Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
XXVIII EDICIÓN

O embaixador de Galicia Xesús Palmou ingresa no selecto club Gallegos del Año

O funcionario, avogado, político, comisario honorario da Policía e agora director da Academia Xacobea recibe o premio “con sorpresa e responsabilidade. Seguirei traballando pola miña terra”

Unha nova incorporación chega ao selecto club Gallegos del Año. Trátase do doutor en Dereito Xesús Palmou Lorenzo (Rodeiro, Pontevedra, 1949), un home “normal, solidario, agradecido e preocupado por todo o que me rodea”.

Non é habitual que un político –Palmou foi concelleiro, deputado, conselleiro, secretario xeral do PPdeG e presidente do Consello de Contas– reciba condecoracións nestes tempos inestables e convulsos da sociedade, pero o lector está ante una persoa que continúa pensando en Galicia.

Por toda a súa constante e brillante traxectoria, as redaccións do Grupo Correo Gallego valoran que é un digno merecedor da ­condecoración.
“Para min é unha sorpresa, unha satisfacción e un gran honor que agradezo ao medio e ás persoas que tiveron a ben elixirme. Eles saberán as razóns para nomearme (risas)...”.

Asume o premio con responsabilidade, pois “é evidente que supón un acicate pero tamén un compromiso. Esta para min é unha distinción especial, aínda que me obriga a continuar con esa ­tarefa de traballar por esta terra”.

Retirado da política, Palmou ten o seu obxectivo na Academia Xacobea, creada en decembro do 2015, e da que é director.

“Isto vaime permitir traballar no Camiño de Santiago, no Xacobeo e, sobre todo, na promoción de estudos nesta materia, na que loxicamente, participan persoas que teñen coñecementos e valía e que iremos incorporando como académicos. Ademais promocionaremos todos aqueles valores universais (solidariedade, liberdade, fraternidade, amizade) que están aí ao redor do fenómeno e que son necesarios que prendan na sociedade”, conta a EL CORREO.

Xesús Palmou é un embaixador de Galicia, terra á que axuda incluso hoxe, “pero noutra dimensión”.

“Servín aos galegos, ­cunha dedicación plena desde o ámbito político, desde o meu mellor e máis leal saber e entender, con erros, pero é un período na miña vida moi especial, sen lugar a dúbidas. Agora é distinto, pero sinto que o que fago vai na mesma liña”.

Afortunado por “ter ­unha vida laboral moi variada e rica”, non se esquece da familia, “que me acompañou sempre. Son fundamentais a compañía e sobre todo o apoio da millar dona e dos meus fillos en toda esta traxectoria. Creo que ­realmente as distincións que tiven son máis ­merecidas para eles que para min”, confesa.

Porque a política activa precisa dunha gran dedicación. “Quen sufre especialmente é a familia, porque vive as ausencias..., e sempre sentín o seu apoio. En ningún momento percibín que se sentise decepcionada coa miña actividade”.

Por outra banda, a ­actividade política o que fai “é sensibilizarte con temas xerais da sociedade”, pero esa inquedanza perdura no tempo. “É algo que xa forma parte do ADN”.

Pero de todos modos, “vexo a política, en xeral, con certa preocupación”. Aínda así rompe unha lanza en favor dos políticos porque o que se está transmitindo á sociedade é o mal da corrupción.

“Hai moitísimos políticos que son xente honesta e que traballan con afán de sacrificio e de servizo. Os demais, os que a utilizan para o seu medre persoal, son parte dunha minoría”.

Defensor sen concesións da democracia, conta que España ten o que se merece, “pero non o digo despectivamente. Somos un país democrático e, polo tanto, con plena liberdade. É lóxico que haxa alternancia e diferentes posicionamentos. Somos unha democracia consolidada e os cidadáns temos a obriga de defender os seus valores por enriba de todo. Cos seus problemas e defectos, non hai un sistema mellor”. De todos modos, “canto máis alto sexa o nivel educativo da cidadanía e máis igual sexa a economía, funcionará mellor.

Por esta razón, “os límites da liberdade de expresión están na verdade e no respecto ás persoas. Non hai democracia se non hai liberdade de expresión”.

ANÉCDOTA. Antes de rematar a conversa, Palmou tivo tempo para relatar ­unha anécdota que viviu ás 17.00 horas dun domingo de maio de 1996. “Soa o teléfono. Era o presidente Fraga: ‘Chámolle para dicirlle que pensei en vostede para conselleiro de Xustiza e Relacións Laborais. Mañá, ás 09.00 horas, agárdoo no meu despacho. Tráiame a resposta. Saiba vostede que se acepta ten que deixar o seu despacho de avogado. Boas tardes’ (risas). Eu non tiña a máis mínima idea. Era deputado, pero nunca falara diso comigo”.

TRAXECTORIA

Actividade actual Funcionario da Administración Civil do Estado (xubilado), avogado, membro titular da Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia, académico de número da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, académico honorario da Real Academia de Jurisprudencia y Legislación de Granada, director da Academia Xacobea, Padroeiro das Fundacións Castelao, Amigos de Galicia, Alfredo Brañas e Contra o Narcotráfico.

Actividade desenrolada Secretario xeral-letrado da Asociación Feiral Semana Verde de Galicia, secretario xeral-letrado da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente-Sogama, ­deputado do Parlamento de Galicia, conselleiro de Xustiza, conselleiro maior do Consello de Contas.

Distincións Cruz de honor da Orde de San Raimundo de Peñafort, medalla ao Mérito da Avogacía do Consello Xeral da Avogacía Española, insignia de Ouro da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid, medalla de Ouro do Colexio de Avogados de Santiago, comisario honorario da Policía Nacional, cruz ao Mérito Policial con distintivo blanco, distinción de Veciño Exemplar concedida pola Confederación de Asociacións de Veciños de Lugo, salmón de Ouro, insignia de Ouro da Asociación de Fillos e Amigos da ­Estrada.

07 dic 2020 / 07:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito