Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
galardón del grupo correo gallego

El escultor Manolo Paz fue elegido Gallego del mes de mayo

O escultor cambadés ve premiada, co galardón do Grupo Correo Gallego, unha traxectoria artística que achou o recoñecemento internacional ·· En toda a súa produción, na que a pedra é protagonista privilexiada, latexa un 'primitivismo vangardista' alleo ás modas e escolas

É un dos creadores galegos de maior proxección internacional. Manolo Paz, nado en Castrelo, Cambados, en 1957, acaba de ser elixido Galego de maio polas redaccións do Grupo Correo Gallego, integradas por EL CORREO GALLEGO, Galicia Hoxe, Radio Obradoiro, Correo TV e Tierras de Santiago. O nomeamento recoñece a traxectoria dun artista plástico que ten feito da pedra a súa canle privilexiada de expresión, dotando a toda a súa produción dun fondo latexo telúrico conectado coa Terra, no que alenta un primitivismo vangardista, que, alén da marca xeracional que o vencella aos grupos colectivos dos oitenta, trascende escolas, modas e tendencias máis ou menos efémeras.

A natureza, pois, está presente nunha obra que xesta o autor xa ben atrás, de maneira autodidacta, cando de neno comeza a facer tallas de madeira coa súa navalla. Criado entre o negocio familiar e os labores do campo, ese primeiro contacto coa madeira-materia determina o futuro do creador, que a finais dos anos setenta chega a Santiago de Compostela para estudar na Escola de Artes e oficios Mestre Mateo. No ano 1980 comezou a traballar como profesor de escultura na Escola de Canteiros de Poio, en Pontevedra, actividade que desenvolvería durante toda a década e que compatibilizou cunha cada vez máis importante presenza na esfera pública da arte galega.

As súas primeiras exposicións individuais datan de 1979 -a Socidade Cultural de Cambados e a Galería Santa Cecilia de Marín acollerían os seus primeiros pasos na exhibición- pero axiña entraría na nómina das principais galerías galegas e internacionais: Luis Adelantado, de Valencia; Abel Lepina, de Vigo; Estampa e Trama, de Madrid; e Trinta e SCQ, en Santiago.

Os principais museos galegos de arte contemporánea contan con obra de Manolo Paz nos seus fondos: o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo de Arte Contemporáneo (Marco) de Vigo e o Macuf da Coruña, así como as coleccións do Museo de Arte Contemporánea de Palma de Mallorca, Fundación Pilar i Joan Miró, Caixanova, Caixa Galicia, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Colección Aena e Al-Mansouria Foundation de París, entre outras. A súa obra encóntrase ademais en coleccións privadas de Nova York, Chicago, Dallas, Os Ánxeles, Wáshington D.C., Xapón, México, Arxentina, Panamá, Bruxelas, Francia, Portugal, Londres e Berlín.

. cultura@elcorreogallego.es

AS CLAVES

En ARCO, Art Miami e Chicago Art Fair

Participante habitual na feira de arte ARCO de Madrid, o cambadés Manolo Paz desprazouse, entre 1992 e 1994, a Nova York, onde fixou o seu lugar de traballo e residencia. Esa estadía determinou un punto de inflexión na súa carreira creativa e na internacionalización do seu proxecto creativo. Tamén ten participado en Art Miami, Arte Lisboa, e na Chicago Art Fair, coa Galería Isabel Ignacio.

'A rarear', pezas no Xardín de Fonseca

A rarear é unha das últimas exposicións individuais de Manolo Paz. Tivo lugar en 2008, nos xardíns do Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, organizada pola universidade compostelá. Tamén en 2008 amosou o seu traballo na Galería SCQ de Santiago e na Galería Fernando Santos, de Porto.

Os menhires, xa un símbolo da Coruña

A obra de Manolo Paz ten ademais unha destacada presenza nos espazos públicos. De feito unha das súas intervencións máis singulares e coñecidas é a que levou ao cabo no coñecido como Parque Escultórico da Torre de Hércules, na Coruña, un conxunto de menhires chantados sobre a liña marítima do horizonte, convertidos xa nun símbolo da cidade herculina .

07 dic 2020 / 09:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito