Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
RAMÓN DOMÍNGUEZ REGO / Exconsejero

Forte apego á nosa terra

Ser conselleiro dun medio de comunicación tan singular e importante para Galicia como EL CORREO GALLEGO é para min, ante todo, motivo de orgullo e agradecemento pola confianza recibida.

Vivía daquela a compañía momentos cruciais na súa expansión, afrontando grandes retos e oportunidades para converterse nun grupo multimedia, incorporando ao xornal a radio, a televisión e unha produtora de contidos audiovisuais. Produtora que realizou series de ficción tan exitosas e inesquecibles como: Pratos combinados ou Libro de familia.

Un ambicioso proxecto liderado polo director do Grupo, José Manuel Rey, e que foi posible grazas á ilusión, esforzo e profesionalidade do excelente persoal deste grupo de empresas.

O obxectivo último deste plan era dispor de todos os resortes e liñas de negocio para satisfacer as inquedanzas máis diversas do público seguidor deste medio de comunicación galego. Un medio próximo e con fortes apegos á nosa terra. Tratábase de entreter e informar o lector, telespectador ou oínte, sempre “con puntualidade e rigor” de canto acontecese e puidese ser do seu interese, dando voz ás súas reivindicacións e propostas, buscando a súa implicación na vida social.

Esta preocupación pola persoa é unha constante en todas as actividades que leva a cabo este grupo de medios. Son múltiples as ocasións, eventos e actos nos que se resaltaron, premiaron ou puxeron de relevo os méritos de prestixiosos galegos: grandes profesionais, creadores, investigadores, científicos, artistas, deportistas e, como non, relevantes políticos, destacando a súa contribución ao desenvolvemento do noso país galego.

Foron tamén destinatarios de merecido eloxio destacados empresarios que non só xeraron riqueza e emprego en Galicia, senón que despuntaron alén das nosas fronteiras, proxectando, a nivel internacional, a imaxe dunha Galicia moderna.

En hora boa por tanto traballo ben feito durante tantos anos e os meus mellores desexos para o futuro.

16 jun 2020 / 01:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito