Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
DOLORES MARTÍNEZ GARCÍA / Exconsejera y accionista

Celebrar o cuarto poder

Teño a fortuna de ter sido conselleira durante un tempo e accionista dende que a memoria me abrangue os recordos deste xornal, EL CORREO GALLEGO, do que agora celebramos a edición do número 50.000 e por tal motivo lle participo os meus sinceros parabéns. EL CORREO GALLEGO é o xornal de Santiago de Compostela e de Galicia toda, a cabeceira máis popular e querida, o símbolo dunha cidade notable e notoria que forma parte da miña vida e penso que da de todos como un elemento básico de cotío. EL CORREO GALLEGO é parte da paisaxe urbana de Santiago de Compostela e sen dúbida é tamén canle principal de información en toda Galicia e no estranxeiro. Agora celebra asemade o ter levado 142 anos saíndo ás rúas, por todo elo felicitacións.

Santiago de Compostela, a capital de Galiza ten de contar cunha cabeceira de prensa pois é un signo de identidade para a cidade. Pero ademais e sobre todo é un soporte de noticias e informacións, un espazo de comunicación e divulgación. Un xornal cerca de nós é garantía de contar cun espazo onde publicar con liberdade de expresión e opinión ós nosos autores e ós seus textos de carácter periodístico, cultural, social, político, económico ou de lecer.

A prensa é expresión e garantía da heteroxeneidade nas posicións e nas argumentacións. É apoio das misceláneas nos contidos que teñen de ocupar a axenda dun cidadán do século XXI. É expresión transversal nun contexto social poliédrico e soporte de informacións cotexadas e contrastadas. A prensa é un bo espazo para elevadas porcións de cultura analóxica e novo receptáculo ó galope de moitos contidos dixitais.

Un xornal que celebra o seu máis que centenario aniversario no século XXI e que leva ademais a cabeceira do lugar onde acude toda a cultura cristián de occidente en peregrinación está sometido a moitas esixencias. Ten que respectar as súas herdanzas e afrontar con valentía os retos que se lle aparecen no eido editorial e de contidos, na cultura de empresa, no trato con empregados e colaboradores. E na comunicación de portas afora, cos lectores, co público e cos outros axentes da vida cultural, económica e política. Un xornal de tantos anos coma calquera gran casa, grande empresa está construído polos esforzos, sacrificios, fracasos e éxitos de moitas e moitas persoas ó longo dos anos, das décadas. A eles tamén os felicitamos nesta efeméride.

O mesmo que a cultura en Galiza ou a economía na nosa terra pasaron por etapas de pulo inicial que agora serven de herdanza e inspiración, un xornal é un axente vivo desas épocas pasadas e tamén é testemuña imprescindible cando non interlocutor das épocas presentes e calibrador das tendencias do futuro inmediato e a medio e longo prazo. Para comprender quen somos, compre recordar o pasado inmediato da prensa escrita e os sectores industriais en transformación no troco de século. Debemos repasar a dolorosa etapa presente de troco cara os contidos dixitais e o tele traballo e mesmo de crise nun sentido de reinvención ou renacemento de moitas das formas de prensa e das formas das industrias e dos traballos. Canto ó futuro, non vou ser eu visionaria, mais sí quero expresar dúas ideas.

No futuro da prensa, da cultura e das industrias teremos de ter moi presente unha ecuación con variables de creatividade ou artes, tecnoloxías ou ciencia, industrias e mercados. A prensa ten de recoñecer o espírito dos tempos e dar resposta ás inquedanzas dos foros apostando por formatos e contidos de interese e sobre todo fidedignos. A autoría nas tecnoloxías e nas artes e nas opinións vertidas nun xornal son o mellor argumento.

Outra idea que desexo participar é a realidade das persoas que participamos e construímos as escenas culturais, empresariais, políticas ou tecnolóxicas. As mulleres temos xa participación notoria e o mesmo ten de acontecer coa progresiva internacionalización das sociedades e a diversidade. Como muller empresaria participo con ilusión no Club de Consejeras da AGEF, e tanto dende as xuntanzas coas outras mulleres conselleiras como dende a miña posición como accionista no El Correo Gallego, apoiarei e defenderei os espazos sociais, culturais, económicos, empresariais, industriais e políticos integradores, transversais e de progreso, onde ideas, creatividade, deseño e tecnoloxías sexan os compañeiros cotiás.

Espero e desexo que El Correo Gallego teña un moi ledo aniversario e aposto por compartir co xornal e con todos os que leen estas liñas moitos aniversarios máis no futuro. Así tomaremos o pulso ás evolucións da cultura, da economía, da industria, das artes e do mundo editorial en sede ECG.

16 jun 2020 / 01:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito