na histórica Fotobienal de Vigo, Lobato ten presentado as súas fotografías nos foros máis destacados: na lisboeta Fundación Gulbenkian, Centre de la Photographie de Xenebra, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Auditorio de Galicia, Fundación Telefónica, Feira Arco e Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (Marco), entre outros.

Na actualidade a exposición Galicia camiño celeste con fotos de Xurxo Lobato e patrocinada por Fundacion Caixa Galicia e Lunwerg co apoio do Xacobeo, pódese visitar no museo de Ostrava en Chequia, até o vindeiro 30 de agosto.

AS CLAVES

Retratos dunha Terra e dun Pobo

Retratista de varias xeracións de poetas, músicos e artistas plásticos, Xurxo Lobato é, de maneira moi destacada, o fotógrafo da Terra, un dos profesionais da imaxe que de forma máis perspicaz e atraente ten plasmado a identidade galega nas súas fotografías: non só as características do territorio senón as singularidades da súa xente, fotografías que son un espellos de nós mesmos.

A instantánea histórica do Prestige

Xurxo Lobato é Premio Ortega y Gasset de fotoxornalismo concedido polo diario El País, 2003, pola súa instantánea aérea do afundimento do Prestige, unha imaxe que ficaría para a posteridade. Coa súa cámara, Lobato documentou ademais o transo daquela catástrofe e o nacemento do movemento social Nunca Máis.

Nas coleccións máis importantes

A obra de Lobato figura en destacadas coleccións privadas e públicas, entre elas a do Museo Reina Sofía; Concello de Vigo. Vigovisións; Colección Fundación Cultura. Córdoba; Colección de Arte Deputación da Coruña; IVAM. Colección Cualladó. Valencia; Colección Xunta de Galicia; Colección do Concello de Alcobendas; e Coleccións Unión-Fenosa, Fundación Coca-Cola e APECCO .

07 dic 2020 / 17:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito