Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
premio

Carlos García Martínez, Galego de Decembro do Grupo Correo

O labor como director do Museo do Pobo Galego e a dedicación investigadora a Galicia valéronlle a distinción a este dinamizador cultural ·· É depositario do saber e do testemuño dunha constelación de sabios, integrada por eminentes profesores e pensadores galeguistas

O seu labor á fronte dunha das máis sobranceiras e queridas institucións civís en Galicia, o Museo do Pobo Galego, así como a súa actividade investigadora en eidos diversos do coñecemento, con este país sempre como norte dos seus estudos, valéronlle a Carlos García Martínez o nomeamento de Galego de Decembro do Grupo Correo Gallego. As redaccións de EL CORREO GALLEGO, Galicia Hoxe, Radio Obradoiro, Correo TV e Tierras de Santiago apoiaron a proposta de coroar este ano co seu visto e prace a candidatura de Carlos García.

Representante dunha xeración –a que naceu intelectual e espiritualmente ao abeiro das revoltas estudantís de 1968–, Carlos García Martínez é depositario do saber e do testemuño dunha constelación de sabios, integrada por eminentes profesores e pensadores galeguistas que acharon, na súa entrega á causa da cultura galega, un atranco para o seu desenvolvemento profesional durante o franquismo.

Alumno de sabios

Entre eses sabios figuran Antón Fraguas Fraguas, a que sucedería Carlos García na dirección do Museo do Pobo Galego, Xaquín Lorenzo Xocas, Fermín Bouza Brey, Luís Monteagudo, Felipe Cordero Carrete, Xesús Taboada Chivite ou Carlos Alonso del Real.

Con natural modestia, alleo sempre ao protagonismo, Carlos García foi base e impulso das principais institucións galegas do saber. No Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, agora vencellado ao CSIC, como membro das seccións de Arqueoloxía e Prehistoria e de Etnografía e Folclore; como académico correspondente da Real Academia Galega; como integrante da Comisión Xestora do novo Seminario de Estudos Galegos; como patrón fundador da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro, e do Museo do Pobo Galego; como socio fundador da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, e como presidente do Consello Galego de Museos, así como académico da RAG.

En todos eses centros de estudo e investigación, vencellados a Galicia e á súa cultura, Manuel Carlos García Martínez desenvolveu un labor dificilmente cuantificábel, polo que ten de constante e entregado.

Tales méritos valéronlle ao investigador o Premio Trasalba, outorgado pola Fundación Otero Pedrayo, no ano 1999. Daquela, Xosé Carlos Sierra foi o encargado de realizar unha semblanza do persoeiro que, ademais de glosar os seus estudos en eidos como a arqueoloxía, a etnografía ou a arquitectura popular, evocaba a súa curiosidade intelectual e a súa bibliofilia. "Home máis de lecturas que de escrituras (isto, só particularmente nos últimos anos), foi sempre unha persoa de incesante acción cultural, dinamizador de ideas e proxectos esenciais para este país. Moitas son ‘aventuras’ nas que andou e aínda anda enguedellado, e moitas outras as tarefas que testemuñan a súa vital contribución". Palabras que hoxe mesmo son vixentes.

UN RETO PARA O FUTURO

Cerna dunha grande institución
Nado compostelán en 1945, Carlos García licenciouse en Dereito en 1968, e asumiu a dirección do Museo do Pobo Galego despois da morte de Antón Fraguas. Nesta institución, que xa cumpriu os trinta anos, andou Carlos García, canda Rafael Baltar, Gallego Jorreto e Xusto Beramendi, entre outros, no xermolo da súa formación como patrono mentor e fundador, asumindo posteriormente labores de secretario e de subdirector. Achegar o Museo do Pobo Galego á cidadanía e divulgar os tesouros que agocha son agora os retos deste humanista.

AS CLAVES

Un amplo abano de publicacións
Entre as publicacións de Carlos García figuran Arte rupestre en Campo Lameiro, Cista y ajuar funerario de Atios, Morfoloxía castrexa das Terras de Compostela, Tipoloxía da vivenda popular galega e De alicerces e devocións: unha ollada arredor das orixes, entre outros moitos estudos.

Importantes legados bibliográficos galegos
O Museo do Pobo Galego, que Carlos García dirixe, atesoura, ademais dun amplo fondo etnográfico, legados bibliográficos importantísimos como os de Antón Fraguas, Xaquín Lorenzo, Taboada Chivite, Fermín Bouza Brey, Manuel Beiras e Antonio Rodríguez Fráiz.

A entrega do premio, en outubro de 2009

“Particularmente –sinala Xosé Carlos Sierra Rodríguez– nós gozamos sempre da súa conversa, na que expresa a súa curiosidade intelectual a súa agudeza crítica e o seu sabor antropolóxico de aquí e acolá”. O Premio Galego de Decembro entregaráselle a Carlos Martínez o vindeiro mes de outubro de 2009, na Semana Grande do Grupo Correo Gallego.

07 dic 2020 / 09:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito