Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
galardón do grupo correo gallego

Xosé Neira Vilas, Galego de Agosto

As empresas do 'Grupo Correo Gallego' ortórganlle este recoñecemento, que coincide cos oitenta anos acabados de cumprir polo autor de 'Memorias dun neno labrego'

Xosé Neira Vilas, autor de Memorias dun neno labrego,o primeiro Best-seller da Literatura galega, foi elixido polas empresas do Grupo Correo Gallego como Galego do mes de agosto, un recoñecemento que serve tamén para lembrar os oitenta anos acabados de cumprir polo escritor. Falar de Neira Vilas é falar dunha das traxectorias máis fecundas da Literatura galega desde a posguerra. Aínda que a súa obra estea marcada, xa para sempre, polo impacto de Memorias dun neno labrego, a obra de Neira Vilas abrangue un amplo espectro onde caben desde a investigación ao ensaio, pasando polas súas innumerables colaboracións xornalísticas, como a que mantén desde hai quince anos en EL CORREO GALLEGO.

Froito deste constante traballo, que lle valeu recentemente o Premio Reimóndez Portela de apoio á lectura, é o volume que este mes presentou Edicións Xerais na Feira do Libro da Coruña cos seus artigos. Leva por título Lóstregos, que se corresponde ao da súa sección en EL CORREO. Actualmente, porén, chámaa Cancela aberta, xa que Neira lle cambia a súa denominación cando publica cen entregas baixo o mesmo epígrafe.

Periodicamente, publica tamén artigos de investigación en GALICIA HOXE, como a completa que serie que publicou ao longo do ano 2008 con motivo do centenario do Himno Galego, unha serie onde non só estudaba nas incógnitas históricas da composición, senón nos acontecementos que rodearon aquela celebración.

Biografía

Nado en Gres, Vila de Cruces, no 1928, Xosé Neira Vilas emigra a Bos Aires no 1949, onde entra en contacto con boa parte da nutrida colonia de exiliados galegos da guerra civil e traba estreita amizade con persoalidades como Isaac Díaz Pardo, o pintor Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo

Varela ou Ramón de Valenzuela. Na Arxentina, onde desenvolve diversos traballos e realiza estudos en comercio, música ou xornalismo, toma conciencia da identidade de Galicia. Convértese en secretario Xeral das Mocedades Galeguistas, participa na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega e codirixe o periódico Adiante.

No 1957, casa coa que será a muller que o acompañe o resto da súa vida vida e que, dalgún xeito, vai marcar a súa evolución ideolóxica e persoal, Anisia Miranda, unha cubana de orixe galega coa que funda a organización libreiro-editorial Follas Novas para difundir o libro galego en América.

Desa época, datan os seus primeiros títulos publicados, o poemario Dende lonxe (1960) e o seu título emblemático, Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis reeditado, vendido e traducido da Literatura galega. Sobre el, fixéronse estudos universitarios, distintos documentais, unha versión para a televisión italiana, unha adaptación para teatro e está en elaboración a produción dunha longametraxe sobre esta historia de Balbino, un neno labrego dunha familia pobre que escribe no seu caderno a súa experiencia.

. cultura@elcorreogallego.es

 

FIGURA UNIVERSAL

Unha obra traducida ó chinés

En galego fixéronse, até agora, 31 edicións (algunhas de 10.000 exemplares e unha de 50.000). En Cuba, vendéronse máis de 130.000 exemplares e figura tamén nunha edición en sistema braille adapado para cegos.

A súa obra figura, ademais, na selección de Literatura universal publicada en Leibzig e, entre outros idiomas, pódese ler en maia, catalán, vasco, alemán, portugués, inglés, checo, húngaro ou chinés.

O mesmo ano no que aparece memorias dun neno labrego, Neira Vilas e Anisia Miranda marchan vivir a Cuba. Alí, el traballa na Administración e fai xornalismo literario. En 1969 funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu vinte e dous anos. Dende 1983 ata que se xubilou, foi o redactor-xefe da revista infantil Zunzún.

Nos trinta e un anos que viviu en Cuba, Neira Vilas escribiu a maior parte da súa obra literaria pero, sobre todo, investigou -e publicou- amplos estudos sobre os lazos que unían Galicia e o país antillano, ou entre Galicia e América, cuestión na que é un dos grandes especialistas do país.

Nos anos noventa, tras a súa estadía cubana, regresa coa súa muller a Galicia e establécese na súa aldea natal de Gres, onde preside a Fundación cultural que leva o seu nome, unha das institucións con maior actividade da comarca, con concursos tan singulares como o de textos teatrais para o xénero infantil .

 

07 dic 2020 / 09:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito