Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CAETANO DÍAZ VIDAL / Periodista / Subdirector

19 días (de periodismo) e 500 noites (de rocanrol)

Crucei hai trinta e dous anos a porta de EL CORREO na sede histórica do Preguntoiro (nesa rúa compostelá cabe un mundo con códigos propios) para o que ía ser unha aventura fugaz. Trinta e dous anos despois aquí sigo, mentres resoa na miña cabeza o ramalamadindón co que Demetrio Peláez lle puxo letra de puro rocanrol á foto dunha romaría (a imaxe dunha enchenta feliz, vaia) aquel verán do 88. No descaro ácrata dese periodista capaz de escribir unha crónica escintilante dos touros de Pontevedra, sen case saber distinguir entre un pase de peito e unha chicuelina, nin falta que lle facía, está quizais a explicación, unha delas, de por que un vagabundo deste oficio que tanto quixen acougou tres décadas nesta Casa que hoxe festexa un parto inédito: 50.000 números nos que caben Galicia, España e o mundo; nos que as historias da xente son protagonistas e nos que agroma con afouteza a vida, o que somos e o que soñamos.

Ben sei que son a gasolina dos coches vintage e a tinta impresa os manxares preferidos de Deme-trio, que anda pola vida coa maleta machadiana, espido coma os fillos do mar, e que se inspira nas receitas de Sabina (barrunta que isto dura o que duran dous peixes de xeo nun güisqui on the rocks, e prefire rir que finxir) e nas de Aute (sospeita que tras a noite virá a noite máis longa, mentres miles de voitres calados van extendendo as súas ás) e nas de Krahe (poida que o bo tempo lle dea asco dende que tivo un gran amor durante unha treboada) e nas de Dylan, se tal, porque descubriu de pequeno que as respostas flotan no vento.

Na súa cabeza caben a España-camisa-blanca-de-mi-esperanza, a Galicia calma dos bos e xenerosos e, se me apuran, o Madrid dos Austrias e o das corralas. O caso é que grazas a el e ao seu colega iniciático Suso Mourelo (metade monxe, metade soldado, metade caldeireiro, metade espía, periodista con alma de escritor, escritor coa curiosidade do periodista), grazas a eles dous, digo, entendín que esta era a miña Casa definitiva naquel verán máxico de periodismo libérrimo no Galicia Vacaciones, un feliz experimento no que Xurxo Fernández reinventou o deseño dacabalo da máxica Regra Áurea e do teorema axial de Bruno Munari, o seu mestre, e no que Sela Cea, Carmen Botana e Charo Barba nos abriron un paraíso estremecido de gozos e sombras (de Grey) dende a súa cama con dosel compartida. Iso foi para min EL CORREO: periodismo desatado, familia feliz.

Agora que a viaxe a Ítaca encara as últimas etapas, toca agradecer os milagres dun longo camiño de aventuras e de experiencias, de caer e de erguerse, de amores e de desamores. Grazas, si, a tantos que me axudaron a sentirme orgulloso de 19 días de bo periodismo, nin moito nin pouco, o xusto para xustificar tres décadas entretido neste bendito oficio. Grazas, si, a todos cos que compartín 500 noites de rocanrol. E grazas, tamén, á procesión dos caladiños, tan galega ela: aprendín dos seus confrades que o que non te mata faite máis forte. Que san Demetrio Peláez lles perdoe os seus pecados. E que me perdoe os meus, de paso. Amén.

16 jun 2020 / 01:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito