Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
17 M DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Ao xeito de Xela

Por Rosario Álvarez, Presidenta do Consello da Cultura Galega

Aquí vén outro 17 de maio de flores cuberto. O deste 2021 olla para a modernidade que nos chega desde o pasado. Empapámonos do espírito do que Xela Arias foi e representou para celebrarmos o día grande das nosas letras cunha ollada anovadora que condensa contemporaneidade, transgresión e compromiso, que se ergue non só desde o lado da reivindicación senón tamén desde a esperanza de quen ten os ollos postos nas vizosas novas xeracións.

As homenaxes e celebracións amosan unha Xela Arias urbana, filla do fervedoiro cultural que marcou o Vigo dos anos ‘80. Aberto ao mundo desde ese mosaico de vila, barrios e periferia que abandeirou os aires renovadores. Ben certo é que Xela, coa súa obra poética, sempre arriscada e extrema, representa ese vangardismo estético e creativo. Pero no seu legado hai máis, moito máis.

A súa faceta de tradutora tivo un valor estratéxico e simbólico nun contexto en que a lingua e a cultura galegas comezaban a avanzar cara á normalidade social reclamada. Foi unha das primeiras profesionais da edición e da tradución nunha incipiente industria editorial que, ademais de pór os alicerces, buscaba conectar as nosas letras coa mellor literatura. Con excelencia e con profesionalidade. Hai máis fíos brillantes cos que perfilar a súa figura, pois tamén nos amosou as virtudes de fusionar a palabra con outras artes, en diálogo constante e frutífero.

O futuro asenta sempre no pasado. O que nos deixou Xela prendeu no espírito emancipador que levedou no clima cultural non oficializado dos ‘80 para atopar unha figura nova, que gustaba de rodearse de máis novos aínda, facendo o camiño. O seu anceio inspirounos no seu ano para apostar polos creadores e creadoras novos, novísimos. Bea Gregores, Laura LaMontagne, PicoAmperio, Lois Alcayde, Alba Cid, Alicia Fernández, Ismael Ramos, Oriana Méndez, Gonzalo Hermo e tantos outros dos que naceron na década transgresora ou cando só quedaba daquilo un morno remol. Neles pousamos grandes e pequenas encargas no programa da homenaxe a Xela deseñada polo Consello da Cultura Galega. Porque ela nos ensinou que sen pasado e sen presente non se pode construír futuro.

Que Xela medrase na aldea, en Sarria, non é só unha feliz nota biográfica. É o motor da súa singularidade. Alí chantou as súas raíces nunha mesta rede familiar e no ambiente da Escola Primaria de Orientación Agrícola da Granxa de Barreiros, onde seu pai ensinaba.

Foi o humus no que xermolou unha personalidade que axiña reforzou no seu paso polo Colexio de Fingoi e que estoupou na súa chegada á metrópole. A cidade recibiu unha nena de oito anos esperta, inqueda, rexa, fondamente coñecedora da esencia da cultura galega, notas que sempre arrequentou.

Edificou nos alicerces da esencia máis xenuína da cultura galega cos novos aires renovadores que traían as ondas do mar de Vigo e cos ecos da combativa cidade proletaria. Estaban todos os ingredientes para unha fusión rompedora, non sempre doada de conter. Xela, si, representou o equilibrio dos extremos, ese que ela dicía ambicionar.

17 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito