Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

El PEN Club de Tosar, Gallego del Mes de Mayo

O premio distingue o labor do organismo que preside Luís G. Tosar na defensa da literatura e da cultura galega no exterior

Santiago. A Capela Real do Hostal dos Reis Católicos acollerá hoxe, a partir das 13 horas, a inauguración da III Bienal Literaria Internacional Free the word!/Libera a palabra! Nese acto de apertura, que contará coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo e do delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, participarán Luís González Tosar (presidente Centro PEN Galicia); o poeta e profesor Arcadio López-Casanova (catedrático da Universidade de Valencia); Gloria Guardia (presidenta Fundación Iberoamericana e vicepresidenta PEN Internacional); Xabier Castro Martínez (director de Libera a Palabra!); e John Ralston Saul (presidente PEN Internacional).

Xa pola tarde, no Centro Social Caixanova, na praza de Cervantes, terá lugar a IV Conferencia da Fundación Iberoamericana PEN. Tres horas despois, ás 20 horas, a mesma sede acollerá un dos foros de Libera a Palabra!, un debate que, baixo o epígrafe A novela e os seus narradores, moderará Darío Villanueva, catedrático de Literatura Comparada e Teoría da Literatura da USC e secretario da Real Academia Española. Nese encontro participarán o escritor arxentino Kalman Barsy, a mexicana Carmen Boullosa, os galegos Luisa Castro e Bieito Iglesias, e o nicaraguano Sergio Ramírez.

O seu activo labor na difusión internacional da literatura e da cultura galega así como a decidida defensa da liberdade de expresión que vén exercendo desde a súa creación acaban de valerlle ao Centro PEN de Galicia, que este mes superou xa as dúas décadas de vida, o nomeamento de Galego de Maio do Grupo Correo Gallego. As redaccións de EL CORREO GALLEGO, Galicia Hoxe, Radio Obradoiro e Correo TV, acordaron este recoñecemento para o club literario do que é presidente o poeta e activista cultural Luís González Tosar. "Que a literatura galega se abra ao mundo" é, segundo González Tosar, "a nosa tarefa", sinala o autor, quen ilustra a importancia da representatividade global do Centro PEN de Galicia co feito de hoxe inaugurarse en Santiago a III Bienal Literaria Libera a palabra!/Free the word!, un evento de carácter internacional.

Preto de cen escritoras e escritores, "un grupo moi representativo", en palabras de Tosar, integran hoxe a sección galega dunha organización creada nos anos vinte do século pasado pola escritora británica Amy Dawson Scott, e que foi recoñecida en 1989, en Maastricht. "O Centro PEN mantiña ata daquela un criterio restritivo, e só podían integrarse nel as literaturas avaladas por un estado", recorda González Tosar que, canda Ursula Heinze, "unha gran batalladora", participou naquel congreso que lle deu o visto e prace á candidatura galega. Esa tentativa seguíalle a outra anterior, do 14 de abril de 1977, que se amparaba nas sinaturas de persoeiros como Luis Seoane, Cunqueiro, Celso Emilio, Dieste, Lorenzo Varela e Blanco Amor, entre outros.

Desde a súa fundación, o Centro Pen de Galicia tivo como presidentes a Alfredo Conde, Ursula Heinze, Carlos Casares e Luís González Tosar, todos eles implicados no que o autor de A caneiro cheo define como "a fronte máis activa para que a literatura galega sexa visible no exterior". Traducións, congresos, premios literarios como o Rosalía de Castro e a súa presenza en comités e asembleas internacionais do PEN avalan ese labor de difusión.

tendencias@elcorreogallego.es

07 dic 2020 / 08:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito