Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
XAVIER CEA OTERO / Subdirector / Edición dixital

Unha batalla que El Correo Gallego sempre acaba gañando

Acórdome dos primeiros traballos que asinei en EL CORREO GALLEGO. Unha reportaxe sobre o fenómeno das vivendas baleiras na área de Santa Comba, unha entrevista á directora do Conservatorio de Música de Santiago, profesora de piano, e un relato curto de ficción e tinxe dramático que se publicou no suplemento dominical titulado A agonía do vello Trolas. Textos de escrita aparatosa e rebuscada, de pluma inexperta e pouco hábil. De contado asumín que eu non era posuidor dunha prosa intensa e literaria e centrei esforzos en adquirir oficio para, cando menos, aprender a ulir historias e chegar a contalas de xeito correcto, que xa non é pouco. Tiven a fortuna de ver xornalismo e xornais desde varias perspectivas; fun observador interesado de grandes profesionais e puiden tocar moitos ‘paus’ da elaboración dun periódico, algo coral e profundamente humano que sempre me fascinou.

Corrixín primeiro textos paridos por linotipias e máquinas de escribir. Coñecín as entreteas do taller da imprenta, algo que segue sendo moi útil, e entrei timidamente na Redacción, recén nacida a década dos 90, cando Manuel Fraga desembarcaba no Obradoiro rodeado de gaitas para dirixir a Xunta. Daquela os periódicos informaban de asuntos que agora, sorprendentemente, seguen moi vivos e vixentes. Falábase moito de infraestruturas esenciais, do Xacobeo e o espertar turístico, de Europa e o espazo europeo, de converxencia económica, de internet e comunicacións, da lingua galega, da autoestima de Galicia... Precisamente a Rede e a lingua foron para EL CORREO o corazón de dúas iniciativas que significaron un enorme éxito. Tamén unha decepción. Das dúas formei parte.

Recordo moi ben a sacudida que supuxo a creación inesperada de O Correo Galego. Décadas de devezos, de intentos fallidos e de aspiracións aireadas e compartidas pola intelectualidade do país acabaron o 6 de xaneiro de 1994 ao saír á rúa o número un de O Correo Galego, o primeiro diario escrito integramente en galego e que estaría nos quioscos ata 2003. Dous dos meus fillos naceron neses mesmos anos. En 2003, O Correo Galego deixoulle paso a Galicia Hoxe, unha realidade xornalística máis autónoma e máis galega, unha experiencia enriquecedora e estimulante. Un fito que quedará aí para a Historia. A Redacción, dirixida por Caetano Díaz e cun grupo de profesionais de enorme capacidade, encheu milleiros de páxinas con historias de Galicia para Galicia. Con narracións plurais e variopintas. Co noso retrato. Con dignidade. Ata 2011.

Os ventos do cambio e a miña relación de anos atrás coa imprenta empuxáronme a tarefas técnicas. Requeríuseme para axudar no tránsito cara a un novo proxecto industrial centrado nunha rotativa e un centro de impresión novos. Unha vez completado, volta ao xornalismo, agora ao dixital. Noticias na internet, a inmediatez e a difusión con maiúsculas. Tamén un mar de preguntas sen resposta malia que a diario usamos a Rede miles de millóns de persoas. Unha Rede que enche o mundo de información e de incerteza aos informadores porque non sabemos como facela rendible nun momento, ademais, no que o papel languidece. Agora, cando a vida profesional prescribe, cando o que toca é botar a vista atrás e saborear a nostalxia, a realidade obríganos a reconquistar o futuro e a mergullarnos nunha batalla pola supervivencia na que EL CORREO GALLEGO, os 50.000 números que cumpre dan testemuño diso, sempre acaba gañando.

16 jun 2020 / 01:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito