Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Manolo e Suso Cea: humilde grandeza

Educa moito ter que abrirse camiño cando está cheo de pedras, silvas e pendentes, en especial cando a necesidade cho pon diante tan cedo, case na infancia. Debe de ser moi duro para un neno asumir o sacrificio a tempo completo logo de atoparse, de súpeto, cun porvir prematuro no que nin sequera pensara.

Manolo Cea e Suso Cea eran Panxolos pola súa nai, que rexentaba unha tenda de ultramarinos e unha carnicería. Tiñan o seu mundo na Rúa de Abaixo. Piso de terra e lama con estreitas beirarrúas de lousa. Casiñas pequenas caleadas, con horta para atrás e portas moi baixas de postigo cunha pombiña esculpida no lintel de pedra. Unha gran fonte de pilón no centro, na parte máis ancha da rúa, case praza, na que ardía a larada de San Xoán en xuño e que acubillaba o raquítico palco da festa en setembro. Eran tempos de hospicios cheos, había que bailar coa posguerra e coa fame. Nin un triste coche asomando naquel diminuto universo no que pasaban os días e desde o que viaxaron da infancia ao mundo adulto sen apearse na adolescencia. Despois formaron unha familia, grande como as daquela, e nun suspiro aprenderon a vivir costa arriba baixo unha copiosa chuvia de responsabilidades. Sen paraugas. Os dous Panxolos tiñan luces como para entender que adaptarse era unha necesidade urxente e vital, e seguiron axiña o rumbo do seu pai, Elisardo, ao entrar en EL CORREO GALLEGO. Aqueles corazóns mozos iniciaban, con todo por aprender, un longo latexo que non deixou de bombear paixón á histórica empresa compostelá.

IMPRIMIR UN PERIÓDICO É AGORA MESMO UN PEQUENO MILAGRE; daquela era un labor heroico. Suso traballaba na linotipia, un enxeño mecánico desaparecido hai décadas que permitía transformar en galeradas de chumbo os textos dos redactores do xornal para poder levalos á rotativa que controlaba Manolo. A precariedade deixaba pouca marxe nuns centros de traballo que, igual que os barrios, eran carne de miseria. Nese contexto de querer e non poder emerxeu a humilde grandeza dos que manufacturan entrega, imaxinación e iniciativa. Manolo Cea e Suso Cea tiñan abondo diso e aínda gardaban ases na manga que lle serían de enorme utilidade ao xornal: compromiso e liderado. Eran quen de fabricar ilusión.

INQUIETUDE E AFÁN DE MELLORA EMPUXARON A SUSO, home de acción, e a sala das linotipias quedoulle pequena. Polas súas veas circulaba un vigoroso talento vendedor que estourou cando as cousas foron mellorando e EL CORREO GALLEGO se lanzou a explorar novas atmosferas comerciais. Pioneiro con discurso cercano e atinado; convencido do seu que soubo sementar en feiras e certames; que cociñou a lume lento unha retórica tan apaisanada como metropolitana, sobrecolledoramente eficaz, e que entendeu á perfección o inmenso valor de trenzar os fíos da empresa no tecido social –a Carreira Pedestre Popular que algarabía Santiago desde hai máis de corenta anos dá mostra diso–. Nun cosmos de anuncios e comunicación deseñada, o seu Norte era fabricar espazos temáticos para colocar novos reclamos e abrir mercados. Suso foi máis alá dese Norte e clavou bandeira. Inventou e formou un gran equipo que puxo en valor a información publicitaria e a promoción comercial. Esa visión levou a marca EL CORREO GALLEGO a outros puntos do mapa galego.

Manolo Cea era á rotativa o que o verde á herba fresca. Foron inseparables desde que a memoria alcanza, ela coa súa tecnoloxía laberíntica, el coa clarividencia dun home que, aínda desprovisto de formación científica, entendeu e abordou con criterio a complexa enxeñaría da impresión en papel prensa a altas velocidades. A primeira rotativa tiña nome de muller. Ou de virtude teologal, quen sabe. Fe, que así a chamaban, foi para Manolo, máis que a presión dunha máquina que non podía deixar de funcionar nunca, unha escola universitaria e unha oportunidade para comprender a urdime do traballo en equipo. De pronto tivo que convivir en contacto estreito coa pneumática, a electricidade ou a mecánica. Co tiro do papel, a viscosidade da tinta, o PH da auga e outras lindezas da química aplicada á impresión. Cando te atopas de fronte con procedementos tan descoñecidos e enmarañados nun proceso produtivo industrial, podes agocharte por sentirte pequeno e inseguro ou, apelando ao esforzo, o atrevemento e a confianza, asumir o reto e convertelo en estímulo autodidacta.

MANOLO, AO ABEIRO DUN COÑECEMENTO CADA DÍA MAIOR, EMPEZOU A BRILLAR, e a súa luz foise espallando por todo o taller de EL CORREO. Logo máis responsabilidades, maiores desafíos e unha viaxe con billete de ida á cúpula da empresa. Desenvolveu, non hai por que describilas en detalle, tarefas ‘imposibles’ en fracos espazos de tempo de cara á posta ao día dun xornal que se proxectaba con forza. Así se construíu un líder cun prestixio forxado a golpe de empeño, audacia e sentido común. E con todo, o punto forte de Manolo Cea, onde a súa figura se axigantaba, era o trato humano. Acumulaba amizade con usura e desbaldía irmandade e apego. Axudaba sen taxa e sen condicións. A calquera. Con toda a súa alma.

Manolo Cea e Suso Cea dedicáronlle a vida a EL CORREO GALLEGO, que correspondeu ofrecéndolles un fermoso camiño. Os Panxolos da Rúa de abaixo, tan queridos e admirados, tan nosos, xa non están, pero a veces aínda poden verse repasando papeis naqueles despachos alumeados polos seus sorrisos escintilantes, como estelas na mar. ECG.

16 jun 2020 / 01:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito