Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
PEPE COIRA NIETO / Escritor, periodista y cineasta

Arriba e abaixo

Se por min fose, o xornal que agora vostede ten diante non sería o de hoxe, senón o de mañá. O primeiro día que traballei en EL CORREO GALLEGO case conseguín que non houbese periódico. Empecei a colaborar no xornal como crítico cinematográfico. Eran primeiros dos oitenta, eu estudaba (?) en Santiago e tiven a xenial idea de que, sendo crítico, se cadra entraba gratis ao cine, como así foi. Presenteime na redacción con dúas críticas que escribira para dar idea da clase de crítico que podía dar. Alfonso Cabaleiro, por entón redactor, atendeume, consultou con alguén (imaxino que con Gallego Tato, o director) e ao día seguinte díxome que si. Eu non fixera nada antes, non ía de parte de ninguén... e aínda non sabía o raro que é que che dean unha oportunidade nesas condicións.

Como é obvio, non foi cunha crítica cinematográfica co que puxen en risco a saída do xornal do día seguinte. Iso foi un ano despois. A culpa tívoa José Manuel Rey Novoa.

UN DÍA FUN AO SEU DESPACHO. O meu obxectivo era aumentar a remuneración, un tanto modesta, que recibía polas críticas. O que aforraba en entradas supoñía bastante diñeiro para min, pero aínda así quería máis. Rey escoitoume educadamente. E díxome que non. O natural sería que aí rematase a reunión, pero el fixo algo imprevisto. Deume a ler a derradeira páxina do xornal daquel día. Pediume que marcase as erratas que atopase no texto. Non me limitei ás grallas ou erros de puntuación, senón que tamén busquei posibles defectos de redacción. Marquei algo máis de corenta. Ao escoitar a cifra, Rey alzou as cellas, colleu o xornal e revisou as marcas que eu fixera. Seica atopara o dobre ca el. Non había máis diñeiro para un crítico de cine, pero si para un corrector de erratas. Se estaba interesado, o traballo era meu: tres horas ao día, entre as 10 da noite e a 1 da mañá, revisando as páxinas xa compostas antes de que pasasen ao prelo.

O primeiro día déronme unha mesa na redacción, que estaba no piso de arriba do edificio do Preguntoiro. De abaixo, onde estaban os talleres, íanme subindo as páxinas conforme estaban rematadas. Eu marcaba todo o que, ao meu criterio, estaba mal: grallas ortográficas; comas e puntos que sobraban ou faltaban; e sobre todo frases –ao meu ver– que podían estar mellor construídas... Aquel día era luns. Seino porque as primeiras páxinas que revisei eran de Deportes e estaban cheas de crónicas de partidos de fútbol de ligas menores. Aquelas crónicas redactábanas colaboradores locais con máis afección ao fútbol ca oficio xornalístico. Impulsado polo meu magnífico éxito no despacho de Rey, incei cada páxina de marcas. Levaría hora e media ou dúas traballando cando o redactor de garda, Antonio Lodeiro, cunha expresión no rostro que non esquecerei, veume dicir que había problemas. En talleres andaban alporizados. Corrixir as páxinas que levaba revisadas xa ía supoñer que ese día rematasen o traballo varias horas máis tarde do debido. Se continuaba facendo o mesmo co resto das páxinas, o xornal, simplemente, non sairía.

REBAIXEI OS MEUS ESTÁNDARES e hora e pico despois, tentando ignorar as miradas de odio que me lanzaban desde talleres, marchei para o Tamboura mascando varias leccións que recibira esa noite. A principal: convén coñecer o contexto antes de establecer o que está ben e o que está mal.

Ao día seguinte, malia os meus esforzos, houbo xornal. E eu tiven que regresar ao lugar onde tanto metera a zoca. Alguén decidiu que mellor era que traballase en talleres, directamente coas persoas que preparaban as páxinas que eu ía revisar. Ou eran magníficas persoas –que si que o eran- ou debín de inspirarlles moita compaixón, porque me recibiron ben. Aprendéronme o oficio. Había bo ambiente en talleres. O traballo permitía esa clase de conversa demorada propia da faena en equipo, que se acende e se apaga sen motivo aparente. Había bromas, contos... e queixas por como ás veces viñan os textos de arriba, de redacción. Domingo, o xefe de talleres, o que regularmente subía e baixaba as escaleiras que separaban aqueles dous universos, non levaba ben esas críticas aos xornalistas. Domingo acendíase. Era un home duro, esixente. Non debéramos queixarnos, nós tiñamos traballo grazas aos de arriba; eles eran os importantes!

CANDO REMATEI A CARREIRA, Rey Nóvoa –qué ben me tratou sempre– ofreceume traballo como redactor. Subín as escaleiras, a esoutro universo que tan pouca relación gardaba con talleres. Durante un ano fun xornalista. Finxín selo, máis ben. Porque axiña, vendo aos bos, decateime de que eu non o era. Con todo, nese curto espazo de tempo concentráronse tantas experiencias que fan que, media vida despois, siga sentindo como parte esencial de min aqueles días decisivos de EL CORREO.

Afortunadamente para vostede, querido lector, non hai sitio para contar apenas nada daquel ano (pérdese, por exemplo, o relato do meu primeiro día como xornalista, igual de patético ca o de corrector). Quedareime só cun detalle. Es-tando arriba puiden admirar a Domingo, o xefe de talleres, coma quen descubre a cara oculta da lúa. Se alguén dicía algo crítico coa xente de talleres, Domingo acendíase. Non deberan queixarse, e si deberan preocuparse por mandar os textos en mellores condicións a talleres, porque sen o traballo dos de abaixo non había xornal; eles eran os importantes!

16 jun 2020 / 01:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito